En marzo de 1856 Conxo era un concello lindeiro con Santiago. Tiña entre as súas fillas ilustres á poeta Rosalía de Castro e estaba destinado a acoller un dos grandes avances da segunda metade do século XX en Galicia: o ferrocarril. Naquel tempo, o 2 de marzo, estudantes -maioritariamente, de 'boas familias'- compartiron mesa xantar con obreiros composteláns. O Banquete de Conxo tornou nun símbolo de confraternidade que desacougou as autoridades e clases dirixentes de Santiago.
A confraternidade de estudantes e obreiros que compartiron o Banquete de Conxo en 1856 desacougou as clases dirixentes da época
"Que escándalo!", resume máis de século medio despois o que semella ser un crego para chamar, retranqueiramente, a participar da Festa do Banquete, o evento que dende 2018 ten vocación de lembrar cada ano o espírito do Conxo de finais do século XIX e os seus chamados de "orde e fraternidade". Os brindes de Luís Rodríguez Seoane, Aurelio Aguirre e Eduardo Pondal e o significado histórico daquel acto de irmandade, celebrado aínda entre ecos da falida revolución da década anterior, son homenaxeados con aire de festa.
Tras o éxito da primeira edición o programa da segunda xeira da Festa do Banquete xa está en marcha dende mediados de abril con diferentes actividades para preparar os días grandes, do 3 ao 5 de maio. De novo o seu epicentro é a contorna na que se celebrou o banquete orixinal que, lembra a edil compostelá de Igualdade, Promoción Económica e Turismo, Marta Lois, foi recuperada recentemente. Alí loce ademais dende hai semanas un mural de Pancho Lapeña e Antón Pascual que, formado por máis de 8.000 pezas, lembra os participantes no banquete e permite "intuír a presenza da propia Rosalía, que se rumorea que tamén participou".
A programación tamén se estendeu, non obstante, por outros puntos da cidade. Tanto no que atinxe aos eventos culturais como á gastronomía, como coas degustacións de pratos preparados con cabra.
Do 3 ao 5 de maio celébranse os días grandes da segunda Festa do Banquete, que lembra o histórico encontro en Conxo con representacións teatrais, música, poesía e desgustacións gastronómicas
Os actos centrais da segunda Festa do Banquete comezan o venres, 3 de maio, coa vista posta na rapazada. A representación d'O pequeno banquete por parte de alumnado do CEIP compostelán Quiroga Palacios e do colexio Pepe Xan Baña de Santa Comba, na carballeira de Conxo, dará paso a un programa que inclúe unha xincana xuvenil e, xa contra a tarde e o serán do propio venres, cantos de taberna por bares do barrio de Conxo.
O sábado comezará cun roteiro botánico polo bosque do banquete guiado polo botánico Martín Souto e o editor Henrique Alvarellos. Pola tarde unha mesa redonda sobre a historia do movemento veciñal compostelán dará paso a un concerto de corais e, contra o serán, á festa da poesía con Alba María, Berta Dávila, Os tres Pés, Oriana Méndez, Flow do Toxo e Carlos Meixide na praza Aurelio Aguirre.
A festa continúa durante todo o domingo cun desfile teatral dende a praza do Toural, o pregón, o concerto de Caxade na carbaleira de Conxo e un dos momentos centrais, a recreación teatral do Banquete a cargo d'Os Quinquilláns. O xantar e a romaría popular na carballeira, unha foliada e a despedida con discursos de veciñanza de Santa Marta e da Choupana, Pontepedriña, Castiñeiriño e Conxo despedirá a festa do banquete ata 2020.