A súa importancia como segunda cidade de Galicia -que vincula máis a decisión do votante ao contexto político xeral- e a incerteza a respecto de Vigo -onde se dá por feita unha nova e ampla vitoria de Abel Caballero- converte A Coruña nunha peza moi cobizable e para estas eleccións municipais, á que se lle vai prestar bastante atención. Sábeo o PPdeG, que apostou forte pola candidatura de Beatriz Mato, e sábeno tamén os poderes fácticos, que bateron durante catro anos sen tregua nas fraquezas dun executivo municipal que moitos ven como intruso.
E a resaca na cidade atlántica, catro anos despois da chegada da Marea, pode levar a calquera por diante. Non hai dúbida de que o ton agresivo da oposición popular —coa colaboración socialista en determinados asuntos— exacerbou os ánimos na cidade. Mais quen pescará mellor nas augas revoltas?
28 de abril-26 de maio
O panorama saído do 28 de abril parece situar ao PSOE en disposición de recuperar unha alcaldía histórica, aínda que nesta ocasión cun matiz distinto nos apoios, toda vez que é coñecido o perfil conservador do seu electorado na época de Paco Vázquez. Un socialismo renovado, polo menos en aparencia, encabezado por unha cara nova como a de Inés Rey, podería pescar no desgaste do goberno da Marea e acadar unha boa colleita no electorado de centro.
O panorama saído do 28A pareceu situar o PSOE en disposición de recuperar a alcaldía, aínda que cun matiz diferente nos apoios
O golpe sufrido polo PP na Coruña nas xerais de abril foi notable. Chegou a ser cuarta forza, por detrás de PSOE, Ciudadanos e Unidas Podemos, en seccións de barrios como Novo Mesoiro, Agra do Orzán ou Durmideiras. E ao tempo viu lastrada a súa presenza nos 'fortíns' das zonas de maior renda pola aparición de Ciudadanos e Vox (que superou o 10% nalgunhas seccións do centro).
Alén disto, é unha incógnita ver como se van distribuír os apoios das xerais a PSOE e UP de cara ás eleccións locais: a batalla pola forza máis votada decantarase na medida en que Xulio Ferreiro poida reter respecto a 2015 algúns dos apoios que en abril apostaron polo goberno de Pedro Sánchez. Hai un dato que pode insuflar optimismo á Marea: o apoio a UP no 28-A mantívose arredor do 20% en moitos barrios da cidade.
A batalla pola forza máis votada decantarase na medida en que Xulio Ferreiro poida reter respecto a 2015 algúns dos apoios que en abril apostaron polo goberno de Pedro Sánchez
As enquisas coñecidas expuxeron unha situación semellante: nas últimas semanas, a vaga favorable ao PSOE apuntou a que ía ser a forza máis votada, aínda que cunha fragmentación no pleno coa que probablemente sería preciso tecer alianzas ou pactos de goberno. Está por ver aquí quen sería o compañeiro de viaxe dos socialistas.
Antes do 28-A, as citas coas urnas que se produciron despois de maio de 2015, dúas xerais e unhas autonómicas, saldáronse con vitorias do PP e con Podemos-En Marea como segunda forza en todos os casos. Non en tanto, estes datos parecen perder actualidade despois da resaca de abril.
Está por ver como se reparte na cidade a inaudita división da dereita e se o devalo da esquerda rupturista nas xerais se traslada ás municipais
Así, está por ver, por unha banda, como se reparte na cidade a inaudita división da dereita, aínda que tanto Ciudadanos como Vox tardaran demasiado en facer públicas as súas candidaturas. O partido de Rivera chegou a ser segunda forza nas xerais en varias seccións do centro da cidade e barrios con poboación nova, pero non parece que poida manter o pulo nos comicios locais.
E por outra, é unha incógnita o veredicto electoral cara ao goberno de Xulio Ferreiro: contaxiarase do devalo da esquerda rupturista ou, pola contra, aguantará a marea alta? Alén disto, fica tamén a dúbida sobre se a lúa de mel do PSOE no Goberno español se traslada a un grupo local no que houbo leas á hora de conformar as listas mentres o histórico Francisco Vázquez compartía cartel na cidade con Albert Rivera facéndolle as beiras. Cabe esperar tamén unha melloría do BNG logo dos pobres resultados de 2015 grazas á decepción co espectro de En Marea e o pulo da nova dirección de Ana Pontón, co que podería ser clave para decidir a alcaldía e gobernar a cidade.
Como vota a cidade?
