Case dezaseis anos despois o primeiro alcalde socialista de Lugo "dende os romanos" abandona. Faino para que a cidade da Muralla volva ser gobernada por unha coalición de esquerdas, fórmula de goberno que en 1999 converteu o catedrático de instituto na área de Filosofía Xosé López Orozco en alcalde dunha cidade que ata ese momento fora monocultivo da dereita con diversas expresións. Daquela Orozco púxose á fronte dun goberno compartido por PSdeG e BNG e agora, catro mandatos despois, "despexa o camiño" para facilitar un acordo na corporación lucense máis plural e, paradoxalmente, tamén máis escorada á esquerda en décadas que pode estar presidida, por primeira vez, por unha alcaldesa: Lara Méndez.
A retirada do veterano rexedor, que describe como unha decisión "estritamente persoal", chega tras dúas semanas de tensión co resultado do 24M sobre a mesa. As urnas mantiveron o PP como forza máis votada, aínda que perdendo 3 edís, tantos como o PSdeG, pero deixando polo camiño 2.000 votos e 4 puntos máis que os socialistas. Neste contexto o PSdeG precisa o apoio dos 3 edís de Lugonovo e dos 2 do BNG para acadar a necesaria maioría absoluta da investidura. E tanto a plataforma que encabeza Santiago Fernández Rocha como o Bloque, liderado por Rubén Arroxo, puxeron como "liña vermella" a marcha de Orozco para calquera negociación. A razón é que o socialista permanece imputado no caso Pokémon.
Lugonovo e o BNG esixiran a marcha de Orozco para abordar a negociación, o socialista subliña que se trata dunha decisión "estritamente persoal"
Visiblemente emocionado, Orozco asegura que a súa saída non é unha imposición da dirección do PSdeG, con cuxo secretario xeral, José Ramón Gómez Besteiro, mantivo frecuentes conversas ao longo destes días, a última este mércores e durante máis de catro horas. "Sempre sentín o respaldo do meu partido" para adoptar unha decisión que describe como "difícil, pero moi meditada" e que, ao seu xuízo, significa "sacrificar a presunción de inocencia" "Deixo a institución polo clima xerado por algúns neste paíse nesta cidade, que sacrifican dereitos fundamentais", lamenta. Isto implica que non chegue a tomar posesión da súa acta como concelleiro no pleno de constitución da nova corporación, o vindeiro sábado. O seu lugar vaino ocupar quen nos últimos anos exerceu como vicepresidenta da Deputación lucense, Lara Méndez, número dous da lista do PSdeG. "Haberá alcaldesa", augura Orozco, quen mantivo ao bordo das bágoas que "nunca" renunciará á "paixón por Lugo".
Lara Méndez: "Ábrese un novo escenario que afrontaremos con diálogo"
As primeiras verbas de Lara Méndez foron para eloxiar a Orozco, o "mellor alcalde da historia de Lugo" e "un dos mellores de Galicia cuxo "xesto", di, "o fai aínda máis grande". "Fíxoo pensando na súa cidade, á que adora", di a socialista, que como o resto dos grupos admite que agora "se abre un novo escenario que termos que afrontar con diálogo". "Imos practicar o diálogo e, evidentemente, a persoa do Partido Socialista agora son eu". Ante as primeiras críticas do PP, que puxo o acento en que Méndez non naceu na cidade, a edil resalta que "un é de Lugo se vive en Lugo" e sería "un orgullo ser alcaldesa da cidade na que vivo".
Fin dunha era
A renuncia de López Orozco supón a fin de toda unha era na política lucense. Inaugurouse en 1999, cando o pacto do PSdeG -7 edís- e BNG -6- o converteu en alcalde á fronte dun goberno que foi paradigma de bo entendemento entre as forzas que o compuñan. A harmonía finalizou nas seguintes eleccións, as de 2003, cando o carismático rexedor foi quen de capitalizar o labor do gabinete municipal pasando de 7 concelleiros a unha maioría absoluta de 13, recollendo tres da bancada do Bloque e outros tres do PP de Fraga, que naufragara no seu intento de desbancar o socialista coa exconselleira Manuela López Besteiro á fronte.
Dende aquela primeira maioría absoluta Orozco gobernou con todas as fórmulas posibles. Aferrado á "libretiña" na que anotaba as incidencias que atopaba pola rúa dirixiu a cidade en minoría, en bipartito e con pactos puntuais co Bloque e mesmo co PP. Durante eses anos a cidade experimentou unha notable transformación e o alcalde forxou unha imaxe de proximidade na que os seus detractores vían "populismo" en xestos como comprobar sobre o terreo os efectos do botellón nun dos parques da cidade, caracterizarse como senador romano no Arde Lucus ou recibir o Entroido no salón de plenos con gafas e nariz de brincadeira.
Orozco marcha tras anos de transformación nunha cidade que estivo axitada polos avatares xudiciais
A declaración da Muralla como Patrimonio da Humanidade, o relanzamento do casco vello ou a modernización da estrutura municipal son algúns dos logros duns anos nos que Lugo tamén estivo axitado, e moito, polos avatares xudiciais. Sobre Orozco pesou unha imputación da que xa se liberou, a do caso Campeón -baseada no testemuño do principal implicado, Jorge Dorribo-, pero permanece sobre el a devandita do caso Pokémon, a mesma que, asegura, tamén "desaparecerá" porque a propia investigación que dirixe a xuíza Pilar de Lara "deixa moi claro que nin eu, nin a miña muller nin as miñas fillas nos enriquecemos" ilicitamente. Nese mesmo caso caeu o que fora un dos homes fortes do goberno municipal, Francisco Fernández Liñares, que admitiu o cobramento de comisións ilegais, entre outras prácticas ilícitas.