O PSdeG-PSOE retomou este domingo os actos de campaña, suspendidos o venres despois de coñecerse o falecemento de Alfredo Pérez Rubalcaba. O secretario xeral dos socialistas galegos, Gonzalo Caballero, acompañou en Moaña á candidata do PSOE, Marta Freire. Dende alí, Caballero amosouse convencido de que o PSdeG "seguirá avanzando" fronte "ao pinchazo e ao retroceso do PP”.
Caballero amosouse convencido de que o PSdeG "seguirá avanzando" fronte "ao pinchazo e ao retroceso do PP”
O secretario xeral do PSdeG-PSOE chamou a traballar por “outra maioría de votos progresistas” nas municipais en Galicia, augurando un incremento dos concelleiros socialistas nas sete cidades. E lembrou que o 28A “o 55% dos galegos e das galegas votaron a forzas progresistas para rectificar e suspender a Feijóo”, concluíndo que Feijóo está "en fóra de xogo" e "quedou descolocado" tras uns comicios nos que houbo “unha maioría progresista clara e rotunda”.
O PSdeG-PSOE de Sarria presentou este domingo a súa candidatura para as eleccións municipais
Por outra banda, o PSOE de Sarria presentou este domingo a súa candidatura para as eleccións municipais, encabezada pola actual alcaldesa, Pilar López Yáñez. A rexedora estivo acompañada polo presidente da Deputación, Darío Campos Conde, o secretario do PSOE na Provincia de Lugo, Álvaro Santos Ramos.
López Yáñez subliñou que "cando chegamos ao Goberno local en xuño de 2015, Sarria era unha cidade sen lei". "Non existían concesións legais para a Praza de Abastos nin no Breogán, non estaban reguladas as licenzas das terrazas dos hostaleiros, a metade dos vados dos garaxes eran ilegais, tiñamos un caos circulatorio, os coches aparcaban en calquera lado, non había investimentos novos, unha débeda moi alta...", dixo, afirmando que "en 4 anos, sacamos a Sarria da parálise absoluta".