O Consello de Contas ratifica que o goberno local do PP en Valga cobrou durante 30 anos dietas ilegais

Bello Maneiro, tras ser investido alcalde de Valga por oitava vez, en 2019 © Concello de Valga

Os diferentes gobernos locais do PP en Valga cobraron dietas ilegais durante trinta anos. Este Concello pontevedrés impulsou en 1991 -ano no que o actual alcalde, José María Bello Maneiro, chegou á alcaldía que aínda ostenta- as denominadas comisións de coordinación. Estas reunións periódicas -case sempre semanais- foron creadas á marxe dos órganos legais, sen control ningún e en exclusiva para os edís de goberno, polas que estes percibían elevadas dietas de asistencia. O PSdeG local denunciou hai xa tempo e levou á xustiza uns pagos que considera en realidade un "sobresoldo" para os concelleiros do executivo local e que, estima, supuxeron un desembolso de máis de 500.000 euros en total. 

O Consello de Contas ratifica que as comisións de coordinación de Valga e as dietas pola asistencia a elas "non se adecúan á legalidade" nin teñen "soporte regulamentario"

Agora, o Consello de Contas ratifica a irregularidade nun contundente informe no que indica que desde 1991 ata 2017, "tanto as reunións como as percepcións de asistencias á comisión de coordinación non se adecúan á legalidade ao non estar previsto como órgano complementario no regulamento orgánico municipal", tal e como require a Lei Reguladora das Bases do Réxime Local (LRBRL) e a Lei de Administración Local de Galicia (LALGA). O órgano fiscalizador insiste logo en que tanto as xuntanzas como as dietas vinculadas á comisión de coordinación efectuáronse "sen soporte regulamentario". 

Casa do Concello de Valga Dominio Público Lameiro

Ademais, Contas aclara que non foi ata o 15 de xuño de 2017 -26 anos despois da súa instauración e en plena investigación xudicial destas reunións- cando se constituíu formalmente a comisión de coordinación en Valga, pero advirte que tamén se fixo de maneira irregular. 

Contas aclara que Valga constituíu formalmente a comisión de coordinación 26 anos tarde pero tamén de maneira irregular ao non haber funcionario que actuase como secretario

O regulamento municipal creou mediante acordo plenario este "órgano complementario de natureza consultiva e deliberante" e estableceu que estaría composto polo alcalde e os delegados de área, pero tamén que sería un dos concelleiros ou concelleiras quen levantaría acta de cada sesión, "conculcando a esixencia legal de que sexa un funcionario/a público o que actúe como secretario/a da devandita comisión de coordinación", explica o Consello de Contas, 

Xusto naquel mes de xuño de 2017, un informe do Colexio de Secretarios e Interventores de Pontevedra (Cosital) xa avisaba de que “non se adecúa á legalidade a ausencia dun funcionario público que actúe como Secretario da Comisión”. 

Agora, é  Contas quen aclara que debe ser ese funcionario, e non un edil, quen "vele pola legalidade formal e material das actuacións do órgano colexiado, certifique as súas actuacións e garanta que os procedementos e regras de constitución e adopción de acordos son respectados".

"Máxime -insiste Contas- no suposto en que os asistentes ás sesións da comisión de coordinación perciben asistencias pola concorrencia efectiva, o que configura como imprescindible o levantamento de acta das sesións que acrediten tanto a súa celebración, como a relación de asistentes". Ademais, o informe denuncia tamén que a devandita comisión "carece dalgúns dos elementos esenciais" que dispón a LALGA como a "delimitación de competencias ou os créditos necesarios para a súa posta en funcionamento" ou a "xustificación da non existencia de duplicidades con outros órganos municipais". 

Respecto dos pagamentos como dietas de asistencia, o Consello de Contas sinala que se efectuaban por medio de decreto da alcaldía, que "autorizaba e dispoñía a obriga de gastos á tesoureira do Concello" sen que "consten reparos de intervención" malia as obrigas, tanto do réxime xurídico de control interno como de remisión de información ao propio Consello de Contas. 

Francisco Conde, Núñez Feijóo e Bello Maneiro, nunha comida en Valga en 2020 © Concello de Valga

Entre 2017 e 2021, o Concello de Valga gastou máis de 87.000 euros no pago de dietas de asistencia á comisión de coordinación: 1.620 euros ao mes

Segundo indica Contas, a raíz da información facilitada polo propio Concello de Valga, entre o 17 de xuño de 2017 e o 31 de decembro de 2021 a administración local desembolsou un total de 87.440 euros en dietas de asistencia aos membros do goberno local, uns 1.620 euros mensuais, case 20.000 ao ano. O alcalde tería sido o que maior cantidade percibiu neses catro anos e medio pola súa presenza en 223 das reunións: 18.190 euros, a uns 82 euros por xuntanza. 

