“Respecto e valoro o traballo doutras forzas progresistas, pero o mellor é que o bloque progresista estea encabezado polo PSdeG”, responde Gonzalo Caballero á pregunta pola unión da esquerda tras as municipais
O Banquete de Conxo foi unha comida de confraternización entre obreiros e estudantes que en 1856 supuxo toda unha alteración para a Compostela máis conservadora e que esta fin de semana está a ser celebrado na cidade con distintos eventos. Este domingo, durante un paseo electoral por Santiago coa ministra de Economía, Nadia Calviño, o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, foi preguntado pola disposición dos socialistas galegos a reproducir aquela unión de forzas nos concellos galegos tras as eleccións municipais do 26M. “Respecto e valoro o traballo doutras forzas progresistas, pero o mellor é que o bloque progresista estea encabezado polo PSdeG”, foi a súa resposta, eludindo comprometer ningún pacto de investidura ou goberno.
O PSdeG convocou este domingo aos medios de comunicación a un paseo que Caballero, Calviño e os candidatos ás alcaldías da comarca de Compostela deron pola Alameda da cidade e que presentaron como o agradecemento á ministra, nacida na Coruña, pola súa implicación cos socialistas galegos na pasada campaña das xerais e como lanzamento da inminente campaña das municipais. As súas declaracións aos medios tiveron que interromperse un par de veces pola música dun pasarrúas con gaiteiros e personaxes de época que participaban na festa conmemorativa do Banquete de Conxo, e sobre a unión de forzas antirreaccionarias que foi aquel evento foi preguntado Caballero, ao que se inqueriu sobre posibles pactos tras as municipais.
Os socialistas esperan que a ola de voto ao PSOE das xerais se manteña nas municipais e lles permita liderar a esquerda fronte ás mareas locais
Caballero, acompado polo aspirante socialista a recuperar a alcaldía de Santiago, o ex-rexedor Xosé Sánchez Bugallo, moi belixerante co goberno local de Compostela Aberta, insistiu en que o esforzo do seu partido está “centrado en mobilizar os votos progresistas para que respalden as candidaturas do PSdeG”, que presentou como unha “alianza” para que os galegos freen ás dereitas, especialmente “para frear a un PP que vai retroceder nas sete cidades galegas”. Caballero amosou o seu respecto polo resto de forzas progresistas, pero evitou pronunciarse sobre posibles acordos con elas e evidenciou a esperanza dos socialistas galegos de verse impulsados pola ola de votos activada pola vitoria de Sánchez nas xerais para recuperar o liderado na esquerda da Galicia urbana fronte ás mareas que se fixeran con el hai catro anos e que agora aspiran a centrar o debate no local para non verse superadas por esa tendencia estatal. Os socialistas, veu evidenciar Caballero, queren ser os primeiros para, segundo sexan os resultados, poder elixir o menú nos posibles banquetes de Conxo que organice a esquerda tras as municipais.
A mobilización do voto progresista en favor do PSdeG fora salientada previamente pola ministra Calviño, que dixo estar convencida de que se manterá tamén nas eleccións municipais. Unha Calviño que nas súas declaracións, falando da comarca de Compostela, trabucouse e falou da “provincia de Santiago”, o que provocou un comentario dun optimista Bugallo: “O da provincia de Santiago foi un feito histórico, vai saber o que pode pasar tras as eleccións”.