“O mellor está por vir”. Con esta frase, o alcalde de Pontevedra e candidato polo BNG a renovar o mandato, Miguel Anxo Fernández Lores, rematou a súa intervención na presentación da súa candidatura este venres nun auditorio de Afundación ateigado.
Acompañado por actuais concelleiros e membros da súa lista ou pola portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón, Lores amosouse “convencido” de que Pontevedra irá aínda a mellor, pero fixo balance tamén do conseguido nas últimas dúas décadas. Ademais, sinalou a oposición polo conflito con ENCE que, segundo dixo, é para moitos partidos “o único futuro” para a cidade mentres noutras urbes “poden recuperar as súas zonas degradadas trasladando industrias”.
Lores asegura que ENCE "é o único futuro" para algúns partidos mentres noutras cidades “poden recuperar as súas zonas degradadas trasladando industrias”
O rexedor cre que Pontevedra “pode avanzar aínda máis rápido” e apostou pola “enorme ilusión” e as ideas e “proxectos ambiciosos” do seu equipo, ao que engadiu a “experiencia contrastada” acumulada nos últimos anos.
Pola súa banda, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, destacou que Pontevedra é “unha referencia” para a súa formación pero tamén a nivel “internacional” e instou a outras formacións políticas a ollar a evolución da cidade nos últimos anos se queren “cambio”.