O pleno de Valga acorda seguir pagando ao goberno local as dietas que o Consello de Contas considerou irregulares

Goberno local de Valga, tras o pleno de investidura do alcalde, Bello Maneiro © Concello de Valga

O alcalde de Valga, o popular José María Bello Maneiro, foi investido por novena vez consecutiva como rexedor da localidade. A candidatura do PP, que el lidera, arrasou nas eleccións municipais do 28M, obtendo 9 dos 13 concelleiros e máis do 60% dos votos. Fíxoo só unhas semanas despois de que fosen públicos os informes do Consello de Contas e a Fiscalía do Tribunal de Cuentas que sinalan a irregularidade de varias dietas instauradas polo goberno local desde hai anos, algunhas delas destinadas en exclusiva aos membros do executivo, como as comisións de coordinación.  

Bello Maneiro sumará, no caso de rematar o mandato, 36 anos á fronte do Concello de Valga, sinalado nas últimas semanas logo de que o Consello de Contas puxese o foco en supostas irregularidades cometidas polo goberno que el lidera. 

Presentación da candidatura de Bello Maneiro (PP) en Valga, coa presenza do conselleiro de Economía, Francisco Conde © PP Valga

Nun dos seus informes, o órgano fiscalizador conclúe que os diferentes executivos do PP na localidade pontevedresa cobraron dietas ilegais durante trinta anos a través desas comisións de coordinación, reunións periódicas -case sempre semanais- que foron creadas á marxe dos órganos legais, sen control ningún e en exclusiva para os edís de goberno, polas que estes percibían elevadas dietas de asistencia. O PSdeG local denunciouno e levou á xustiza uns pagos que considera en realidade un "sobresoldo" para os concelleiros do goberno local e que, estima, supuxeron un desembolso de máis de 500.000 euros en total desde que foran instaurados en 1991, ano no que Bello Maneiro chegou á alcaldía. 

O pleno, cos votos a favor do PP, aprobou volver instaurar as comisións de coordinación que foran postas en cuestión polo Consello de Contas

Este pasado xoves, o pleno municipal aprobou a nova organización e insistiu en volver instaurar -a proposta do rexedor- para o vixente mandato as comisións de coordinación, malia os reparos que o Consello de Contas amosou. Co voto favorable dos edís do PP e o voto en contra dos de PSdeG e BNG, o pleno deu o visto e prace a este órgano que, como aclara o Concello, estará integrado "polo alcalde e os concelleiros delegados" -os membros do goberno local- e que se celebrarán en "sesións ordinarias con carácter semanal".

Tamén cos votos a favor dos populares e o rexeitamento da oposición, acordouse que cada un dos membros da corporación que acusan a estas comisións de coordinación cobrará 100 euros por sesión, mentres que o presidente deste órgano colexiado percibirá 50 euros a maiores por cada comparecencia: 150 euros. Supón unha suba con respecto ao que se pagaba no anterior mandato. 

Bello Maneiro, co bastón de mando no pleno de investidura © Concello de Valga

Foi nun informe do pasado mes de marzo cando o Consello de Contas ratificaba a irregularidade destas comisións de coordinación, indicando que desde 1991 ata 2017, "tanto as reunións como as percepcións de asistencias á comisión de coordinación non se adecúan á legalidade ao non estar previsto como órgano complementario no regulamento orgánico municipal". Ademais, indicaba que o Concello acabou por constituír formalmente a comisión de coordinación nese 2017, pero tamén de xeito irregular ao non prever a presenza dun funcionario que actuase como secretario. 

Cada un dos membros do goberno local cobrará 100 euros por asistencia a cada unha das reunións, unha cantidade maior á que se pagou no anterior mandato

Na proposta da alcaldía, aceptada polo pleno, insístese en non contar con ese funcionario que actúe de secretario. No texto, aclárase que levantará acta destas reunións "un concelleiro designado no seu seo e que terá a condición de concelleiro secretario da comisión".

Segundo indicaba Contas no seu informe, a raíz da información facilitada polo propio Concello de Valga, entre o 17 de xuño de 2017 e o 31 de decembro de 2021 a administración local desembolsou un total de 87.440 euros en dietas de asistencia aos membros do goberno local, uns 1.620 euros mensuais, case 20.000 ao ano. O alcalde tería sido o que maior cantidade percibiu neses catro anos e medio pola súa presenza en 223 das reunións: 18.190 euros, a uns 82 euros por xuntanza. Agora, as dietas elévanse a 100 euros para os concelleiros e a 150 para aquel que exerza de presidente: 400 e 600 euros ao mes, respectivamente. 

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, xunto a José María Bello Maneiro, alcalde de Valga © Concello de Valga

Pero a celebración das comisións de coordinación e o pagamento de dietas lévanse realizando desde 1991 en Valga. Durante a investigación levada a cabo, segundo fontes coñecedoras do proceso xudicial, o interventor do Concello achegou información nas dilixencias previas nas que advertía dun gasto para o Concello de 215.000 euros no período entre 2003 e 2016, o que supón unha media de máis de 15.000 euros en cada exercicio e dun total que superaría o medio millón de euros, segundo tamén denuncia o PSdeG.

Ante esta denuncia, o alcalde asegurou que seguiría organizando as comisións de coordinación e pediu o Consello de Contas que corrixise o seu informe. Non foi a primeira vez que Bello Maneiro desafiou o ente fiscalizador. Hai só unhas semanas deu orde de pagar outras dietas a uns funcionarios municipais que foran cuestionadas polas súas irregularidades, tanto por este organismo como pola Fiscalía do Tribunal de Cuentas. 

Casa do Concello de Valga Dominio Público Lameiro

O Consello de Contas puxera en cuestión as dietas cobradas polo secretario e interventor do Concello durante anos nunha denuncia en forma de informe que foi logo ratificada pola Fiscalía do Tribunal de Cuentas, que insistía na denuncia do órgano fiscalizador galego e advertía da posible "responsabilidade contable" nos pagos aos dous funcionarios por, entre outras cousas, abonarlles dietas "sen xustificar". 

Só uns días despois do informe fiscal, o rexedor asinaba a liquidación das dietas de ambos traballadores públicos polo último semestre de 2022, autorizando os pagamentos postos en cuestión. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.