Pero a celebración das comisións de coordinación e o pagamento de dietas lévanse realizando desde 1991. Durante a investigación levada a cabo, segundo fontes coñecedoras do proceso xudicial, o interventor do Concello achegou información nas dilixencias previas nas que advertía dun gasto para o Concello de 215.000 euros no período entre 2003 e 2016, o que supón unha media de máis de 15.000 euros en cada exercicio e dun total que superaría o medio millón de euros, segundo tamén denuncia o PSdeG. 

Agora, o Consello de Contas reclama ao Concello de Valga que "adecúe ao marco xurídico vixente" a comisión de coordinación no que ten que ver coa delimitación das súas funcións e a non existencia de duplicidades, así como que se "estableza un réxime de indemnizacións por asistencia atendendo ás funcións e competencias encomendadas". Ademais, indícalle a necesidade da presenza dun funcionario público "que vele pola legalidade" das súas actuacións e o "control interno" e a remisión da información relativa a este ao propio órgano fiscalizador. 

"Que se carguen ao orzamento municipal 75 euros por concelleiro do PP cada luns é eticamente reprobable", denuncia o PSdeG de Valga

"A asistencia a reunións dun grupo político forma parte autoorganización do mesmo, pero que se carguen ao orzamento municipal 75 euros por cada concelleiro do PP cada luns non só é eticamente reprobable, senón que agora o Consello de Contas vén darnos a razón ao dicir que eses pagos non son legais", asegura o PSOE de Valga, que di que na súa formación sempre "estiveron convencidos da ilegalidade dos cobros". 

"Por iso desde 2015 traballamos na aclaración deste asunto", engade, tras lembrar que o grupo socialista pediu "en reiteradas ocasións" aos edís populares que deixasen de cobrar as dietas, cumprisen coa legalidade e desen conta ao pleno dos acordos adoptados nesas xuntanzas". 

Importe das dietas de asistencia á comisión de coordinación de Valga, segundo a información que achegou o Consello de Contas © Consello de Contas

Agora, o PSOE medita presentar unha denuncia ante o Tribunal de Cuentas e reclamar que "todo o diñeiro público cobrado de xeito irregular polos concelleiros populares sexa reintegrado ás arcas municipais". 

A xustiza arquivara a investigación aberta pero manifestara dúbidas sobre a legalidade das dietas, ao igual que a Fiscalía

O contundente ditame do Consello de Contas chega máis de catro anos despois de que o xulgado de Primeira Instancia de Instrución número 1 de Caldas de Reis decidise arquivar a investigación aberta contra a maioría do goberno local de Valga por un presunto delito de malversación de fondos e prevaricación. Daquela a xuíza, malia manifestar dúbidas sobre a legalidade destes pagamentos, decidiu sobreser o caso polo que investigou sete dos nove edís do PP na localidade pontevedresa e mais o alcalde polo cobro de importantes dietas pola asistencia a estas comisións de coordinación.

O ex-interventor do municipio xa situara á marxe da lei estes pagamentos, que tamén foran postos en dúbida por Cosital durante a investigación. Mesmo a propia xuíza e a Fiscalía recoñeceron o escurantismo, os escasos datos e a falta de xustificación destas polémicas comisións de coordinación en Valga, pero a primeira decidiu sobreser o caso tras a petición de arquivo por parte do Ministerio Fiscal. 

Máis comisións de coordinación en Galicia

Desde que se fixera pública a investigación, en varios concellos de Galicia descubriuse a existencia tamén destas polémicas comisións de coordinación, cada unha delas regulada daquela maneira e todas baixo a sombra da opacidade e a escasa transparencia. Logo do arquivo penal, o PSOE local de Valga puxo en coñecemento do Consello de Contas o pasado mes de marzo a situación destas dietas irregulares. 

O grupo socialista de Valga insistiu varias veces en que as polémicas comisións "non están amparadas pola lei" e que só existían como "sobresoldos" dos concelleiros do goberno. Desde este Concello, pero tamén desde outros, denunciáronse os pagos pola asistencia a unhas reunións de organización "como calquera outras", das que non se adoitan facer públicos os seus contidos e que, cando se fan, revelan a súa brevidade, a falta de concreción e o seu considerable custo. Unha destas comisións en Valga, tomada como exemplo, durou 40 minutos segundo a acta asinada polo secretario. Tratáronse catro temas e asistiron oito concelleiros a 60 euros cada un: 480 euros.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.