0 Gardados para despois

Feijóo, disposto a 'sacrificar' os seus conselleiros para que o PP goberne nas cidades

David ReineroDavid Reinero | @DReinero


Un novo sacrificio seu por Galicia. Así é como presentou este xoves o presidente Feijóo a decisión aínda por concretar no tempo de que a conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato, e o de Política Social, José Manuel Rey Varela, deixen o Goberno galego para concorrer como candidatos ás alcaldías da Coruña e Ferrol nas eleccións municipais do próximo mes de maio.

O presidente da Xunta e dos populares galegos non aclara se membros do seu Goberno serán ao tempo candidatos oficiais, aproveitando así a proxección dos actos institucionais como xa ocorreu en 2015

Tanto Mato como Rey Varela levan meses centrando a súa axenda como conselleiros nas cidades que aspiran a recuperar para o PP. Este xoves, na rolda de prensa posterior á reunión semanal do seu Goberno, Feijóo foi preguntado por cando se concretará a saída dos dous da Xunta, despois das reiteradas críticas do resto de formacións polo que consideran un uso partidista das institucións. Feijóo evitou concretar a data e centrou a súa resposta en xustificar o que suporía unha nova mudanza na Xunta non en función de resultados electorais ou feitos relevantes a nivel autonómico senón por motivacións electorais dos populares.

“Neste momento eu teño o Goberno que me gustaría ter, e polo tanto non teño ningunha ansiedade”, dixo Feijóo sobre a data da próxima crise de goberno na Xunta, para engadir que a el “persoalmente” non lle gustaría “prescindir de ningún conselleiro”. Porén, a continuación xustificou os cambios argumentando que “hai cidades ou lugares en Galicia onde o goberno é ou inexistente ou moi ineficiente”, en referencia ás cidades que non goberna o PP, todas menos Ourense. “Estamos comprometidos con Galicia e coas cidades e os territorios que a conforman, é evidente que isto inflúe no futuro”, argumentou Feijóo para xustificar que algún dos seus conselleiros sexa sacrificado da Xunta para tentar gobernar mellor esas cidades.

En 2015 os daquela conselleiros de Facenda e Educación seguindo exercendo como tales ao tempo que facían campaña en Vigo e Ourense

Porén, na súa liña de manter a expectación mediática sobre as súas propias decisións, Feijóo non deu por pechada ningunha decisión. “Non hai que dar nada por feito nin hai que descartar nada, e en consecuencia veremos que sucede”, dixo. Do mesmo xeito, o presidente tampouco respondeu á pregunta que lle formularon sobre se as candidaturas municipais do PP serán presentadas antes ou despois de que os afectados saian da Xunta. Nada contestou sobre a cuestión, deixando así a porta aberta a que os conselleiros que sexan candidatos sigan a aproveitar a súa axenda institucional para promoverse nas cidades en cuestión, como xa sucedeu antes das municipais de 2015 en Vigo e Ourense cos daquela conselleiros de Facenda e Educación, Elena Muñoz e Jesús Vázquez.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.