O fiscal do Tribunal de Cuentas cuestiona miles de euros en dietas a cargos de Valga, Trazo, Catoira e Vilasantar

Sede do Tribunal de Cuentas, en Madrid © Tribunal de Cuentas

A pasada semana, o alcalde de Valga, José Manuel Bello Maneiro, aludiu a un informe do Tribunal de Cuentas para rebater outro no que o Consello de Contas puxera en cuestión as dietas cobradas polo secretario e interventor do Concello durante anos. O órgano fiscalizador galego -que tamén alertou da ilegalidade dos pagos a membros do goberno local durante décadas por asistencias ás polémicas comisións de coordinación- advertía que os cobros destes funcionarios non estaban "previstos no réxime xurídico aplicable" nin estaban xustificados. Pero o rexedor dixo que Cuentas finalmente tombara o informe do ente galego e avalara o goberno local. 

Un informe advirte da posible "responsabilidade contable" nos casos que xa denunciara o Consello de Contas e pon en dúbida a xustificación de máis de 200.000 euros en pagos a alcaldes e funcionarios nos catro concellos

Non foi así. A Fiscalía do Tribunal de Cuentas vén de emitir un informe no que considera que "indiciariamente" pode "existir responsabilidade contable" en varios dos supostos denunciados polo Consello de Contas e cita, entre eles, os de catro administracións locais galegas e, entre eles, o que atinxe o Concello de Valga, a quen reprocha a "percepción de dietas por desprazamentos sen xustificar". Son arredor de 20.000 euros anuais abonados aos funcionarios que exercen a función de secretario e interventor no Concello como reforzo e que xa cobran un 30% máis por exercer ese labor en municipios distintos a aqueles onde teñen a praza. 

O alcalde de Valga, Bello Maneiro, na rolda de prensa na que asegurou que o Tribunal de Cuentas avalara a actuación do Concello © Concello de Valga

O informe do órgano fiscalizador, no que avalía o xa denunciado por Contas, insiste en que as percepcións de dietas por desprazamentos "non están previstas no réxime xurídico aplicable, nin a xustificación documental achegada pode considerarse como suficiente, motivo polo que non se considera suficientemente xustificada nin a percepción de dietas nin a xustificación destas"

O fiscal do Tribunal de Cuentas sinala as dietas pasadas pola alcaldía en Trazo por incluír gastos de restaurantes sen indicar comensais nin o motivo

O documento, ao que tivo acceso Praza.gal, chega só días despois de que Bello Maneiro (PP) pedise ao Consello de Contas que "rectificase" e advertise de que "moitos", en referencia á oposición que denunciara o caso, "deberían ter a cara moi colorada". Fíxoo, en teoría, en base a un informe que exculpaba o Concello, pero referíase en realidade ao arquivo anterior dunha denuncia sobre o tema presentada no Tribunal de Cuentas. O órgano fiscalizador avisa agora da posible responsabilidade contable neste caso e lembra ao Concello que "para a depuración das devanditas responsabilidades, comunique a esta Fiscalía o seu criterio ao respecto, remitindo ao mesmo tempo os soportes documentais nos que sustenta a devandita opinión". 

Pero non é Valga o único Concello sinalado e ao que se lle piden contas. O fiscal xefe, Manuel Martín-Granizo, fai a mesma reclamación aos de Catoira, Vilasantar e Trazo, dos que tamén pon en dúbida a xustificación do pagamento de miles de euros en dietas a cargos públicos, como fixera o Consello de Contas no seu informe. Xunto cos do municipio valgués, os pagamentos agora reprochados en varias localidades galegas superan os 200.000 euros. 

Casa do Concello de Vilasantar © Concello de Vilasantar

O informe advirte da nula ou deficiente xustificación das dietas de manutención e gastos de desprazamento dos alcaldes de Catoira e Vilasantar

No caso de Trazo, o fiscal do Tribunal de Cuentas aclara que as indemnizacións por razón de servizo liquidadas polo titular da alcaldía "non se atopan xustificadas de conformidade coa normativa de aplicación ao persoal ao servizo das cooperacións locais" e destaca que "existen reiteradas coincidencias de datas nas que se xustifica unha dieta de manutención e un gasto por atencións protocolarias de forma simultánea" e sen explicar o motivo. Advirte de que se pasan gastos de restaurantes en sábados, domingos ou festivos sen "acreditación dos comensais nin do interese público da actuación".

"Os expedientes dos gastos por atencións protocolarias só conteñen os xustificantes de establecementos de restauración, sen que se acredite a necesidade do gasto e se identifiquen os comensais", insiste o informe, que aclara que non se acredita tampouco se "efectivamente" eses gastos "redundan no beneficio ou utilidade da administración".

O Consello de Contas apuntara a máis de 87.000 euros incorridos polo daquela alcalde -José Dafonte Varela, entón no PP- entre 2014 e 2019, dos que máis de 30.000 eran por dietas e uns 53.900 por gastos protocolarios, dos cales uns 37.000 euros foran destinados a restauración.

No caso do Concello de Catoira, a fiscalía do Tribunal de Cuentas ratifica a suposta incompatibilidade das retribucións recibidas polo alcalde, Alberto García (PSdeG), quen ao cobrar pensión como xubilado decidiu cobrar por asistencias e labor o equivalente ao 75% do importe de manutención para as dietas no Estado, sen achegar xustificantes. "As dietas de manutención e os gastos de locomoción" dentro de Galicia "relaciónanse dunha forma xenérica", explica, sen constar "nin itinerarios, nin datas, nin horarios de saíde e chegada, nin o lugar ou motivo de desprazamento". 

Entrada principal da sede do Tribunal de Cuentas © Tribunal de Cuentas

No caso dos desprazamentos fóra do país, o informe destaca que o alcalde si indica o motivo do desprazamento e as datas "pero non achega a xustificación do aloxamento nin da manutención". O Consello de Contas advertira de que desde setembro de 2018 e ata 2021 o alcalde percibira case 17.500 euros por diferentes gastos de locomoción e 14.000 euros en dietas, ademais duns 15.600 euros por asistencia diaria e desenvolvemento das súas funcións. 

De seguir adiante o proceso, o Tribunal de Cuentas nomeará un delegado instrutor que deberá tramitar o expedientes de reintegro por alcance conforme ás normas da lei da xurisdición contenciosa

En canto ao Concello de Vilasantar, fora fiscalizado por Contas logo de que se informase sobre a ausencia de correcta xustificación das dietas e gatos de locomoción pagados entre novembro de 2017 e xaneiro de 2019 ao alcalde, Fernando Pérez Fernández (PP). Foron case 8.000 euros. 

Agora, a fiscalía do Tribunal de Cuentas entende que non se cumpre a normativa respecto á xustificación das indemnizacións por gastos de locomoción, que se indican de forma xenérica, e que os gastos por manutención do alcalde, na súa declaración de dietas, "non corresponden a tal concepto" por ser "facturas e xustificantes de servizos de restauración de máis dun comensal". 

Considera tamén que non están correctamente xustificados estes gastos e aclara que a suba na retribución do alcalde acordada no pleno, e que supuxo a supresión das dietas por desprazamento e comida, supón "unha errónea interpretación do marco de asistencias e indemnizacións" e a súa "consideración como unha retribución encuberta".

Agora, de seguir adiante o proceso, o Tribunal de Cuentas nomeará un delegado instrutor que deberá tramitar o expedientes de reintegro por alcance conforme ás normas da lei da xurisdición contenciosa. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.