Marcha Xulio Ferreiro: "A Coruña é hoxe mellor que hai catro anos"

Xulio Ferreiro, nunha visita a un mercado municipal © Marea Atlántica

Xulio Ferreiro marcha. O aínda rexedor da Coruña anunciou este mércores que renunciará á súa acta de concelleiro e non sentará no pleno municipal neste vindeiro mandato tras a perda da alcaldía e de catro escanos por parte da Marea Atlántica o pasado 26M. 

Toma unha decisión “madurada desde hai tempo”, a de “abandonar a vida institucional” aínda que non o espazo de confluencia que axudou a impulsar hai cinco anos. Anunciouno emocionado e sen poder conter as bágoas. “Non hai ninguén imprescindible en política”, dixo tras advertir que non marcha “moi lonxe” porque quedará na Marea “como un máis, ofrecendo” a súa “experiencia e traballo como militante”. 

Xulio Ferreiro renuncia á súa acta de concelleiro e abandona "a vida institucional" pero non a Marea Atlántica

A Marea foi superada polo PSOE e, malia manter máis de 25.000 votos e superar o 20% de apoio, non cumpriu co propósito de recuncar na alcaldía. “Cando non se cumpren os obxectivos que un se pon, débese actuar en consecuencia e asumir responsabilidades”, dixo tras aludir a “razóns de carácter persoal e político” para a súa marcha, que revelou acompañado de membros da formación e do goberno local. 

Xulio Ferreiro, nun acto de campaña na Coruña © Marea Atlántica

“O consecuente é deixar paso a outra persoa ou persoas que poidan situar a Marea Atlántica en condicións de disputar a alcaldía en catro anos”, insistiu Ferreiro, tras unha campaña electoral centrada na súa figura. Consciente do seu tirón e da súa boa consideración xeral, a candidatura municipalista baseou a contenda electoral nun rexedor que sempre presumiu de “proximidade” coa cidadanía e da “normalidade” dun coruñés máis. 

O aínda alcalde regresará como profesor á Facultade de Dereito, onde tivo como alumna hai anos a Inés Rey, que o substituirá agora á fronte da alcaldía

“Gaña nas distancias curtas”, insisten sempre desde a súa contorna pero tamén desde sectores que pasaron do receo ao respecto ou á gabanza tras algún encontro. “É un tipo normal, dos poucos profesores cos que podías parolar ou fumar un cigarro despois das clases”, dicían algúns dos seus ex-alumnos hai catro anos, cando chegou á alcaldía por sorpresa. Volverá ás aulas pero xa non sairá a fumar. Prometeu deixalo despois das eleccións, pasase o que pasase. “Non volvín fumar desde o domingo”, dixo. 

Regresará á Facultade de Dereito, onde foi profesor de Inés Rey, antiga alumna que ocupará agora o seu posto na alcaldía. Será recibida, ben seguro, con menos carraxe da que amosaron con Ferreiro eses “poderes fácticos” da Coruña, que el e a súa candidatura tamén prometeron combater, e a súa alongada sombra. 

O aínda rexedor presumiu de non ser daqueles e si dunha cidade “popular, dos barrios, a que nutre a súa poboación basicamente do éxodo rural dos 60 e 70”, como dixo pouco antes de coller o bastón de mando. Afastado “da Coruña dos Méndez, dos Paco Vázquez, deses supostos persoeiros que teñen secuestrada a cidade e o seu poder simbólico”. 

O seu mandato foi, tamén, un xeito de rachar os tópicos sobre unha cidade “cunha disociación brutal entre o que é e o que algúns queren que represente”. E cuns prexuízos asentados no pasado e no descoñecemento. Aquel “poder simbólico secuestrado” mudou tamén na cidade coa alcaldía dun coruñés de barrio, que fala en galego e que non deixou o seu asento no fondo de Riazor. Na bancada máis populosa e popular, lonxe do palco, da directiva do Deportivo que marchou do club só unhas horas antes que Ferreiro e que advirte, en público e en privado, da boa sintonía que sempre mantivo co rexedor. 

Ferreiro di que marcha "sendo en esencia o que entrou" e destaca o "difícil" que foi o mandato en minoría, establecer "alianzas" con outras administracións ou "aturar campañas de desprestixio"

Os erros, a inexperiencia e a presión constante influíron nun mandato que avalía, como "difícil, en minoría", que Ferreiro acaba con máis canas e moita máis experiencia pero, lembra, “sendo en esencia o que entrou”. “Co mesmo patrimonio, coas mesmas amizades e cos mesmos costumes”, aclarou. “Como xente do común entramos, como xente do común marchamos”, insistiu. 

"Creo que hoxe A Coruña é mellor que hai catro anos", dixo, ao referirse a unha cidade que ve "máis sustentable, que reduciu bolsas de pobreza, que contamina menos, que ten máis emprego e máis riqueza, unha vida cultural máis intensa, un sector turístico máis forte, coas contas saneadas ou onde xa é normal que os veciños participen na vida institucional". 

Resumiu, ademais, importantes proxectos que o goberno local deixa feitos ou encetados para o futuro, como a mudanza no "sentir común" sobre o futuro do porto que sempre destaca, pero non obviou a dificultade para "establecer alianzas con outras administracións" ou "aturar as campañas de desprestixio" ás que di que foi sometido o seu goberno e que "tamén afectaron as vidas persoais". "Tería sido máis doado asumir algunha desas presións, pero non cedemos e aceptamos as consecuencias", insistiu. 

O que na Marea moitos definen como “acoso” desde algunhas trincheiras levou a que houbese quen tirase flores “para o cadaleito” de Ferreiro tras unha polémica no pleno ou que nunha asociación de empresarios os aspirantes á alcaldía debatesen, ausente el, ante un boneco sen pernas coa súa careta.

Ferreiro marcha advertindo dos problemas no "espazo político" das mareas por ter mirado "cara a dentro" perdendo o tempo que se debía "dedicar á cidadanía"

Desa careta que el di que nunca puxo desde que entrou na política institucional, da que marcha sen obviar críticas cara á evolución do “espazo político, en Galicia e no Estado”, onde se sitúa a Marea Atlántica. Ferreiro pulou tamén desde dentro por asentar unha alternativa forte a nivel galego pero acabou por centrar os seus esforzos na cidade. “Non vimos para mirar cara a dentro e a nós mesmos”, dixo, tras advertir de que todo o tempo que se perdeu en liortas internas “deixouse de dedicar á cidadanía” e sabedor de que a candidatura municipalista acadou na Coruña a unidade e cohesión que non logrou noutros sitios. 

Pero non desiste. “Hai que recompoñer o espazo, pensar o que fixemos mal e empezar a facelo ben”, aclarou para avisar de que as derrotas electorais non son definitivas: “Xa lles pasou a outros antes e a outros hai catro anos que agora están na cresta da onda”. Pero si lanzou unha mensaxe: “Fai falta xenerosidade, altura de miras e sumar. Agardo que todos esteamos á altura”. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.