Ninguén quere ser pasado na carreira pola alcaldía da Coruña

Xulio Ferreiro, Beatriz Mato, Inés Rey e Francisco Jorquera CC-BY-SA Praza Pública
Publicidade
Publicidade

Ninguén quere ser pasado na carreira pola alcaldía da Coruña. Os primeiros días da campaña municipal reiteran o interese dos principais candidatos en fixar cadanseu marco de debate, diferentes no fundamental pero semellantes nun propósito bastante común: defender a bagaxe máis achegada e obviar o pasado máis incómodo. Ollar cara adiante e non regresar atrás, ou polo menos non demasiado. Esa é a dicotomía

Insiste en situar aí o debate a Marea Atlántica e o seu candidato a alcalde, Xulio Ferreiro, consciente dunha equipaxe aínda lixeira, sen grandes escándalos nin lousas pesadas e coa lembranza da sorpresa e aire novo que supuxo a súa entrada en María Pita. Advertiuno de novo no debate que os principais aspirantes mantiveron este mércores na TVG, como xa fixera o martes no da Radio Galega. Para o actual rexedor, a “decisión” no 26M será a de elixir entre “volver ao pasado ou seguir avanzando cara ao futuro”. “Regresar ao escurantismo, á cidade onde algúns pensaban que todo era seu e onde se decidían as cousas no reservado dun restaurante ou a un modelo verde, sustentable, sen hipotecas, igualitario...”, dixo en clara apelación ao anterior goberno do PP, pero tamén aos anos de executivos do PSOE. 

Xulio Ferreiro cre que a "decisión" do 26M consiste en elixir entre "volver ao pasado ou seguir avanzando cara ao futuro"

A candidata socialista á alcaldía, Inés Rey, defende a “acreditada” xestión daqueles gobernos de Francisco Vázquez e Javier Losada para un modelo de cidade que lembra de éxito e con pegada social, pero sabe tamén que reivindicar de máis aquela etapa pode levala a esvarar cos obstáculos que a Marea coloca ante o seu espello. A sentenza do Conde de Fenosa --e o acordo que evitou un importante problema económico no Concello--, o caso Someso, a Agra de San Amaro... As “desfeitas urbanísticas” que o actual goberno local sempre advirte que tivo que solucionar nos últimos catro anos ensombrecen o discurso dun PSOE local que prefire coller a onda de Pedro Sánchez

“Subámonos ao tren de progreso no que se subiu España”, pide a aspirante socialista nas súas intervencións. “Volvede depositar a confianza no PSOE, como fixemos todos o pasado 28A, converténdonos en primeira forza na cidade”, repetiu Inés Rey na visita este luns á Coruña de Sánchez, candidato polo que ela non apostou nas primarias do partido –apoiou a Susana Díaz-- e obxectivo das críticas máis furibundas do que fora o seu mentor na agrupación local, Paco Vázquez. 

“Subámonos ao tren de progreso no que se subiu España”, pide a candidata do PSOE, Inés Rey, que intenta aproveitar o impulso de Pedro Sánchez nas xerais

A carreira, á vista das enquisas e das sensacións dos propios partidos, céntrase en decidir quen se fará coa alcaldía. Se o impulso da vitoria socialista nas xerais lle dará a Rey o bastón de mando ou se a Marea Atlántica aguantará como primeira forza da esquerda e recuncará Ferreiro, que insiste en que se no 28A se votaba “con temor” agora “toca votar con ilusión, xa non con medo”. Nos votos mareantes que o PSOE recibiu prestados nas xerais e na capacidade ou non dos socialistas de reter esa onda de cambio estará a clave. 

Pazo municipal de María Pita © Concello da Coruña

A dereita, tocada polo resultado de hai menos dun mes, afronta un panorama máis difícil. Beatriz Mato, a grande aposta do PP, únese á candidata socialista nas críticas á “parálise” na cidade, nos ataques á “inexperiencia” do executivo local ou ao exceso de sucidade que denuncian acotío. 

No caso de Mato, o pasado tampouco lle parece rendible. Coas siglas do PP case invisibles, cunha campaña personalista e con escasas alusións ao seu paso pola Xunta, son PSOE e Marea Atlántica quen aluden cada pouco ao “pasado escuro” ou á “corrupción” da súa formación. “Eu non estaba daquela”, encárgase de aclarar a candidata cando lle fan referencia a algunha polémica do anterior goberno popular. “Eu nin tan sequera estaba”, insiste tamén Inés Rey cando a alusión é a executivos socialistas. De novo o pasado. 

A carreira, á vista das enquisas e das sensacións dos propios partidos, céntrase en decidir quen se fará coa alcaldía: se a socialista Inés Rey ou se o actual rexedor, Xulio Ferreiro

A Marea non ten tanto, pero teno. Aquela vaga de cambio post-15M impulsouna, tamén coa axuda dun Podemos e un Pablo Iglesias prescindibles catro anos despois. As diferenzas internas na formación morada e no espazo de En Marea afectaron e poden afectar, pero tamén fortalecer unha formación que amosou a cohesión que noutros lugares non se deu. A aprendizaxe e a inexperiencia pasoulle tamén factura en varios momentos dun mandato no que fontes do goberno local presumen de “aguante” ante o “clima de acoso” pero onde ese escudriñar esaxerado non libra da penitencia. 

Neses erros, nesa “incapacidade” é onde o BNG busca incrementar apoios. Un Bloque que, precisamente, apela á súa garantía de apoio a un goberno de progreso e chama a antigos votantes da candidatura municipalista decepcionados co seu rumbo. E que alude á bagaxe contrastada de experiencias municipais recoñecidas noutras vilas e cidades galegas, pero non tanto á experiencia de goberno xunto ao PSOE na cidade. Doutra volta o pasado. 

"A Marea ilusionou moitos coruñeses hai catro anos, pero dilapidou ese capital de ilusión por unha xestión totalmente ineficaz", di Jorquera

“Recoñezo que hai catro anos, a Marea Atlántica foi capaz de ilusionar a moitísimos coruñeses e coruñesas, pero dilapidou ese capital de ilusión por unha xestión totalmente ineficaz nestes catro anos”, di Francisco Jorquera, o ex-deputado no Parlamento galego e no Congreso e candidato a alcalde, que considera que o BNG será quen de levar a cabo “as transformacións” que A Coruña precisa e que di que aínda non se deron. 

Mentres a Marea Atlántica presume de “cambio de modelo” e de ter asentado un “proxecto de cidade” que a afasta do pasado, o BNG apela a máis e mellores mudanzas, o PSOE impúlsase en Pedro Sánchez e o PP de Mato érguese como única alternativa a un suposto caos, á espera de se a prevista irrupción de Ciudadanos é importante ou menor. Nunha campaña que teima en centrarse no futuro, aínda que de diferentes maneiras.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.