Á hora de analizar os resultados das municipais de 2015 na Coruña e as perspectivas cara a maio de 2019 desde unha perspectiva ecolóxica₁, poden distinguirse tres grandes áreas -con cadansúas zonas de transición e excepcións— que determinan o comportamento electoral na cidade:
No centro da cidade o PP obtivo unha ampla vitoria en 2015 e a Marea quedou por baixo do 30%
-En primeiro lugar, o centro da cidade, na faixa máis estreita do istmo, estendéndose a zonas como Juan Flórez, Riazor ou Cidade Vella, onde o Partido Popular obtivo unha ampla vitoria en 2015, con porcentaxes que oscilaron entre o 40 e o 57%, a Marea por debaixo do 30% e o PSOE con cifras que non chegan ao 15%. Son estas zonas cunha renda per cápita notablemente por riba da media da cidade e unha poboación lixeiramente envellecida. Fóra destas áreas, o PP empeora notablemente os seus resultados. Aquí residen, sen dúbida, as expectativas da lista de Beatriz Mato. Se o descontento de parte da dereita co actual PP castiga a súa lista nestas zonas en forma de voto a Ciudadanos e Vox, as posibilidades de acadar a alcaldía reduciranse moito.
-En segundo lugar, a área periurbana, con exemplos, como Mesoiro e Novo Mesoiro, Matogrande, Someso, Elviña, Feáns ou Os Rosais. Zonas residenciais na súa maior parte de recente construción, con moita xente nova, onde a Marea Atlántica obtivo os seus mellores resultados en 2015, superando en varias delas o 40%. A fractura xeracional no voto evidenciouse en zonas como Novo Mesoiro, onde a suma de PP e PSOE (menos do 30%) quedou por debaixo dos resultados da Marea, ao tempo que Ciudadanos obtiña bos resultados.
A Marea Atlántica obtivo os seus mellores resultados en barrios como Mesoiro, Matogrande, Someso, Elviña, Feáns ou Os Rosais; nalgunhas delas a suma de PP e PSOE non pasou do 30%
-E en terceiro lugar, o cinto de barrios que medraron ao abeiro do éxodo rural de mediados do século XX (Os Mallos, O Ventorrillo, Sagrada Familia, Agra do Orzán, Gaiteira, Os Castros, etc.), no que tamén se poderían incluír outros barrios xenuínos da cidade, como Monte Alto. Son zonas cunha elevada densidade de poboación, e cunha idade media semellante ao conxunto do concello. Nelas, o bipartidismo resiste mellor ca nas áreas anteriores, aínda que a mensaxe da Marea en 2015 callou, e resultou vencedora en bastantes casos por diante do PP, co PSOE con mellores resultados cá súa porcentaxe media na cidade, polo que a esquerda parece albergar o voto maioritario nestas zonas.
En canto á participación, obsérvanse unhas porcentaxes maiores nas zonas do centro e algunhas seccións do cinto de barrios que medraron a mediados do século XX, mais non se atopa unha correlación clara entre os niveis de participación e o voto a determinadas candidaturas. Do mesmo xeito, en barrios periurbanos, de maior extensión e menor renda (Bens, O Portiño, Labañou, As Xubias...) hai unha participación menor.
Pola dereita, as posibilidades de recuperar a alcaldía pasan por que o PP manteña a súa supremacía e mobilice os barrios acomodados
Respecto á idade e a súa relación co abstencionismo, parece apreciarse que a abstención é menor onde a media de idade é máis alta, aínda que se poden atopar varias excepcións que impiden establecer unha relación clara.
En conclusión, a incerteza parece marcar o resultado que sairá das urnas o 26 de maio na Coruña. Pola dereita, as posibilidades de que o PP recupere a alcaldía pasan porque manteña a súa supremacía e mobilice aos seus potenciais votantes nos barrios acomodados da cidade. E, ao tempo, porque a candidatura de Beatriz Mato non se vexa afectada polo posible voto de castigo en forma de abstencionismo ou cara a dúas forzas que poderían pescar no caladoiro urbano, como Ciudadanos e Vox. Non en tanto, a tardanza destas dúas candidaturas á hora de presentar as súas listas na cidade podería restarlles apoios e, por tanto, favorecer os bos resultados dos populares.
Cara a esquerda, as incógnitas non son menos. No contexto da polarización e a crispación xeral, que a nivel local tamén axitou o PP da cidade, cabe contemplar varias opcións respecto á mobilización do voto progresista. Sobre a Marea Atlántica, a incógnita é semellante, mais nun contexto diferente. Unha vez que remitiu o aluvión de unidade popular que colleitou as alcaldías máis importantes do Estado en 2015, as mareas municipalistas parecen ter agora as súas fortalezas na súa xestión local (e tamén as súas debilidades), e non tanto no pulo do rupturismo.
Cabe agardar, por tanto, unha posible perda de apoio na medida do descontento coa galaxia Podemos, mais é posible igualmente que a crispación alimentada pola dereita esperte ao votante progresista para reter estas alcaldías
Cabe agardar, por tanto, unha posible perda de apoio na medida do descontento coa galaxia Podemos, mais é posible igualmente que a crispación alimentada pola dereita esperte ao votante progresista para reter estas alcaldías. Unha situación distinta vive o PSOE; é probable que grazas ao impulso da Moncloa recupere parte dos apoios perdidos en 2015, mais as divisións no seo da agrupación local tamén poderían restar. No marco nacionalista, cabe agardar unha notoria recuperación do BNG, en parte pola recuperación que vive a organización, en parte pola volta dos votantes que apoiaron á Marea en 2015 e viven con decepción as leas internas do rupturismo.