"É verdade que non soubemos explicar nas xerais que a división do voto prexudicaba os votantes do PP". Na mesma apertura da campaña electoral Alberto Núñez Feijóo centrou o seu discurso en alertar dos riscos da "división" do voto de dereitas, por primeira vez en moito tempo fragmentado en varias opcións. Este sábado o presidente da Xunta repetiu a mensaxe varias veces, chamando por exemplo en Verín a "unir o voto porque as candidaturas do PP en Galicia son a única alternativa con posibilidades ante PSOE, populistas e nacionalistas".
Núñez Feijóo pediu "unir o voto os votantes do PP e de Ciudadanos" para "non repetir a mesma decepción a noite electoral do 26 de maio"
No mitin que compartiu co presidente provincial Manuel Baltar e co candidato á alcaldía Juan Jiménez, Núñez Feijóo lembrou "a decepción que sentiron dez millóns de españois tras ver que coa división do voto Pedro Sánchez volveu ser presidente do Goberno" e pediu "unir o voto os votantes do PP, de Ciudadanos e votantes moderados doutros partidos" para "non repetir a mesma decepción a noite electoral do 26 de maio".
Na súa intervención, o líder do PPdeG non citou a VOX, que presenta lista nas sete cidades galegas e nalgunhas vilas. A pasada semana o PP tentou esquivar sen rexeitalos os posibles pactos municipais coa extrema dereita. Paula Prado e Agustín Hernández dixeron preferir agardar aos resultados das urnas nos concellos antes de pronunciárense sobre os eventuais pactos.
Núñez Feijóo estivo ademais en Barbadás, Cee, Vimianzo, actos nos que reiterou varias veces a mensaxe da "unidade" dos perigos da división: “Cada vez que dividimos o voto convertemos un goberno en desgoberno”. Sen aclarar se o PP pactaría ou non con VOX nos concellos galegos, o presidente da Xunta si acusou o PSOE pactar "sempre que pode con nacionalistas, independentistas e populistas, os seus socios no Goberno de España e nas cidades".