Marea Atlántica celebra a "alegría de vivir na Coruña" e alerta contra os que queren "retroceder" ao pasado

Acto da Marea Atlántica, este sábado na Coruña © MA

A Marea Atlántica celebrou neste primeiro sábado de campaña unha romaría no Paseo das Pontes da Coruña. No acto político, completado con outras actividades lúdicas, charlas e un xantar popular, a formación quixo celebrar "a alegría de vivir na Coruña" e criticou "as campañas electorais baseadas na tristeza e o afán de revancha"

Ferreiro dixo que nestas eleccións A Coruña “xógase seguir cara adiante. Os nosos rivais propoñen retroceder"

Na súa intervención o alcalde e candidato á reelección, Xulio Ferreiro, alertou contra "os que queren que A Coruña retroceda”. Ferreiro dixo que nestas eleccións A Coruña “xógase seguir cara adiante ou non”. “Nestas eleccións, os nosos rivais propoñen retroceder. Queren quitarnos tempo. Son ladróns de tempo, os homes grises dos que falaba Michael Ende en Momo", engadiu, sinalando que “uns queren que volvamos a 2010 e outros a 2014”.

“Naqueles anos, A Coruña e a súa comarca perderon 15.000 empregos. Moitas persoas nesa cidade perderon a súa vivenda. Naqueles anos, os que gobernaban facíano para eles, para os seus intereses. Non se acordaron de nós, da cidadanía, da xente do común, até que lles quitamos o poder hai catro anos”, afirmou Ferreiro.

Un momento da 'romaría' celebrada pola Marea Atlántica este sábado © MA

O candidato da Marea Atlántica destacou que a formación “é a única que se presenta ás eleccións do 26 de maio cun modelo de cidade en construción, cun modelo de futuro”. E puxo en valor algunhas das medidas postas en marcha durante este mandato, como a baixada no prezo do autobús urbano, xunto coa gratuidade para os e as menores de 13 anos.

“Cando un vota por medo e gaña, sente alivio. Pero cando un vota con confianza e gaña, o que sinte é a satisfacción de ser parte dun proxecto"

Xulio Ferreiro fixo un chamamento a votar "con confianza" e non con "medo". “Cando un vota por medo e gaña, sente alivio. Eu sentín alivio o 28 de abril, e sei que moita xente nesta cidade o sentiu tamén”, dixo. “Pero cando un vota con confianza e gaña, o que sinte é a satisfacción de ser parte dun proxecto, parte dos acertos e dos desacertos, dos cambios e das dificultades", engadiu, concluíndo que "estamos ante unhas eleccións clave para A Coruña"

"Somos valentes e temos dereito a votar en positivo. E ese é o voto verdadeiramente útil: o voto cara adiante”, rematou, facendo fincapé en que "o partido é desigual e non temos padriños, pero a nosa forza é a xente". "A Coruña é unha cidade capaz de cousas extraordinarias", concluíu.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.