“A maioría progresista na Coruña sabe que a Marea Atlántica non traizoa os seus principios, que é a súa referencia”

Xulio Ferreiro, alcalde da Coruña e candidato da Marea Atlántica © Marea Atlántica

Xulio Ferreiro amósase confiado e, malia as enquisas, está convencido de recuncar na alcaldía da Coruña. "É absolutamente factible", asegura o rexedor, que destaca o cambio de modelo na cidade, a política social ou o cambio de rumbo no futuro do porto. Recoñece erros no goberno, pero asegura que "ningunha" decisión "traizoou" os valores da Marea Atlántica, á que pon de exemplo de unidade. Ante o impulso que as xerais deron ao PSOE, con quen parece xogarse o bastón de mando, é claro: advirte de que "non todo se pode fiar a Pedro Sánchez" e avisa de que houbo cousas no pasado "que non pasaron por casualidade". "O caso Someso ou o do Conde de Fenosa pasaron nun sistema de gobernanza onde o Partido Socialista era fundamental en alianza con poderes fácticos", lembra.  

Que sensacións está a ter nesta campaña? Vese de novo na alcaldía?

Estamos a facer unha campaña como gobernamos: estando na rúa, falando coa xente e mirándolle aos ollos, defendendo a acción de goberno e o proxecto de cidade, que é absolutamente defendible. As sensacións son boas. Manexamos datos de enquisas que son bos, que nos din que estamos gañando e que é absolutamente factible renovar a alcaldía, pero isto hai que pelexalo ata o último día e o último voto e non podemos baixar a garda. Os nosos rivais están preferindo facer campañas por arriba, en medios e pegadas a Santiago ou a Madrid.

"Sabemos que hai enquisas quese publican só para orientar o voto, pero manexamos datos que nos din que estamos gañando e que é absolutamente factible renovar a alcaldía"

As enquisas poden errar, e de feito erran moitas veces, pero tamén marcan tendencia. As da Coruña non lle dan a vitoria...

Sabemos que hai enquisas que se publican simplemente para orientar o voto, pero tamén están dicindo que hai un 30% de indecisos ou que, a medida que nos separamos das xerais e nos achegamos ás municipais, a tendencia muda, polo que, mesmo nesas enquisas hai datos moi positivos para nós e hai que lelos tamén. É certo que o sentido dalgúns inquéritos só é o de orientar o voto, pero con tanto indeciso hai que falar con todo o mundo ata o último día, escoitar as razóns desa indecisión ou decepción... Se foron votantes nosos no pasado, debemos saber cal é a razón da súa incerteza; se pensan que cometemos erros, para non volver cometelos, e se cren que non conseguimos aínda cousas, para explicarlles que as imos seguir tentando porque sabíamos que non ía ser fácil. Desde logo, que lles quede claro que hai cousas que os únicos que as imos seguir intentando somos nós. Cando hai rivais que tecen alianzas fortes con determinados medios, un o que se pregunta cal é a contrapartida detrás porque esas facturas despois hai que pagalas. E iso é complicado.

"Cando hai rivais que tecen alianzas fortes con determinados medios, un o que se pregunta cal é a contrapartida detrás porque esas facturas despois hai que pagalas"

Que lle está a explicar a eses indecisos?

Explícolles. E o que percibo é que hai xente que descoñece moitas cousas que fixemos nestes catro anos. A campaña é iso: moi informativa, do que facemos e do que queremos facer, do proxecto. Cando a xente o escoita, podemos vencer a indecisión. Ese é o traballo. Gustaríame falar con todos os indecisos da cidade e con toda a veciñanza, pero é obvio que non hai tempo, pero temos centos de voluntarios na rúa que falan con todo o mundo e que botan horas escoitando. Esa é a nosa forza, a forza da proximidade, e niso confiamos.

Xulio Ferreiro, nun acto de campaña © Marea Atlántica

Semella claro que o éxito de Pedro Sánchez impulsou o PSOE, é a campaña a oportunidade da Marea Atlántica para deter esa onda?

Nós sempre soubemos, desde que se colocaron as eleccións municipais un mes despois das xerais, que ía haber influencia fose cal fose o resultado. O que si creo é que a medida que se achega o día 26, o efecto Sánchez baixa e o efecto Coruña sobe. O que nos interesa é falar da Coruña.. Se falamos da Coruña, dos candidatos e dos proxectos, ese contexto é gañador para nós. Vémolo nos debates, nos actos e mesmo notamos certo desánimo no PSOE coruñés a medida que pasan os días, porque creo que se lles está a facer un chisco longa a campaña. Non todo se pode fiar a un Pedro Sánchez que xa vimos o que fixo cando tivo que tomar decisións fundamentais sobre a cidade desde o Executivo central... E dígoo con pena e certa desilusión.

Desilusión?

