Lugo: a vida despois de Orozco

Monumento á fundación de Lugo, na Praza Maior da cidade nunha noite de néboa CC-BY-NC-SA Praza Pública

Hai catro anos, o entón alcalde de Lugo, Xosé Clemente López Orozco (8 concelleiros e 29,5% dos votos), buscaba revalidar o que sería o seu quinto mandato. Como rexedor municipal, e durante dezaseis anos, coñeceu a maioría absoluta, o pacto de coalición, o goberno en solitario e ata a ruptura cos seus socios do BNG en pleno mandato. En 2015, o alcalde vírao case todo na política municipal, pero faltáballe unha renuncia á altura do mito.

Preme en "visible layers" para veres o resto de forzas políticas

O PPdeG de Jaime Castiñeira (9; 32%) quedou a 400 votos da alcaldía -sempre que se concretase un pacto con Ciudadanos (2; 7,4%)- e todo parecía indicar que Orozco chegaría ás dúas décadas de goberno municipal. Pero entrou en escena Lugonovo, unha forza heteroxénea, directamente xurdida das Mareas e dos procesos de confluencia, á que non se uniu a Esquerda Unida de Carlos Portomeñe (Alternativa Cidadá de Esquerdas: 1; 5%), pero si Xosé Anxo Laxe, antigo concelleiro do BNG que, desde 2012, era secretario local de Compromiso por Galicia. 

Lugonovo (con Santiago Fernández Rocha á cabeza) centrou a súa campaña na rexeneración política, e insistiu na dimisión de Orozco, quen tiña naquel momento dez imputacións e unha investigación aberta polo caso do Garañón, urbanización próxima ao Parque Rosalía de Castro e con vistas ao río Miño que foi paralizada polos tribunais. Lugonovo conseguiu tres concelleiros (11,4%), un resultado sensiblemente máis baixo do esperado, pero fundamental -xunto cos dous do BNG de Rubén Arroxo (8,6%)- para os pactos post electorais. 

A esixencia básica de Lugonovo en 2015 para apoiar os socialistas foi a renuncia de Orozco e o equilibrio municipal e provincial que o PSdeG tiña dende anos atrás en Lugo fíxose cachizas

A súa esixencia básica para apoiar aos socialistas foi a renuncia do alcalde. O equilibrio municipal e provincial que o PSdeG tiña en Lugo desde había uns anos fíxose cachizas. Lara Méndez, candidata a presidir a Deputación, despois de que José Ramón Gómez Besteiro marchase liderar o PSdeG, pasou a ser a alcaldesa, e ese movemento fixo correr os postos en concello e, sobre todo, deputación, nun dos mandatos máis axitados da institución provincial. Manuel Martínez, alcalde de Becerreá e candidato do PSdeG para presidir a deputación despois do movemento de Méndez, foi rexeitado á súa vez polo BNG por estar tamén imputado, e de xuño a setembro, a presidencia foi para Elena Candia, alcaldesa de Mondoñedo e presidenta provincial do PPdeG, grazas a que Martínez se votou a si mesmo en rebeldía. 

En 2019, a alcaldesa Lara Méndez enfróntase ás súas primeiras eleccións como cabeza de lista, e diante ten a outro debutante: Ramón Carballo, un veterinario que construíu a súa carreira política na Consellería do Medio Rural e, antes, como concelleiro da Fonsagrada. Antes de ser alcaldable, Carballo era subdelegado do goberno en Lugo, unha praza política de perfil baixo. Unha vez máis, non se esperan maiorías absolutas de PPdeG e PSdeG, e todo vai depender dos pactos posteriores. Con tanto candidato debutante, e unha fragmentación maior, tanto na dereita como na esquerda, a incerteza é alta. 

Ata agora o PP controlaba as parroquias rurais e o recinto amurallado, mentres o Sagrado Corazón e Paradai son zonas fortes dos socialistas

Ata agora, o PPdeG controlaba as parroquias rurais e o recinto amurallado, un patrón que se repite bastante no voto urbano dos populares en Galicia. Onde máis sofre é nos barrios novos de Acea de Olga, Fingoi, Casás e A Milagrosa, este último o máis poboado por lucenses novos migrantes (un 13% fronte ao 8% do resto de Lugo). Pero estes non son, precisamente, os barrios onde ten mellores porcentaxes o PSdeG. A zona forte dos socialistas é Sagrado Corazón e Paradai, cun voto relativamente estable en toda a cidade gás dentro de murallas. Hai que lembrar, con todo, que este era o voto a Orozco, e que xa sufría un desgaste evidente. O de Méndez, sen dúbida, será diferente. O problema é que aínda non o temos identificado.

Lugonovo foi un voto fundamentalmente urbano e de barrios mozos, igual que ACE; o BNG conservou forza na Cheda e nas torres do Bulevar Norte

Lugonovo foi, como a maioría das confluencias, un voto fundamentalmente urbano e de barrios novos. En Lugo son os de Acea de Olga e Fingoi, que creceron no últimos vinte anos, os que concentraron os maiores apoios á confluencia, en municipais, e a En Marea, en eleccións xerais e autonómicas. Aí é onde a esquerda ten os seus mellores resultados: Lugonovo anda polo 18% e ACE pasa do 7%. En 2015, o BNG conservou a forza que tivo hai unha década na Cheda e nas torres do Bulevar Norte, unha pequena urbanización ao norte da cidade. E Ciudadanos conseguiu entrar no concello nos distritos onde Lugonovo ten peso, cunha excepción: a zona vella (en torno ao 12% para C's). 

O 26 de maio, os lucenses teñen doce papeletas para elixir. Aos seis partidos con representación (PPdeG, PSdeG, Lugonovo, BNG, Cidadáns e ACE) hai que engadir a Vox, que é aínda unha incerteza. Aínda non sabemos ben como é o perfil do seu votante en Galicia nin, o que é máis importante, como se vai comportar en eleccións locais. 

Os seis partidos con representación hai que engadir a incerteza na dereita e a nova fragmentación na esquerda

A esquerda, por outro lado, está moi fragmentada. O Lugonovo de 2015 subdivídese en tres: Lugonovo-Mareas Locais, Podemos e Compromiso por Galicia (sen Laxe, que pecha a lista dos primeiros). Un terceiro bloque compóñeno outros tres partidos que, con toda probabilidade, van quedar lonxe do 5%. Foro Lugo Independente (o seu número un, Ildefonso Saavedra, foi afiliado do Partido Popular), Converxencia 21 (a formación de Carlos Vázquez Padín preséntase por primeira vez ás municipais en Lugo) e Galicia Sempre, o partido fundado por Manuel Martínez para conservar a súa acta na Deputación Provincial.

Cambian os actores principais (Lara Méndez, Ramón Carballo) e permanecen os secundarios (Louzao, Arroxo, Portomeñe e Martínez). As eleccións municipais en Lugo son as primeiras, en vinte anos, sen Orozco como protagonista principal. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.