Arquivado o caso das dietas de goberno en Valga malia asumir a Fiscalía varias irregularidades

O alcalde de Valga, Bello Maneiro, durante un pleno © Concello de Valga

O xulgado de Primeira Instancia de Instrución número 1 de Caldas de Reis decidiu arquivar a investigación aberta contra a maioría do goberno local de Valga por un presunto delito de malversación de fondos e prevaricación. A xuíza, malia manifestarse dúbidas sobre a legalidade destes pagamentos, decidiu sobreser o caso polo que investigou sete dos nove edís do PP na localidade pontevedresa, entre eles o seu alcalde, José María Bello Maneiro, polo cobro de importantes dietas pola asistencia a unhas reunións denominadas comisións de coordinación, peculiar figura allea aos órganos colexiados e instaurada nesta localidade desde hai máis de dúas décadas.

A xuíza acordou sobreser a investigación aberta contra a maioría do goberno local de Valga por un presunto delito de malversación de fondos e prevaricación 

Cun gasto público medio de 15.000 euros anuais e de case medio millón desde 1992, o ex-interventor do municipio situou á marxe da lei estes pagamentos, que tamén foron postos en dúbida polo Consello Xeral de Secretarios, Interventores e Tesoureiros da Administración Local (Cosital) durante a investigación. Mesmo a propia xuíza e a Fiscalía recoñecen o escurantismo, os escasos datos e a falta de xustificación destas polémicas comisións de coordinación en Valga, pero a primeira decide sobreser o caso tras a petición de arquivo por parte do Ministerio Fiscal. 

O ex-interventor de Valga situou as comisións á marxe da lei; o gasto medio anual pola asistencia dos edís de goberno ás reunións é de 15.000 euros

O grupo municipal socialista no Concello, que fora quen presentara a denuncia hai dous anos, recorreu xa ante a Audiencia Provincial o arquivo dun caso que ía moito máis alá de Valga. Desde que se fixera pública a investigación, en varios concellos de Galicia descubriuse a existencia tamén destas polémicas comisións de coordinación, cada unha delas regulada daquela maneira e todas baixo a sombra da opacidade e a escasa transparencia. En todos eles, a oposición estaba pendente da resolución xudicial no caso da vila pontevedresa, o que podería encher os xulgados de denuncias semellantes, a maioría sobre gobernos locais do PP. De feito, a oposición en Outes, Noia, Porto do Son, Cabanas, Neda e Curtis pedira xa explicacións sobre dietas como as que acabaron no xulgado en Valga. 

O grupo do PSOE en Valga asegura que "en ningún momento nin fiscal nin xuíza determinan que estas comisións sexan legais", polo que entenden que a investigación "está incompleta" e que se deben aínda "aclarar as dúbidas que a propia Fiscalía expón no seu informe". Os socialistas lembran que foi o propio Ministerio Fiscal quen reclamou hai case ano e medio un informe do Cosital sobre a legalidade destas dietas.

"En ningún momento nin fiscal nin xuíza determinan que estas comisións sexan legais", di o PSOE de Valga, que recorreu o arquivo

O documento achegado por este organismo asegura que a creación destas polémicas comisións "é legal", pero aclara que "non se axeita á legalidade" que ese órgano complementario "non estea regulado a través do regulamento orgánico municipal" nin "a ausencia dun funcionario público que actúe como secretario" nas xuntanzas. Ademais, advirte que para determinar a legalidade das dietas recibidas polos concelleiros "habería que determinar que funcións desenvolve a devandita comisión e se estas funcións teñen suficiente entidade como para xustificar o establecemento dun réxime de indemnizacións na contía que se establece", algo que "non se desprende da documentación achegada". 

A propia Fiscalía, no informe no que solicita o sobresemento, recoñece o cobro das dietas e que "o contido, funcionalidade e necesidade" das comisións "non aparecen debidamente xustificados" tendo en conta as actas das sesións que se achegaron e que, ademais, "non consta a presenza nas sesións do secretario municipal para dar fe e documentar o alí debatido por concelleiros e alcalde". O Ministerio Fiscal engade, ademais, que "as sumas percibidas non están debidamente xustificadas dende o punto de vista administrativo". 

