O comité clínico da Consellería de Sanidade decidiu este luns suavizar as medidas de control da COVID-19 na cidade de Lugo, que pasa ao nivel mínimo de restricións, polo que desaparecen as limitacións de mobilidade (peche perimetral) en vigor. Lugo únese a Ourense como a única cidade galega sen peche perimetral.
A Xunta endurece as medidas en Viveiro, Verín, Monterrei, Castrelo do Val, Cualedro, Noia, Lousame, Barro, Xinzo de Limia, Carral, Xove, Muros, Outes, Porto do Son e A Pobra do Caramiñal
Tamén pasan a este nivel mínimo os concellos de Ponteareas e Rodeiro. Redondela, que se atopaba no nivel máximo, pasa ao nivel alto de restricións, polo que segue a ter peche perimetral pero ve suavizadas algunhas medidas.
Pola contra, as medidas endurécense en varias localidades, de xeito que Viveiro, Verín, Monterrei, Castrelo do Val, Cualedro, Noia e Lousame pasan ao nivel máximo de restricións, que implica un peche perimetral que nalgún casos é individual (Viveiro) e noutros comarcal (Verín con Monterrei, Castrelo do Val e Cualedro; Noia con Lousame).
Este martes Sanidade informará da actualización de medidas para os días de fin de ano e de Aninovo
Endurécense igualmente as restricións en Barro, Xinzo de Limia, Carral, Xove, Muros, Outes, Porto do Son e A Pobra do Caramiñal. Todos estes concellos pasan ao nivel alto de limitacións, que implica peches perimetrais.
Así mesmo, o comité clínico tamén acordou engadir ao listado de concellos con vixilancia especial a Val do Dubra, Vedra, Padrón e Rois.
Todas estas medidas publicaranse no Diario Oficial de Galicia ao longo deste martes e entrarán en vigor ás na medianoite do martes ao mércores.
Este martes a Consellería de Sanidade informará en rolda de prensa da actualización de medidas para os días de fin de ano e de Aninovo.
O endurecemento das medidas e o paso a un nivel superior de restricións implica cambios na hostalaría nas actividades permitidas, na capacidade autorizada ou nos seus horarios. E tamén ten efectos nas actividades culturais ou nos eventos deportivos. Podes conseultar aquí, en detalle, as medidas ligadas a cada nivel de restricións.
Por exemplo, o pase ao nivel máximo implica que a hostalaría só pode servir en terraza, nunca no seu interior (e só ata as 17 horas). Mentres, nos concellos que pasan ao nivel alto de restricións os bares e restaurantes só poden abrir ata as 17 horas, cunha capacidade máxima do 30% no interior. Nos concellos que pasan ao nivel básico, en cambio, o horario de apertura chega ata as 23 horas e, ademais, a capacidade máxima dos locais medra ata o 50% en interior e o 75% en terraza.