Bello Maneiro seguirá á fronte da alcaldía de Valga e sumará 36 anos como rexedor no caso de rematar o vindeiro mandato
O alcalde de Valga, o popular José María Bello Maneiro, será investido por novena vez consecutiva como rexedor da localidade. A candidatura do PP, que el lidera, volveu arrasar nas eleccións municipais do pasado domingo, obtendo 9 dos 13 concelleiros e máis do 60% dos votos. Fíxoo só unhas semanas despois de que fosen públicos os informes do Consello de Contas e a Fiscalía do Tribunal de Cuentas que sinalan a irregularidade de varias dietas instauradas polo goberno local desde hai anos, algunhas delas destinadas en exclusiva aos membros do executivo.
Bello Maneiro sumará así, no caso de rematar o mandato, 36 anos á fronte do Concello de Valga, sinalado nas últimas semanas logo de que o Consello de Contas puxese o foco en supostas irregularidades cometidas polo goberno que el lidera. Nun dos seus informes, o órgano fiscalizador conclúe que os diferentes executivos do PP na localidade pontevedresa cobraron dietas ilegais durante trinta anos.
Os populares baixaron un chisco en apoio -algo máis de dous puntos- pero ampliaron a súa vantaxe coa oposición. O PSdeG, quen primeiro denunciou as dietas e puxo en coñecemento de Contas a situación, caeu máis de seis puntos (de case o 25% a pouco máis do 18%) e perdeu 184 votos.
Contas ratificou que as comisións de coordinación e as súas dietas "non se adecúan á legalidade" nin teñen soporte legal; o goberno local di que as seguirá cobrando
As sospeitas pairan desde o momento no que o Concello impulsou en 1991 -ano no que o actual alcalde chegou á alcaldía- as denominadas comisións de coordinación. Estas reunións periódicas -case sempre semanais- foron creadas á marxe dos órganos legais, sen control ningún e en exclusiva para os edís de goberno, polas que estes percibían elevadas dietas de asistencia. O PSdeG local denunciouno e levou á xustiza uns pagos que considera en realidade un "sobresoldo" para os concelleiros do goberno local e que, estima, supuxeron un desembolso de máis de 500.000 euros en total.
O Consello de Contas, nun informe do pasado mes de marzo, ratificaba a irregularidade indicando que desde 1991 ata 2017, "tanto as reunións como as percepcións de asistencias á comisión de coordinación non se adecúan á legalidade ao non estar previsto como órgano complementario no regulamento orgánico municipal". Ademais, indicaba que o Concello acabou por constituír formalmente a comisión de coordinación nese 2017, pero tamén de xeito irregular ao non prever a presenza dun funcionario que actuase como secretario.
Segundo indica Contas, a raíz da información facilitada polo propio Concello de Valga, entre o 17 de xuño de 2017 e o 31 de decembro de 2021 a administración local desembolsou un total de 87.440 euros en dietas de asistencia aos membros do goberno local, uns 1.620 euros mensuais, case 20.000 ao ano. O alcalde tería sido o que maior cantidade percibiu neses catro anos e medio pola súa presenza en 223 das reunións: 18.190 euros, a uns 82 euros por xuntanza.
O alcalde de Valga desafiou o Consello de Contas e o Tribunal de Cuentas pagando as dietas que ambos órganos declararon irregulares
Pero a celebración das comisións de coordinación e o pagamento de dietas lévanse realizando desde 1991. Durante a investigación levada a cabo, segundo fontes coñecedoras do proceso xudicial, o interventor do Concello achegou información nas dilixencias previas nas que advertía dun gasto para o Concello de 215.000 euros no período entre 2003 e 2016, o que supón unha media de máis de 15.000 euros en cada exercicio e dun total que superaría o medio millón de euros, segundo tamén denuncia o PSdeG.
Ante esta denuncia, o alcalde asegurou que seguiría organizando as comisións de coordinación e pediu o Consello de Contas que corrixise o seu informe. Non foi a primeira vez que Bello Maneiro desafiou o ente fiscalizador. Hai só unhas semanas deu orde de pagar outras dietas a uns funcionarios municipais que foran cuestionadas polas súas irregularidades, tanto por este organismo como pola Fiscalía do Tribunal de Cuentas.
O Consello de Contas puxera en cuestión as dietas cobradas polo secretario e interventor do Concello durante anos nunha denuncia en forma de informe que foi logo ratificada pola Fiscalía do Tribunal de Cuentas, que insistía na denuncia do órgano fiscalizador galego e advertía da posible "responsabilidade contable" nos pagos aos dous funcionarios por, entre outras cousas, abonarlles dietas "sen xustificar".
Só uns días despois do informe fiscal, o rexedor asinaba a liquidación das dietas de ambos traballadores públicos polo último semestre de 2022, autorizando os pagamentos postos en cuestión.