Máis BNG onde o Bloque goberna e Agora BNG onde participa como socio minoritario do goberno ou é oposición. Son os lemas elixidos pola formación que lidera Ana Pontón para as eleccións municipais do 26M, aos que aposta por concorrer esgrimindo como "aval" a xestión dos municipios onde xa gobernan.
Ao fío dos resultados das recentes eleccións xerais Pontón asegura que o Bloque se presenta a este 26M como "unha forza política en ascenso" dado o seu aumento de votos con relación aos anteriores comicios xerais. Pero tamén como unha "organización sólida" con gobernos que, precisamente no ámbito municipal, son "referentes de honestidade e honradez", así como de "políticas que melloran a vida das persoas" e emblemas tanto en Galicia como a "nivel internacional".
Pontón asegura afrontar as municipais con "optimismo" tras ser nas xerais a "forza con representación no Parlamento que porcentualmente máis incrementou os seus votos"
Segundo Pontón, o BNG afronta as municipais con "optimismo" porque conta con "tres forzalezas", a comezar polo "avance imparable" do seu apoio electoral que, considera, quedou "de manifesto nas pasadas eleccións xerais" ao ser "a forza con representación no Parlamento galego que porcentualmente máis incrementou os seus votos". A "segunda fortaleza", coida, é a "implantación no conxunto do territorio" e a incorporación de persoas independentes ás candidaturas, toda vez que "a metade" dos integrantes das listas "non están afiliadas".
A formación sinalará políticas de mobilidade, comercio, xestión ambiental ou patrimonio nos "concellos BNG" como referentes da súa campaña
A ambas liñas únese outra, di, "o aval do noso traballo nos concellos", uns "concellos BNG" que xa son "unha marca de calidade" en eidos como "a mobilidade, o comercio da proximidade, o coidado do patrimonio", a "xestión ambiental sostible" ou "modelos urbanos de proxección internacional", citou. A política municipal do BNG ten "prestixio, cambia concellos e fainos máis habitábeis", considera.
Estes son os aspectos que o BNG pretende reflectir coa súa campaña que, segundo o seu responsable de comunicación, Xavier Campos, dá "continuidade" á imaxe das mensaxes das eleccións xerais, pero adaptadas ao eido local. Así, co lema Máis BNG pretenden "dicir máis Carballo, máis Tomiño, Máis Moaña" para "reforzar e dar continuidade ás políticas municipais que estamos desenvolvendo. Alí "onde non temos a alcaldía", explica, o lema é Agora BNG porque "consideramos que este é o momento de apostar polo BNG", conclúe, todo baixo a marca global "concellos BNG".