A folga xeral por Palestina convocada este mércores polos sindicatos máis representativos en Galicia e no Estado tivo un seguimento limitado no ámbito político no Parlamento, no que os grupos parlamentarios de BNG e PSdeG secundaron os paros por quendas, pero sen que ningún dos tres líderes políticos fixese ningunha referencia a Palestina na sesión de control ao presidente da Xunta, o principal foco informativo dos mércores de Pleno, como era este.

Ningún dos tres líderes políticos fixo ningunha referencia a Palestina durante a sesión de control ao presidente da Xunta, principal foco informativo dos mércores de Pleno como era este
A folga foi secundada polo BNG ausentándose pola mañá do hemiciclo a metade dos seus deputados e deputadas e avanzando que pola tarde farían o mesmo a outra metade. Un xeito de protesta en liña coa convocatoria de folga da CIG, que pedía parar catro horas segundo as quendas de traballo de mañá ou tarde. Nos escanos dos ausentes colocaron carteis co lema "Eu paro por Palestina".
No PSdeG todo o grupo estivo presente na sesión de control ao presidente e só despois anunciou que os seus deputados se ausentarían dúas horas contra o final da mañá, en liña coa convocatoria de folga de dúas horas de UXT e CCOO e coincidindo co final da sesión da mañá do Pleno na que os socialistas xa non tiñan prevista ningunha iniciativa propia.
Ademais, ningún dos tres líderes políticos -Alfonso Rueda, Ana Pontón ou José Ramón Gómez Besteiro- fixo ningunha referencia a Palestina durante as súas intervencións no debate de control ao presidente da Xunta.
Pontón centrou a súa intervención en pedir explicacións á Xunta pola falta de control de Política Social sobre dúas residencias de maiores privadas pechadas nos últimos días en Amoeiro e Xinzo de Limia por teren anciáns desatendidos. A líder nacionalista pediu o cesamento da conselleira de Política Social mentres que Rueda defendeu a súa actuación e atribuíu as críticas do BNG ás súas alianzas con Bildu.

Pola súa banda, na mesma sesión de control o portavoz socialista, José Ramón Gómez Besteiro, que si luciu no traxe unha insignia dunha sandía, símbolo das protestas a favor de Palestina, centrouse tamén en criticar as políticas sociais da Xunta, contestada polo presidente Rueda pedindo máis transferencias do Goberno de España.