Cinco alcaldías urbanas para o PSdeG e unha do BNG mentres Ourense ferve

Rey, Bugallo, Mato, Méndez, Lores e Caballero teñen aseguradas as súa investiduras mentres permanece a incógnita ourensá CC-BY-NC-SA Praza Pública

Cando restan apenas corenta e oito horas para a constitución das corporacións municipais elixidas nas urnas o pasado 26 de maio, en cinco das seis cidades galegas nas que a alcaldía dependía de pactos entre varias forzas políticas as negociacións xa están pechadas no esencial, a investidura , e en dúas delas mesmo están postas as bases para senllos gobernos de coalición. Dende o sábado o PSdeG terá a alcaldía que gañou por maioría absoluta, a de Vigo, e catro máis, as da Coruña, Santiago, Lugo e Ferrol. O BNG, pola súa banda, volverá erguer o bastón de mando en Pontevedra. Mentres, Ourense ferve e case calquera escenario é viable.

Miguel Anxo Fernández Lores e Tino Fernández asinaron este xoves a coalición en Pontevedra, Lara Méndez e Rubén Arroxo farano este venres en Lugo

As dúas cidades coas negociacións máis avanzadas son Pontevedra e Lugo. Miguel Anxo Fernández Lores e Tino Fernández rubricaron este xoves, a dous días da investidura, o acordo polo que gobernarán en coalición cunha base de edís que supera a maioría absoluta na corporación municipal -11 do Bloque e 4 socialistas-. O pacto, di o rexedor nacionalista, está sustentado na "lealdade e respecto mutuo das forzas políticas para os vindeiros catro anos". Fernández ostentará a tenencia da Alcaldía.

A outra cidade que chegará á investidura cun goberno de coalición pechado é Lugo. Lara Méndez e Rubén Arroxo asinarán este venres o acordo, que a formación nacionalista somete no serán deste xoves á aprobación da súa asemblea tras culminaren as negociacións. Os oito edís socialistas e os cinco do Bloque votaran o sábado a investidura da alcaldesa socialista, que non desbota pechar posteriormente pequenos "flocos" do novo equipo de goberno. Ambas formacións aseguran que nas conversas primaron as cuestións "programáticas" para un gabinete do que Méndez destaca que poderá abordar con máis efectividade a xestión diaria que no anterior mandato ela tivo que abordar con só 8 edís.

BNG e PSdeG asinaron o pacto de goberno este xoves (dereita) en Pontevedra e pechárono en Lugo, onde o asinan este venres CC-BY-NC-SA PSdeG / Concello de Pontevedra

O PSdeG seguirá negociando a fórmula concreta de goberno na Coruña e Ferrol tras as investiduras de Inés Rey e Ángel Mato, que serán apoiadas pola Marea Atlántica, Ferrol en Común e o BNG

Onde a coalición é un escenario que está sobre a mesa pero non pechado, cando menos de momento, é en Ferrol. É máis que probable que os votos do PSdeG, Ferrol en Común e BNG se unan na sesión de investidura para lle dar a alcaldía ao socialista Ángel Mato e pecharlle o paso ao ex-conselleiro José Manuel Rey Varela, que lograría o posto automaticamente para o PP por ser a forza máis votada se as forzas de esquerda, que suman maioría absoluta, non votan unidas. Os contactos a tres bandas xa comezaron e Ferrol en Común, ata agora gobernante, amosou a súa disposición a selar unha coalición que, en calquera caso, continuará negociándose tras a investidura.

O xeito en que quedará definitivamente configurado o goberno tamén será abordado tras a investidura na Coruña, onde a socialista Inés Rey ten xa garantido o voto afirmativo da Marea Atlántica e do BNG para substituír a Xulio Ferreiro na alcaldía. Tras os primeiros contactos entre socialistas e Marea, a posibilidade dun acordo estable e mesmo dunha coalición quedou sobre a mesa, á espera da redacción dos primeiros documentos programáticos e tamén coa vista posta no debate interno das diferentes forzas.

Mentres, en Santiago, a condición de forza máis votada lograda polo socialista Xosé Sánchez Bugallo no 26M, con 10 edís e sen posible suma alternativa pola dereita, derivou en que o pulso negociador apenas existise. Bugallo desbotou, cando menos de inicio, a posibilidade de ofertar unha coalición á ata agora gobernante Compostela Aberta. Si o ofreceu ao BNG, que o rexeitou subliñando que os 10 edís socialistas e os 2 nacionalistas non suman maioría absoluta e, daquela, neste caso coalición non equivale a "estabilidade". O que xa fora rexedor de 1998 a 2011 ten, en calquera caso, a investidura asegurada.

Jácome, ante a prensa no salón de plenos de Ourense o 12 de xuño de 2019 CC-BY-NC-SA Praza Pública

Ourense, onde todo pode suceder

Todo o contrario á calma compostelá é que sucede en Ourense, onde ningunha das forzas políticas implicadas na negociación do vindeiro goberno local, intimamente ligada á conformación de maiorías na Deputación, é quen de afirmar que sucederá na votación do sábado. Tanto o PP como o PSdeG multiplican os seus contactos con Democracia Ourensana cuxo líder, Gonzalo Pérez Jácome, xa avanzou que o seu grupo votará pola súa propia candidatura á alcaldía e que espera que populares ou socialistas fagan o mesmo. A cambio, el poría os seus votos á disposición dunha das dúas forzas na institución provincial, que se constitúe en xullo.

Alén de clamar por unha reforma legal a prol da "lista máis votada" Feijóo volve evidenciar que as negociacións en Ourense dependen de Baltar, quen di observar "boa disposición" para un acordo con Democracia Ourensana

Alén de reiterar a esixencia de que se permita gobernar á "lista máis votada" e clamar por unha reforma da lei electoral sen "trampa nin cartón", o presidente da Xunta e líder do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, volvía admitir que as negociacións ourensás pasan pola mesa de José Manuel Baltar e non pola súa. O barón ourensán, preguntado ao respecto tras un acto institucional este xoves, admitiu negociacións con Pérez Jácome, ás que acode con "boa disposición" porque "Ourense é o único que protagoniza as conversas". Por iso asegura considerar "cousas pasadas" as duras críticas de DO ao baltarismo.

Tamén o PSdeG ourensán estivo a negociar durante esta semana con Jácome, se ben no seo do partido non é vista con bos ollos, en xeral, a posibilidade de facer alcalde ao líder de Democracia Ourensana para, a cambio, tentar o desaloxo de Baltar cunha maioría alternativa para a que cumprirían tamén os votos a prol de Ciudadanos e do BNG ao mesmo tempo. Neste sentido o secretario xeral dos socialistas, Gonzalo Caballero, reiteraba este xoves dende O Carballiño que a súa "vocación" é a de "abrir unha etapa de progreso" que "poña fin aos Baltar". "Outras forzas terán que decidir que queren facer tras anos criticando a Baltar", advertiu en referencia a DO.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.