Os terreos do antigo mosteiro de Conxo, no treito que abeira o evocativo río Sar, sofren dende hai anos a impericia e o esquecemento. A impericia das distintas administracións incapaces de respectar un espazo simbólico como son os últimos exemplares da carballeira de Conxo mentres se teñen unhas obras paralizadas co material alí ciscado. O esquecemento porque os tempos son chegados para erguer un recordo polo acontecido o domingo 2 de marzo de 1856: o Banquete Democrático de Conxo.
Os terreos do antigo mosteiro de Conxo, no treito que abeira o evocativo río Sar, sofren dende hai anos a impericia e o esquecemento
Os poucos carballos actuais resistiron á tala de 1882. O profesor Francisco Rodríguez interpreta o poema “Los robles” de Rosalía de Castro, incluído en Las orillas del Sar, como unha denuncia daquela profanación.
Nestes días pasados tanto a iniciativa Galiza pola Soberanía como o Centro Sociocultural Aurelio Aguirre conmemoraron o célebre acto en que o estudantado galego confraternizou co artesanado de Compostela e bisbarra.
Entre os promotores que acadaron máis sona están os tres poetas que alí brindaron pola liberdade: Luís Rodríguez Seoane, Eduardo Pondal e Aurelio Aguirre. Todos eles integrados en El Liceo de la Juventud que se fundara no primeiro aniversario dos Mártires de Carral; isto é, o 26 de abril de 1847. Sospeitamos que non se trata dunha casualidade cando un dos dirixentes fundadores do liceo foi Antonio Neira de Mosquera, ligado ao provincialismo.
Outros coñecidos membros daquela institución cultural e que puideron asistir ao acto de Conxo foron Manuel Murguía, Paz Novoa ou a propia Rosalía (quen marcharía un mes despois a Madrid)
Outros coñecidos membros daquela institución cultural e que puideron asistir ao acto de Conxo foron Manuel Murguía, Paz Novoa ou a propia Rosalía (quen marcharía un mes despois a Madrid). A presenza daquel fato xuvenil confería á escena a seiva provincialista.
Os artesáns foron recibidos polos estudantes vestidos de traxe. Exerceron de camareiros porque estaban ao servizo dos outros. Sentáronse intercalando escolares e obreiros. O lema que presidía o xantar puña “Orden, Fraternidad” e estaba acompañado por unha póla de loureiro e de palma. Símbolos da eternidade, do triunfo, da gloria e do martirio.
Os artesáns foron recibidos polos estudantes vestidos de traxe. Exerceron de camareiros porque estaban ao servizo dos outros
Aquela xuntanza foi primordialmente democrática porque os seus promotores e protectores ideolóxicos foron os do Partido Demócrata, que naquela altura representaba a proposta política máis á esquerda das existentes entón. De feito, o PD nacera en 1849 a raíz dos sucesos da primavera dos pobos. Algo existe en común entre o banquete prohibido en París en febreiro do citado 1848 e o celebrado en Conxo en 1856 xa que en ambos as reivindicacións sociais e exaltación do poder popular foron centrais.
Mais de Francia tamén chegou a pegada e influencia do romanticismo social dun Lamartine, poeta impulsor do movemento romántico francés e deputado da esquerda social, ou do transformado Víctor Hugo, autor anos despois do célebre libro Os miserábeis. Porque Rosalía, Murguía e Pondal leron con atención a estes autores.
Os seus promotores e protectores ideolóxicos foron os do Partido Demócrata, que naquela altura representaba a proposta política máis á esquerda das existentes entón
Porén a figura de Aurelio Aguirre alzaríase sobre todos eles porque conxugaba na súa persoa a feitura do prototipo romántico: a capacidade de improvisación lírica tan cobizada, un ilimitado amor pola liberdade, a admiración pola forza da natureza (sobre todo do Atlántico), o compromiso cos marxinados e a querenza pola nación galega.
