PSdeG e BNG publican os seus acordos para gobernar en coalición Lugo e Pontevedra

Méndez e Arroxo e mais Lores e Fernández, asinando cadanseus pactos de goberno CC-BY-NC-SA PSdeG / BNG

PSdeG e BNG chegan ás sesións de constitución das novas corporacións municipais con pactos pechados para gobernaren en coalición dúas cidades galegas. Alén das negociacións mantidas polas Executivas nacionais de ambas formacións, as conversas en Lugo e Pontevedra foron rápidas e sen excesivos sobresaltos. Tanto o nacionalista Miguel Anxo Fernández Lores como a socialista Lara Méndez non só contan cos votos a prol do correspondente socio na investidura, senón que teñen tamén definida a estrutura de cadanseus novos gabinetes e as liñas políticas que guiarán o programa de goberno.

Lara Méndez e Rubén Arroxo, no acto de sinatura do pacto de goberno CC-BY-NC-SA PSdeG

Lugo: máis políticas de "benestar", peonalizacións e derruba do Garañón

O acordo asinado por socialistas e nacionalistas en Lugo implica que o voceiro do Bloque, Rubén Arroxo, ostente a tenencia da alcaldía no goberno encabezado pola socialista Lara Méndez, que terá trece concellerías, tantas como edís suman ambas forzas. O PSdeG xestionará ás áreas de Economía, Desenvolvemento Local, Persoal, Urbanismo, Medio Ambiente, Deportes, Medio Rural e Mocidade e ao Bloque corresponderanlle Infraestruturas, Mobilidade, Cultura, Turismo e Promoción da Lingua e Educación e Cidadanía.

A Ronda da Muralla é un dos focos de intervención para as novas peonalizacións, segundo o acordo de goberno

O documento de "liñas de acción do goberno" inclúe premisas como "avanzar" nas políticas de "benestar" ou desenvolver novos proxectos de mobilidade e peonalizacións coa Ronda da Muralla como un dos focos de intervención. No ámbito urbanístico, no que o acordo reserva liberdade de voto ao Bloque, o acordo contempla "artellar o procedemento necesario para derrubar o Garañón" e que haxa no seu lugar unha "zona verde". Esixir á Xunta infraestruturas pendentes en barrios como os da Residencia e do Sagrado Corazón, implantar a Administración electrónica ou colaborar coa industria forestal do municipio figuran tamén no pacto de goberno.

Miguel Anxo Fernández Lores e Tino Fernández, na sinatura do acordo de goberno en Pontevedra CC-BY-NC-SA BNG

Pontevedra: estender o modelo urbano e mantemento da oposición a ENCE

En Pontevedra o goberno encabezado por Miguel Anxo Fernández Lores estará conformado polos 11 integrantes do grupo do BNG e os 4 obtidos polos socialistas. Tino Fernández, voceiro do PSdeG, será tenente da Alcaldía e concelleiro de Educación, Deportes, Actividade Física e Saúde. O Bloque xestionará a portavocía do goberno e as concellarías de Promoción da Cidade, Espazos Públicos, Obras, Ordenación do Territorio, Patrimonio Municipal, Economía e Facenda, Persoal, Xuventude e Urbanismo e o resto de edís do PSdeG poranse á fronte de Benestar, Desenvolvemento Sostible e Promoción Económica.

O pacto de goberno contempla que o novo contrato do lixo aposte pola compostaxe

No que atinxe aos "obxectivos programáticos" da coalición, o acordo de goberno contempla "estender o modelo urbano" de Pontevedra ás parroquias da cidade e mantén, como liña política, a "oposición frontal á permanencia de ENCE na marisma de Lourizán". Potenciar medidas de benestar social, unha nova ordenanza de mobilidade, implantación de carrís bici ou un novo contrato de recollida do lixo que potencie a compostaxe son outras das medidas que explicita o acordo, que tamén prevé continuar os plans de "promoción exterior da cidade" e de acollida de grandes eventos deportivos na liña do mandato previo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.