O controvertido inicio de campaña na Coruña: entre curiosos carteis e debates cun boneco

Debate de candidatos á alcaldía da Coruña, cun boneco coa careta de Xulio Ferreiro © Marea Atlántica

“Aquí preséntome eu, Beatriz Mato”. A candidata á alcaldía da Coruña polo PP remarcaba así o carácter máis persoal da súa campaña municipal, poucos días despois das eleccións xerais. A caída do seu partido foi tamén importante na cidade, onde perdeu 20.000 votos respecto a 2016 e viu como o PSOE o superaba en máis de doce puntos. 

"Aquí preséntome eu, Beatriz Mato", insiste en aclarar a candidata polo PP á Coruña, ex-conselleira de Traballo e de Medio Ambiente en dous gobernos de Feijóo

“O que me importa é A Coruña”, insiste en aclarar para desvincularse da súa formación a que fora conselleira de Traballo e Benestar e de Medio Ambiente en dous gobernos de Núñez Feijóo, ata que no outono pasado deixou o posto para se centrar no asalto á alcaldía e o seu obxectivo de coller o bastón de mando que ostentan Xulio Ferreiro e a Marea Atlántica. Quédanlle quince días dunha campaña que se prevé controvertida e que a unhas horas do seu inicio tivo mesmo un debate ante a presenza dun boneco cunha careta do rexedor. Alí estivo Beatriz Mato, cuxa presenza política foi e é omnipresente na cidade desde hai tempo, tamén sendo membro do Executivo da Xunta.

A metade dos actos oficiais que como conselleira celebrou en 2018, e ata que se anunciou a súa saída do Goberno, foron na Coruña. Máis tarde, xa sen cargo oficial autonómico, a Xunta seguiu promocionando a candidata, dándolle protagonismo en actos oficiais

Campaña da candidata á alcaldía da Coruña polo PP, Beatriz Mato CC-BY-SA Praza Pública

Desde hai meses, ademais, os carteis da precampaña de Beatriz Mato, e algunha polémica derivada deles, son constantes. Os últimos, varios cuxos lemas fan un xogo de palabras co seu apelido e que se poden ver estes días pola cidade: “¿Por qué Mato?”, “¿Mato por Coruña?”, pregúntase unha cartelería impoluta, sen siglas nin símbolo ningún.

Tampouco aparecía o nome do PP nin de candidata ningunha nos numerosos carteis que hai uns meses inundaron a cidade con lemas que denunciaban a suposta parálise da urbe. “Coruña está parada” ou “Coruña está atascada” foron algunhas das frases dunha enigmática campaña que axiña coñeceu a súa orixe co reverso que supuxo outra impulsada por Beatriz Mato: “Coruña imparable”. 

“¿Por qué Mato?”, “¿Mato por Coruña?”, pregúntase unha cartelería impoluta, sen siglas nin símbolo ningún, estes días na Coruña

A ex-conselleira é a grande aposta de Feijóo para recuperar para a formación unha cidade gobernada pola Marea Atlántica desde que en 2015 a candidatura municipalista igualase na primeira posición co PP. Desde aquela, os ataques dos populares e de colectivos afíns á dereita á súa xestión foron fortes e constantes, ben fose aproveitando os erros da Marea ou procurando polémicas en cada decisión ou dato senlleiro. Houbo dureza, como cando o PP dixo que o alcalde tiña “a culpa” do aumento de violacións na cidade ou cando colectivos veciñais convocados por parte da oposición provocaron altercados no salón de plenos, lanzando flores “para o cadaleito do alcalde” tras a retirada por erro dunha alfombra floral por parte do servizo de limpeza municipal. 

A última polémica, este mesmo venres. Os cabezas de lista dos principais partidos foron convidados a un debate organizado pola Asociación de Emprendedores de Galicia (Ascega). O alcalde decidiu non acudir e no seu lugar foi o concelleiro de Emprego e Economía Social, Alberto Lema. A reacción desta entidade empresarial, que adoita cargar con dureza contra a Marea Atlántica, foi vetar a intervención deste membro do executivo local e, na cadeira reservada, colocar un boneco (sen pernas) cunha careta de Xulio Ferreiro.

Alberto Lema decidiu abandonar o acto ao “non darse as condicións mínimas de respecto para poder falar”. “Alberto Lema é sempre benvido a Ascega, pero aceptar a imposición da súa persoa no debate tería sido unha falta de respecto para o resto de líderes,que si aceptaron vir a debater”, xustificou a asociación. 

Campaña da candidata do PP á alcaldía da Coruña, Beatriz Mato CC-BY-SA Praza Pública

Fontes do goberno local aseguran que Xulio Ferreiro tiña xunta de goberno local pola mañá e lembran que xa estivo presente varias veces en actos de Ascega, incluído un almorzo aberto a preguntas este mesmo ano, e malia que as declaracións do colectivo en referencia ao executivo “distan bastante de ser educadas”. O rexedor coruñés, pola súa banda, tirou de ironía ao dar as grazas á asociación “pola homenaxe” e advertirlles de que esa “camisa chula” do boneco non a tiña “aínda no armario”. 

Os principais candidatos á alcaldía debateron, en ausencia de Ferreiro, ante un boneco coa súa careta nun acto dunha asociación de empresarios moi crítica coa Marea

Malia as críticas ao xesto de Ascega por parte da candidata socialista, Inés Rey, que manfestou a súa “disconformidade coas formas”; ou do candidato do BNG, Francisco Jorquera, cuxa formación amosou o seu “malestar” e recoñeceu que quizais deberían “ter sido máis contundentes”, o debate seguiu celebrándose. Ante un boneco cunha careta de Ferreiro e coa intervención do resto dos principais aspirantes á alcaldía de cara a unha campaña onde, con todo, o que parece decidirse é se a Marea será quen de volver liderar o espazo da esquerda e revalidar a alcaldía ou se o impulso do bo resultado das eleccións xerais do PSOE pode impulsar a súa aspirante a liderar o Concello. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.