A Fiscalía recoñece que "o contido, funcionalidade e necesidade" das comisións e os seus pagos "non están debidamente xustificados" e que "non consta a presenza do secretario municipal" para documentar as reunións

Malia todo, o xulgado asume a tese da Fiscalía e ambos xustifican o sobresemento da causa en que "os denunciados non actuaron de forma clara coa específica intención de utilizar os caudais públicos para fins ou beneficios particulares". Para o denunciante, o grupo municipal socialista, queda no entanto claro que tanto o Ministerio Fiscal como a maxistrada "recoñecen que a creación e o cobro por asistencia ás comisións non se axustan á egalidade seguindo os criterios do Cosital". 

"Determinar se o seu cobro foi legal ou non legal non é cuestión baladí pois estamos falando da posibilidade de malversación de fondos públicos de case 500.000 euros", lembra o PSOE de Valga, que cre que, "polo ben das institucións públicas e da súa transparencia, debe aclararse con rigorosidade este asunto e non pecharse o caso coas mesmas dúbidas que o grupo socialista formulou ao xulgado en 2016". 

Casa do Concello en Noia / CC BY-SA Luis Miguel Bugallo Sánchez

Dúbidas e denuncias en sete concellos galegos máis

Porque o grupo socialista de Valga insistiu varias veces en que as polémicas comisións "non están amparadas pola lei" e que só existen como "sobresoldos" dos concelleiros do goberno. Desde este Concello, pero tamén desde outros, denúncianse os pagos pola asistencia a unhas reunións de organización "como calquera outras", das que non se adoitan facer públicos os seus contidos e que, cando se fan, revelan a súa brevidade, a falta de concreción e o seu considerable custo. Unha destas comisións en Valga, tomada como exemplo, durou 40 minutos segundo a acta asinada polo secretario. Tratáronse catro temas e asistiron oito concelleiros a 60 euros cada un: 480 euros.

A oposición de varios concellos denuncia os pagos pola asistencia a unhas reunións das que non se adoitan facer públicos os seus contidos, breves, inconcretas e de considerable custo

Coa aparición da polémica en Valga, moitos outros grupos da oposición noutros municipios denunciaron a existencia de dubidosas comisións semellantes. Todas celébranse á marxe das xuntas de goberno --na que unha parte do executivo xa se reúne reguladamente--, as comisións informativas e os plenos, onde a asistencia xa é retribuída pero con dietas sempre menores ás das reunións exclusivas dos concelleiros do executivo instauradas en Neda, Cabanas, Outes, Porto do Son, Curtis ou Noia. Expertos consultados por Praza.gal dubidan moito da súa legalidade ou mesmo aseguran con contundencia que son ilegais.

Desde o grupo socialista en Valga decláranse "sorprendidos" de que malia que a cantidade de datos e informes que "apuntan á ilegalidade das comisións", o xulgado "decida pechar a investigación". Así, lembran que a declaración, como testemuña, do interventor municipal de carreira no municipio "mantivo a ilegalidade" destas xuntanzas e que foi el mesmo quen "paralizou os pagos das dietas en canto tomou posesión do seu cargo".

"O informe da Fiscalía e auto da xuíza deixan abertas moitas dúbidas, pero lonxe de resolvelas e afondar na investigación deciden dar por suposto a non existencia de intención ou dolo nos investigados"

"O informe da Fiscalía e auto da xuíza deixan abertas moitas dúbidas, pero lonxe de resolvelas e afondar na investigación deciden dar por suposto a non existencia de intención ou dolo nos investigados e pechan o caso malia que os edís investigados nunca foron escoitados nin chamados a declarar", di o grupo do PSOE. "Descoñécese como a Fiscalía e a xuíza chegaron a determinada conclusión", rematan á espera de que a Audiencia Provincial reabra o caso. "Nese caso, o PP tería un grave problema neste e en moitos outros municipios", aseguran a este diario fontes da investigación.  

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.