O goberno local de Valga asegura que seguirá cobrando as dietas que censurou o Consello de Contas

Alfonso Rueda, xunto a José María Bello Maneiro, alcalde de Valga © Concello de Valga

O Concello de Valga rexeita o ditame do Consello de Contas, asegura que seguirá organizando as comisións de coordinación para membros do goberno local do PP que censurou o órgano fiscalizador e reclama á oposición que "pida perdón". No entanto, o BNG xa levou o caso ao Parlamento, medida que tamén prevé o PSdeG, ao tempo que o grupo socialista local prevé denuncialo no Tribunal de Cuentas. 

O Concello de Valga rexeita o informe do Consello de Contas e asegura que seguirá organizando as comisións de coordinación

O alcalde de Valga, José María Bello Maneiro, respondeu ao informe do Consello de Contas onde se ratificou que os membros do goberno local de Valga cobraron durante 30 anos dietas ilegais que puideron supoñer máis de medio millón de euros desde 1991. Segundo o ditame, os cobros por asistencia "non se adecúan á legalidade" nin teñen "soporte regulamentario" e, cando a comisión foi legalizada en 2017, fíxose de maneira irregular ao non haber funcionario que actuase como secretario. 

O rexedor de Valga non opina o mesmo sobre unhas dietas postas en cuestión desde hai anos. En rolda de prensa o pasado venres, asegurou que “as supostas irregularidades sinaladas polo Consello de Contas xa tiveron pronunciamentos xudiciais por órganos competentes e con capacidade resolutiva”, polo que cre que as denuncias formuladas "insistentemente polo PSOE de Valga, as Mareas e agora tamén o BNG son manifestamente falsas”. Bello Maneiro lembrou que o ente fiscalizador da Xunta “ten unha función meramente informativa, sen ningunha capacidade resolutiva ou sancionadora, e está a contravir co seu informe os pronunciamentos de organismos superiores”.

O alcalde de Valga, Bello Maneira, en rolda de prensa sobre o ditame do Consello de Contas © Concello de Valga

O alcalde Bello Maneiro (PP) pide a Contas que "rectifique o seu erro, corrixa o seu informe e o adapte ás resolucións xa firmes emitidas polos órganos xudiciais”

O alcalde cargou contra o PSOE e lembrou que a denuncia presentada ante a xustiza pola formación “foi arquivada catro veces, con resolución firme da Audiencia Provincial na que tres maxistradas ratificaron que non existiu delito de prevaricación administrativa nin malversación porque existía control por parte dos distintos secretarios e interventores, que nunca puxeron obxección á creación das comisións nin aos pagos pola asistencia dos concelleiros, que está acreditada”. Naquel arquivo, tanto a xuíza como a Fiscalía admitiran irregularidades e amosaran as súas dubidas sobre o proceder das comisións

Bello Maneiro xustifica que as comisións de coordinación "son un órgano colexiado non decisorio, polo que non é preciso que un funcionario exerza como secretario, senón que pode facelo un membro da propia comisión". E aclara que seguirán existindo malia todo."Sobresoldos"

En canto ao cobro de dietas por parte do secretario e do interventor, tamén postas en cuestión polo órgano fiscalizador, o alcalde volve aludir a sentenzas xudiciais anteriores e pide aos denunciantes "que pidan perdón". E carga contra o Consello de Contas: "Agardamos que rectifique o seu erro, corrixa o seu informe e o adapte ás resolucións xa firmes emitidas polos órganos xudiciais”.

Pero BNG e PSdeG non se conforman coas explicacións do goberno local nin co contundente informe do Consello de Contas. O PSOE de Valga, impulsor hai anos das investigacións e a denuncia por estas dietas, estuda presentar unha denuncia ante o Tribunal de Cuentas (a onde Contas xa trasladou de oficio o informe), así como outras "accións legais", e reclama "todo o diñeiro público cobrado de xeito irregular" para que "sexa reintegrado ás arcas municipais". Pola súa banda, o Bloque levou xa o caso ao Parlamento e pregunta á Xunta polas medidas que vai tomar ante a gravidade do caso. O grupo socialista na Cámara tamén prepara unha iniciativa. 

O PSOE de Valga, formación que lidera María Ferreirós, acusa a Xunta de "conivencia" e pide aos concelleiros que cobraron durante anos esas dietas que "dimitan inmediatamente do seu cargo e devolvan o diñeiro cobrado a todos os veciños e veciñas se teñen unha mínima ética e se lles queda algo de vergonza". 

"Se por propia iniciativa non dimiten, o PPdeG ten que tomar medidas e expulsalos se non quere seguir mantendo nas súas filas a persoas que se lucraron das arcas municipais de forma irregular e sen ningún rubor durante 32 anos", piden os socialistas. Desde o PSOE local advirten, ademais, que "debería ser o presidente da Xunta e do PP de Pontevedra, Alfonso Rueda, quen tome medidas". 