Logo do brinde marcharon conxuntamente escolares e artesáns dirección a Compostela. O ruído nos cuarteis non se fixo agardar. Nos días previos os sectores máis conservadores da levítica Compostela pretenderon prohibir o acto. Agora asustábanse, segundo a crónica de Carré Aldao, ante os posíbeis disturbios. Non aconteceu ren.
Mais os textos alí lidos foron motivo de apertura dun proceso xudicial canto menos, que saibamos, a Eduardo Pondal e Aurelio Aguirre. Estes, encabuxados ante as acusacións de falta de moralidade e relixiosidade, facilitaron os escritos para seren impresos. O enfado da curia aumentou xa que a difusión daquelas ideas fuxía do cerco de Conxo para chegar á prensa galega, como La Oliva de Vigo.
Porén, no libro Recuerdos de agosto, que Alvarellos Editora vén de publicar e resulta ser a obra completa de Aurelio Aguirre cunha espléndida edición da profesora Olivia Rodríguez e uns apuntamentos históricos de quen isto escribe, recóllese a que seguramente foi a versión lida polo poeta compostelán. Incorpora uns versos inéditos de especial dureza política que, coidamos, decidiría retirar da copia impresa para evitar o inevitábel: o procesamento xudicial. Un texto de grande interese que agora está ao alcance de calquera persoa lectora.
Hai uns anos soubemos algúns datos da defensa e mediación exercida por un crego de Ponteceso no caso de Eduardo Pondal. Foi grazas ás descubertas de Juan Félix Neira. No que atinxe a Aguirre pouco sabemos agás as notas de Murguía en Los precursores. Pro as explicacións do historiador non parecen moi críbeis: o arcebispo compostelán perdoaría ao poeta se este rectificaba e facía unha profesión de fe nun escrito público. Así apareceu o poema “A mis calumniadores” onde nós cremos que non existe rectificación senón a omisión de polémicos postulados relixiosos do neocatolicismo de Lamennais en que Aguirre se sentía identificado.
A memoria de Compostela e arrabaldes mantén viva a figura de Aguirre que agora se deita inmortal coa publicación desta obra. Porque sería bo que o poeta fose coñecido polos seus textos e non polas lendas incertas
A posíbel intervención do deputado demócrata Eduardo Ruiz Pons parece unha posta máis fiábel. Porque Pons, que fixo vibrar o Parlamento español cando bramou contra a monarquía de Isabel II en 1854 e que supuxo unha críptica gabanza ao republicanismo, foi o protector literario de Aurelio Aguirre en vida e tamén o promotor da coroa fúnebre tras o seu falecemento, que non suicidio.
A memoria de Compostela e arrabaldes mantén viva a figura de Aguirre que agora se deita inmortal coa publicación desta obra. Porque sería bo que o poeta fose coñecido polos seus textos e non polas lendas incertas que tratan de xustificar o suicidio como motivo da súa morte ou a falsa relación amorosa con Rosalía.
Non existe ningunha proba documental nin sospeitas fundadas nos textos que Rosalía dedica a Aguirre ou no que Aguirre lle dedica a Rosalía para soster unha teoría amorosa entre eles
Sobre este último suceso, e con isto remato, cómpre aclarar un asunto. Non existe ningunha proba documental nin sospeitas fundadas nos textos que Rosalía dedica a Aguirre ou no que Aguirre lle dedica a Rosalía para soster unha teoría amorosa entre eles. Mais non se pode negar a admiración da poeta e a presenza dos versos do poeta na coñecida “Negra sombra”. Recomendamos ler atentamente o célebre poema “El murmullo de las olas”, asinado en Vigo en 1857, e ler despois a composición rosaliá. Para a meirande parte da investigación non hai dúbida que Rosalía sabía de memoria os versos ou os tiña impresos diante súa.
Mentres tanto manteñamos sempre un carabel vermello na campa de Aurelio Aguirre, como mostra de agradecemento, e pulemos polo recordo de 1856 nas terras de Conxo.