Hai catro anos o PP foi a forza máis votada na cidade da Coruña, con 30 votos de diferenza en relación á Marea Atlántica. Este domingo os populares repetiron unha axustada, desta volta sobre o PSdeG-PSOE e por uns 400 sufraxios, e de novo completamente insuficiente para poder chegar á Alcaldía da cidade. Os populares mantiveron ben as súas posicións, resistindo a competencia no campo da dereita (Ciudadanos apenas subiu 1.400 votos e VOX obtivo apenas 2.600), pero foron incapaces de achegarse a unha maioría.
Ines Rey converterase en alcaldesa cos apoios de Marea Atlántica e pode que do BNG, grazas a un grande ascenso que mesmo superou o resultado do PSdeG-PSOE no ano 2011. Socialistas e populares repartíronse case por igual as vitorias nos distintos barrios da cidade: Cidade Vella, Pescadería, Riazor, Ensanche, Catro Camiños e Gaiteira para o PP, o resto para o PSdeG-PSOE, comezando por Montealto, Os Rosais, Labañou, Agra, Mallos, Elviña ou Novo Mesoiro.
O PP mantivo o seu tradicional dominio no centro da cidade, superando o 50% dos votos no Ensanche ou en Riazor, lugares nos que nas eleccións xerais Ciudadanos e VOX obtiveran importantes porcentaxes de apoio, moito máis cativos nestes comicios municipais. Os populares tamén dominaron amplamente na Cidade Vella, pero acadaron un resultado moito máis reducido no resto do concello.
O PSdeG-PSOE asentou o seu excelente resultado no seu crecemento en barrios populares como Os Mallos, Monte Alto, A Agra do Orzán, O Birloque ou A Gaiteira.
Foi neses barrios, que no 2015 constituíran a base do triunfo de Xulio Ferreiro, onde a Marea Atlántica perdeu máis apoios. A candidatura municipalista non foi quen de gañar en ningunha sección censual, nin sequera en barrios como Labañou, Peruleiro, Novo Mesoiro, que si dominaran hai catro anos.
O BNG creceu dous mil votos e acadou o seu mellor resultado nalgún puntos de Monte Alto, Durmideiras e Novo Mesoiro, nos que roldou o 10% dos apoios.
O crecemento de Ciudadanos foi inferior ao rexistrado nas eleccións xerais. A formación laranxa tan só se achegou ao 10% nalgunhas rúas do centro, precisamente o espazo no que o PP se mantivo máis forte.