En marcha a campaña que pon a proba os éxitos da esquerda en 2015 e no 28A

Xa está en marcha a campaña das eleccións municipais e europeas CC-BY-NC-SA Praza Pública

Dende que, o 1 de marzo de 2009, grazas a arrebatarlle un escano ao BNG na provincia da Coruña o PP logrou situar na presidencia da Xunta a Alberto Núñez Feijóo no primeiro intento, na sede do PPdeG houbo moitas noites electorais de celebración e dúas especialmente difíciles de xestionar. A primeira foi a do 24 de maio de 2015. Un ano despois de que as eleccións europeas de 2014 fixesen prender as alarmas, perderon importantes cotas de poder municipal cos gobernos das cidades e os de tres das catro deputacións como mostras máis significativas dun devalo local que mesmo se estendera a significativas vilas.

As das municipais de 2015 e xerais de 2019 foron as dúas noites electorais máis agres para o PP galego dende que Feijóo preside a Xunta

A segunda noite electoral máis agre para os populares galegos foi a das xerais do pasado 28 de abril. O xesto co que o presidente da Xunta e do partido deu en valorar os resultados resumía ás claras a sensación xeral nunha formación na que ao pau da dura caída a nivel estatal, ficando lonxe de calquera posibilidade de goberno pola dereita, engadiuse un feito específico galego que doe especialmente no PPdeG. Por primeira vez na súa historia as siglas do Partido Popular non foron a forza máis votada nunhas eleccións en Galicia. O 28A o vencedor foi o PSdeG.

Eses triunfos pola esquerda en 2015 e no recente 28A poranse a proba nas urnas o vindeiro 26 de maio, ao remate da campaña que vén de comezar, cando o electorado está chamado a votar a composición do futuro Parlamento Europeo e mais dos concellos -e, por extensión destes, das catro deputacións provinciais-. A nivel de Estado este 26M é lido en termos partidarios como unha caste de segunda volta das xerais que o PSOE afronta con optimismo especialmente nos comicios europeos e con máis temores na ducia de comunidades onde tamén se celebran eleccións autonómicas.

O eventual ascenso do PSdeG, os concellos gobernados polas mareas e o intento do PP por recuperar poder local son algúns dos principais focos de atención deste 26M en Galicia

En Galicia o eventual ascenso do PSdeG e a súa posible tradución en máis poder territorial máis alá de onde xa o ten, a comezar polos concellos de Vigo e Lugo, será un dos termómetros da noite electoral. O partido confía en seguir impulsado pola onda de Pedro Sánchez nas xerais e o seu secretario xeral, Gonzalo Caballero, di confiar en poder estar no goberno nas sete principais cidades, onde aspiran a medrar pescando nos caladoiros de votos que foron proclives ás mareas municipais hai catro anos. O partido dá por descontado un triunfo amplo de Abel Caballero en Vigo e ten a esperanza de que Lara Méndez poida manter o bastón de mando en Lugo e de que en Santiago poida sostelo o ex-alcalde Xosé Sánchez Bugallo, que regresa á política municipal tras perder o poder en 2011 fronte ao PP de Gerardo Conde Roa.

Outro dos grandes focos desta carreira electoral en Galicia é, precisamente, o que apunta cara aos concellos urbanos gobernados polas mareas -A Coruña, Santiago e Ferrol-, albo prioritario do PP de Feijóo durante os últimos catro anos. Marea Atlántica e Compostela Aberta aspiran a que Xulio Ferreiro e Martiño Noriega recunquen en cadansúas alcaldías e fano tras convulsos meses nos que ambas formacións municipais se mantiveron oficialmente á marxe das convulsións no espazo político de En Marea. Ningún deles terá que competir nas urnas con ningunha escisión nin marea á marxe de si mesmas. Si o terá que facer Ferrol en Común, outra volta con Jorge Suárez, que aspira ao que sempre semellou misión imposible para alcaldes de todo signo na cidade, repetir mandato. 

Actos de diversas forzas políticas nas últimas semanas coa vista posta no 26M CC-BY-SA PPdeG / PSdeG / MA / BNG / CA / DO

Na carreira electoral que vén de comezar tamén hai focos políticos dirixidos ao emblema do poder local do BNG, Pontevedra, co alcalde Miguel Anxo Fernández Lores á fronte. Os concellos onde xa goberna, coa Boa Vila en destaque, serán presentados pola formación que dirixe Ana Pontón como principal "aval" cara a un 26M no que esperan seguir sendo claves tamén na conformación de maiorías nas deputacións e que impregnan no espírito da "remonta" que, afirman, perciben dende a campaña do 28A. O Bloque tampouco aforrará esforzos á hora de lembrar que as eleccións tamén son europeas. Está en xogo a continuidade na Eurocámara de Ana Miranda, un dos seus rostros públicos máis visibles e apreciados no electorado tras a propia Pontón.

E o PP? Como nos compases finais do fraguismo, os de Feijóo saen á carreira electoral a defenderen unha única alcaldía urbana, a que lograron en 2015 na axitada cidade de Ourense, de incerto prognóstico. Alí existe unha variable que non se dá en ningunha outra cidade galega, o partido local Democracia Ourensana, que hai catro anos cuadriplicou a súa representación ata lograr 8 dos 27 edís da corporación, só dous menos que os populares. 

Como na ourensá, en todas as demais cidades agás en Lugo o PPdeG está encabezado por ex-membros do Goberno galego, polo que o éxito ou fracaso na noite electoral volverá ser compartido co presidente da Xunta. Dun xeito ou doutro todos os aspirantes do PPdeG xa admitiron que, de ser posible e preciso, pactarán con outros partidos da dereita para desaloxar a esquerda das alcaldías. A tese da "lista máis votada" pasou á historia.

As batallas locais en diversas vilas que poden chegar a ser clave para conformar as novas deputacións, a intensidade do crecemento de Ciudadanos ou a implantación real dos partidos creados por ex-socialistas como o alcalde de Becerreá ou Pachi Vázquez son outras das incógnitas galegas da carreira municipal galega. Os resultados terán tamén unha lectura adicional practicamente inmediata: dentro de -como moito- ano e medio estaremos en campaña para elixir o novo Parlamento de Galicia.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.