O pago ao goberno do PP de Valga que investiga a xustiza supón o 70% das dietas do Concello

Bello Maneiro, alcalde de Valga © Concello de Valga

As dietas presuntamente irregulares que durante décadas cobraron os concelleiros do goberno local de Valga supoñen na actualidade máis do 70% dos gastos da corporación en pagamentos por asistencias a plenos ou outras comisións. A xustiza investiga desde hai meses estes cobros que puideran ser ilegais e o xulgado de primeira instancia de instrución número 1 de Caldas de Reis xa citou a declarar en calidade de investigados a sete dos nove edís do PP no Concello, entre eles o seu alcalde, do mesmo partido.

A maxistrada investiga un presunto delito de malversación de fondos e prevaricación administrativa polo cobro por parte dos concelleiros do executivo -agás unha edil que ten dedicación exclusiva e non pode acceder a estes pagos e outro que se estreou na corporación neste novo mandato- de dietas pola asistencia a unhas reunións semanais denominadas comisións de coordinación. Trátase dunha peculiar figura instaurada nesta localidade desde hai máis de dúas décadas. 

As polémicas comisións de coordinación só para edís do goberno supuxeron unha media de máis de 15.000 euros anuais

Segundo fontes coñecedoras do proceso xudicial aberto, a información achegada polo interventor ao maxistrado nas dilixencias previas advertía dun gasto para o Concello de 215.000 euros no período entre 2003 e 2016, o que supón unha media de máis de 15.000 euros en cada exercicio. En total, tendo en conta que estas comisións están vixentes desde 1992, serían uns 400.000 euros. Precisamente, na providencia que agora cita como investigados os concelleiros do PP, a xuíza solicita ao mesmo interventor e ao secretario municipal -chamados a declarar como testemuñas- que acheguen tamén documentación "das persoas que viñeron recibido ingresos por asistir ás comisións de coordinación desde o ano 1992 até 2003, así como as cantidades percibidas por aquelas".

Nos cinco últimos meses do anterior mandato, o Concello gastou 10.000 euros nestas comisións, fronte aos 4.200 do resto de reunións reguladas

De ter en conta os últimos cinco meses e pico do anterior mandato municipal, e segundo datos aos que tivo acceso Praza, a corporación de Valga gastou un total de 14.380 euros en pagamentos por asistencia a diferentes organismos de goberno. Deles, 4.230 foron destinados a abonar as dietas por asistencias a plenos, comisións informativas e xuntas de goberno local, mentres que 10.150 euros, algo máis do 70% do total, ás dietas por asistir ás comisións de coordinación onde só participan os edís do goberno. 

Os edís populares cobran 60 euros por cada vez que asisten a unha desas comisións de coordinación, a mesma cantidade que reciben os concelleiros por acudir á xunta de goberno, 10 euros menos que pola asistencia ao pleno e 30 menos que pola presenza nas sesións informativas. Hai unha cada semana, polo que cada un dos asistentes recibe 240 euros mensuais só por este concepto, á marxe do que ingresen pola asistencia ao resto de xuntanzas reguladas. O PSdeG de Valga, que foi quen denunciou, asegura que estas reunións semanais "non están amparadas pola lei" e, malia que se remite acta do alí realizado, o contido real do que se fai non é nada claro nin transparente. 

Ao contrario que as comisións informativas, as de coordinación non respectan a proporcionalidade de representación do pleno

De feito, o interventor e o secretario municipal, nas dilixencias previas, informan a requirimento da xuíza de que estas comisións de coordinación "foron creadas á marxe e non en substitución das comisións informativas regulamentariamente previstas" e aclaran que "non se dá cumprimento" ao que di o regulamento de organización das entidades locais "respecto da necesaria composición proporcional" destas últimas. Xa que logo, mentres outras comisións inclúen proporcionalmente membros de todos os grupos da corporación, estas están limitadas aos do goberno. E aí onde investiga a legalidade ou non destas reunións remuneradas. 

O interventor, que deberá declarar o vindeiro 5 de abril, abandonou o Concello a pasada semana. "Non sabemos se é pura coincidencia ou agocha algo máis que descoñecemos", asegurouse desde o grupo municipal socialista, que lembra que en pouco máis dun ano son a catro os secretarios municipais e tres os interventores que se ocupan de fiscalizar as contas da administración local. 

Ademais, e segundo os datos dos cobros que están no poder do xulgado, dáse a caso que a maioría de concelleiros repiten na corporación desde polo menos 2003. En total, nos últimos trece anos, os edís terían recibido entre 25.000 e 30.000 euros tan só por este concepto. Non é o caso do alcalde, José María Bello Maneiro, que tan só cobrou por estas comisións de coordinación unha vez xubilado, desde maio de 2014, unha cantidade total de 2.850 euros até 2016. 

O equipo de goberno de Valga advirte que as comisións de coordinación "existen desde hai anos en moitos outros concellos"

Desde o Concello, o equipo de goberno respondeu ás acusacións advertindo que defenderá a súa "inocencia coa total convición de que non existe ningunha actuación irregular" e acusando o PSdeG de "entorpecer e prexudicar a xestión diaria do alcalde e o seu equipo, desta vez traspasando os límites do que debe ser a contenda política, para xudicializar a actuación municipal". Ademais, os executivo local aclara que as comisións de coordinación "existen dende hai anos non só no Concello de Valga, senón en moitos outros concellos de Galicia e do resto de España, algúns dos cales están presididos por membros do PSOE, e son un instrumento máis para a boa xestión". 

Casa do Concello de Valga Dominio Público Lameiro

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.