María Ferreirós, no medio, portavoz do PSOE de Valga e candidata á alcaldía CC-BY-SA PSOE Valga

O PSOE estuda denunciar no Tribunal de Cuentas, pide a dimisión do alcalde e dos edís que cobraron as dietas ilegais e a devolución de todos os cartos

"Rueda está tardando en pronunciarse e en explicar á veciñanza de Valga se vai manter no seu partido a un alcalde e uns concelleiros que, como di Contas, cobraron un sobresoldo, ilegalmente e a custa do erario pública, dende hai 30 anos", di Ferreirós. 

Os socialistas apuntan directamente ao alcalde, José María Bello Maneiro: "É o primeiro que ten que dimitir". Así, lembran que foi coa súa chegada á alcaldía -na que segue desde 1991- cando se instauraron as polémicas comisións de coordinación. "A pesar de ser avisado dende ese mesmo ano da dubidosa legalidade do pago desas dietas por asistencias, continuou durante 32 anos lucrándose das arcas municipais", advertía nun comunicado o PSOE, que di que sempre estivo "convencido da ilegalidade dos cobros" que agora certificou o Consello de Contas. 

Pola súa banda, o BNG, a través do seu deputado Luís Bará, rexistrou unha batería de iniciativas en relación ao informe do órgano fiscalizador lembrando que "unha das súas conclusións" é que "edís dos gobernos municipais de Valga cobraron dietas ilegais desde 1991 até o 2017" e que logo de ser regularizada a comisión, este "non se adaptaba á legalidade vixente por non participar un funcionario público para levantar acta e dar fe do contido". 

O Bloque leva o caso ao Parlamento e pregunta á Xunta polas medidas a adoptar para "velar pola integridade e exemplaridade" no Concello de Valga

O Bloque sinala a "percepción irregular de cantidades económicas" desde 1991 e a "falta de transparencia e obstrucionismo do goberno municipal". Así, e "tendo en conta a gravidade dos feitos", solicita que "o Parlamento reprobe este tipo de actuación ilegais, que vele pola exemplaridade no uso de fondos públicos e colabore co Consello de Contas para erradicar estas prácticas".

A formación nacionalista pregunta á Xunta pola súa valoración do informe e se "comparte o modus operandi" do Concello de Valga "no referente á percepción de indemnizacións". Ademais, inquírea polas "medidas que ten previsto adoptar para velar pola integridade e exemplaridade" no devandito Concello. 

O Consello de Contas, nese informe, ratificou a irregularidade ao indicar que "tanto as reunións como as percepcións de asistencias á comisión de coordinación non se adecúan á legalidade ao non estar previsto como órgano complementario no regulamento orgánico municipal". Ademais, sinala que a regularización da comisión en 2017 fíxose de maneira irregular ao non contar cun funcionario público nela. 

Luís Bará, deputado do BNG, de pé no Parlamento CC-BY-NC-SA BNG

Segundo indica Contas, a raíz da información facilitada polo propio Concello de Valga, entre o 17 de xuño de 2017 e o 31 de decembro de 2021 a administración local desembolsou un total de 87.440 euros en dietas de asistencia aos membros do goberno local, uns 1.620 euros mensuais, case 20.000 ao ano. Esta cantidade "e calquera outra percepción recibida posteriormente" é reclamada para a súa devolución polo PSOE local, que presentou un escrito no Concello no que pide iniciar o expediente de reintegro de pago. 

O alcalde tería sido o que maior cantidade percibiu neses catro anos e medio pola súa presenza en 223 das reunións: 18.190 euros, a uns 82 euros por xuntanza. 

"Sobresoldos"

Pero a celebración das comisións de coordinación e o pagamento de dietas lévanse realizando desde 1991. Durante a investigación levada a cabo, segundo fontes coñecedoras do proceso xudicial, o interventor do Concello achegou información nas dilixencias previas nas que advertía dun gasto para o Concello de 215.000 euros no período entre 2003 e 2016, o que supón unha media de máis de 15.000 euros en cada exercicio e dun total que superaría o medio millón de euros, segundo tamén denuncia o PSdeG

O grupo socialista de Valga insistiu durante anos e varias veces en que as polémicas comisións non estaban "amparadas pola lei" e que só existían como "sobresoldos" dos concelleiros do goberno. Desde este Concello, pero tamén desde outros, denunciáronse os pagos pola asistencia a unhas reunións de organización "como calquera outras", das que non se adoitan facer públicos os seus contidos e que, cando se fan, revelan a súa brevidade, a falta de concreción e o seu considerable custo. Unha destas comisións en Valga, tomada como exemplo, durou 40 minutos segundo a acta asinada polo secretario. Tratáronse catro temas e asistiron oito concelleiros a 60 euros cada un: 480 euros.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.