O goberno de Valga desafía o Consello de Contas e o Tribunal de Cuentas e paga as dietas que declararon irregulares

Presentación da candidatura de Bello Maneiro (PP) en Valga, coa presenza do conselleiro de Economía, Francisco Conde © PP Valga

O alcalde Bello Maneiro (PP) autorizou o cobro das dietas só días despois de que Contas as considerase irregulares e de que a Fiscalía de Cuentas as cuestionase

O pasado mes de abril, o alcalde de Valga, José Manuel Bello Maneiro (PP), rebatía o informe no que o Consello de Contas puxera en cuestión as dietas cobradas polo secretario e interventor do Concello durante anos aludindo a un suposto ditame do Tribunal de Cuentas ao seu favor que non era tal. Só uns días despois, a Fiscalía do mesmo tribunal insistía na denuncia do órgano fiscalizador galego e advertía da posible "responsabilidade contable" nos pagos aos dous funcionarios por, entre outras cousas, abonarlles dietas "sen xustificar". Só uns días despois do informe fiscal, o rexedor asinaba a liquidación das dietas de ambos traballadores públicos polo último semestre de 2022, autorizando os pagamentos postos en cuestión. 

Bello Maneiro desafiou así o ditame do Consello de Contas e o informe da Fiscalía do Tribunal de Cuentas, cumprindo coa súa ameaza de que seguiría pagando estas dietas, así como as que leva cobrando el e o resto do goberno local desde hai décadas e que o órgano fiscalizador certificou como ilegais

O alcalde de Valga, Bello Maneiro, na presentación da súa candidatura para o 28M © PP Valga

Nas follas de liquidación asinadas polo rexedor, aos que tivo acceso Praza.gal, autorízase o cobro de 673,20 euros por parte do interventor en concepto de dietas por desprazamento, peaxes e manutención entre xullo e decembro de 2022, así como de 1.084,60 euros polos mesmos conceptos por parte do secretario. 

Contas considera que o cobro das dietas por parte dos funcionarios "non están previstas no marco xurídico" e a Fiscalía de Cuentas cre que pode existir "responsabilidade contable"

Son pagos como os que investiga a Fiscalía de Cuentas, que se cingue aos 20.000 euros en sobresoldos percibidos por cada un dos funcionarios entre 2017 e 2021. No seu informe, considera que "indiciariamente" pode "existir responsabilidade contable" en varios dos supostos xa denunciados polo Consello de Contas e reprocha a "percepción de dietas por desprazamentos sen xustificar". Insiste, ademais, en que esas dietas "non están previstas no réxime xurídico aplicable, nin a xustificación documental achegada pode considerarse como suficiente, motivo polo que non se considera suficientemente xustificada nin a percepción de dietas nin a xustificación destas"

Tanto Contas como a Fiscalía do Tribunal de Cuentas sitúan o foco nas dietas recibidas polo interventor José Juan Vidal Vilanova e o secretario Juan Manuel Salguero, nomeados "por acumulación" ao traballaren durante unhas horas en Valga sen abandonar as súas funcións nos seus concellos de orixe, Sanxenxo e Ribeira. Por esta circunstancia, o seu soldo incrementouse un 30%, como marca a lei, pero o consistorio de Valga decidiu incrementar a súa retribución con dietas por gastos de manutención e locomoción que agora son postas en dúbida. 

Francisco Conde, vicepresidente da Xunta, xunto ao alcalde de Valga, Bello Maneiro © PP Valga

O Consello de Contas tíñao claro: "Conforme ao marco xurídico vixente, non está previsto o abono de dietas aos funcionarios en acumulación". A Fiscalía do Tribunal de Cuentas investiga agora a posible "responsabilidade contable". O Concello, hai menos dun mes, decidiu autorizar de novo os pagos do secretario municipal e o interventor. 

As dietas cobradas polo goberno local durante décadas e declaradas ilegais por Contas nunca foron cuestionadas polos funcionarios que reciben os cobros agora investigados

Coincide que estes dous funcionarios eran os encargados de velar pola legalidade no Concello e, polo tanto, de que os pagamentos autorizados polo Concello estivesen en regra. Como destacaba o Consello de Contas, as polémicas dietas cobradas polo goberno local pola súa asistencia ás denominadas comisións de coordinación -un mínimo de 300.000 euros que a oposición eleva ao medio millón desde 1991- non recibiron pega ningunha da intervención municipal desde 2017, o mesmo ano no que o interventor Vidal e o secretario Salguero se incorporaron ao Concello. 

O propio interventor xustificou nun informe o cobro das súas propias dietas e o Consello de Contas advertiu de que se realizaran pagamentos por ceas e comidas sen xustificación de horarios demasiado amplos, que había casos de duplicidades por gastos idénticos nun mesmo día, liquidacións de dietas todos os meses -sen ter en conta as vacacións- ou cobros de peaxes sen a achega dos tickets. Malia que os cobros se suspenderon en 2021 tras as denuncias da oposición, volvéronse pagar ao pouco. 

Sede do Tribunal de Cuentas, en Madrid © Tribunal de Cuentas

As sombras mantéñense, xa que logo, sobre as dietas cobradas polo interventor Vidal. As relacións entre o Concello de Valga e empresas administradas por el foran denunciadas por En Marea en 2018, aínda que a causa fora arquivada. No caso do secretario Salguero, o seu nome saía nalgunhas das conversas intervidas pola policía ao abeiro do caso Pokémon, nas que políticos do PP buscaban desfacerse do seu homólogo en Santiago ao ser un atranco nos plans do daquela rexedor, Gerardo Conde Roa, segundo os investigadores. Aquel funcionario fora substituído por Salguero, cuxo nomeamento foi pouco despois declarado nulo. 

BNG e PSdeG esixiron a toma de responsabilidades ou a dimisión do alcalde, que vén de presentar co apoio do vicepresidente Conde a súa candidatura para recuncar na alcaldía na que leva 32 anos

Así, mentres BNG e PSdeG esixiron a toma de responsabilidades ou a dimisión do alcalde, Bello Maneiro vén de presentar a súa candidatura ás eleccións municipais do vindeiro 28 de maio, nas que opta á súa novena reelección logo de 32 anos de goberno. Fíxoo esta pasada fin de semana e contou co apoio no acto co apoio do presidente do PP de Pontevedra, Luis López, e o do vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación da Xunta, Francisco Conde.

O titular de Economía do Goberno galego apelou á necesidade de que o Concello de Valga siga apostando "pola axilidade administrativa, a redución de trabas fiscais e burocráticas e a xeración dun clima favorable para seguir captando investimentos".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.