Estaba moi esperanzado con que o cambio de goberno en Madrid supuxese unha relación diferente coa Coruña. Supúxoa porque hai máis diálogo, pero non en termos concretos. A ría do Burgo segue igual, o de Alcoa non segue igual, senón que está peor porque cada día que pasa é un día menos para unha solución; a cuestión portuaria non se moveu, mentres para Valencia se buscan solucións... Ese é o peso que ten o PSOE da Coruña ou de Galicia sobre o Goberno de España. Non sei se é a falta de peso ou o feito de que a candidata na Coruña fose susanista e iso inflúe, non o sei, pero o certo é que non se moveu nada. Bastante ten Pedro Sánchez con ocuparse desde Madrid cos asuntos que ten na Coruña pendentes, que son moi importantes.

"Non todo se pode fiar a un Pedro Sánchez que xa vimos o que fixo cando tivo que tomar decisións sobre A Coruña: a ría do Burgo segue igual, o de Alcoa, peor, e o do porto non se moveu nada"

Hai moita diferenza entre o PSOE da Coruña e o PSOE de Sánchez?

É que hai moita diferenza entre os diferentes PSOEs da Coruña. Hai militantes e votantes socialistas cos que é moi doado falar, compartir e ter unha visión común, pero logo sabemos que o PSOE da Coruña ten os enganches e as mochilas que ten. As cousas aquí non pasaron por casualidade: o caso Someso non pasou por casualidade, nin o do Conde de Fenosa, nin o da Agra de Santo Amaro... Isto pasou nun sistema de gobernanza onde o PSOE da Coruña era fundamental en alianza con dous ou tres poderes fácticos da cidade. Despegarse diso é complicado. De feito, en relación co porto, é máis fácil falar co PP, certo é que desde que está na oposición, en canto á titularidade pública dos terreos que co PSOE. O Partido Socialista votou no pleno en contra da titularidade pública, ese foi o punto fundamental do voto negativo, cando na Deputación e no Parlamento galego votara a favor... É difícil de entender.

A Marea Atlántica, ben seguro, tivo moito voto prestado de antigos votantes socialistas en 2015 e o PSOE de Sánchez recibiu moito apoio de votante da Marea hai un mes, é o fluxo entre eses votantes a clave este 26M?

Os votos son todos prestados e hai que gañalos cada elección, no día a día. Non se pode entender a política cando vota como cando é dun equipo de fútbol. Eu vou ser do Deportivo sempre, fágao ben, mal ou regular, pero no resto, todos mudamos en función do que vemos, se di e se fai.

"As cousas na Coruña non pasaron por casualidade, nin o caso Someso nin o do Conde de Fenosa, pasou nun sitema de gobernanza onde o PSOE era fundamental en alianza con poderes fácticos"

Pero hai tranvasamento, non si?

Si, vótase doutra maneira. Eu apelo ás persoas progresistas, preocupadas polo social, polo medio ambiente, pola cultura... Toda esta xente sabe que a súa referencia na Coruña é a Marea Atlántica. É certo que o 28 de abril votouse con ese temor a que chegase esa dereita de tres cabezas que puidese supoñer unha involución en moitos sentidos, pero agora hai que votar en clave da Coruña, de que cidade queremos para o futuro, de quen está en condicións de construír ese modelo e, sobre todo, de quen demostrou sempre aquí que as cousas se poden facer, mellor ou peor, pero sen afastarse do camiño correcto, sen cambiar os valores nin os seus principios, sen traizoalos. Aquí creo que somos nós os que podemos presentarnos dese xeito.

De que está máis orgulloso destes catro anos no goberno?

Estou moi orgulloso da política social que fixemos, de que o Concello da Coruña sexa unha referencia para as persoas que peor o pasan, de ternos convertido na cidade galega que máis inviste no social, de ter aberto en serio o debate metropolitano, que xa non ten volta atrás, de darlle a volta --porque había unha cidade detrás que así o quería-- á cuestión dos terreos portuarios... Nós chegamos ao goberno cun sentido común instalado de que iso había que vendelo, privatizalo e con iso pagar o porto exterior. Hoxe o sentido común da cidade é outro: se punta Lagosteira é un porto de interese xeral, debe ser o Goberno do Estado, con fondos europeos ou co que sexa, quen terá que pagalo, asumirse esa débeda da Autoridade Portuaria e deseñar o espazo que se libere de acordo cos intereses da cidade e non cos intereses de financiamento de porto exterior. Esa foi a gran mudanza nese caso nestes catro anos.

"Cometemos erros, pero ningunha decisión traizoou os nosos valores, principios ou ética, e iso xa é moito dicir"

E de que se arrepinte Xulio Ferreiro?

Son pouco de arrepentirme, non porque non aprenda, que aprendo dos erros e claro que se cometeron, pero eses vense a posteriori. Cando un toma as decisións, tómaas nun contexto, cunha información e cuns elementos de xuízo. Visto en retrospectiva, sempre pensas que igual terías feito cousas doutro xeito ou que certas decisións tomadas nun principio teríaas matizado polas consecuencias, pero ningunha decisión que tomamos traizoou os nosos valores, principios ou ética e iso xa é moito dicir. Sempre hai cousas que aprender e cousas mellorables, e en catro anos aquí apréndese moito. Puxemos en marcha proxectos e cambiamos o rumbo da cidade, por iso estou seguro de que, engadíndolle esa aprendizaxe, o cambio nos vindeiros catro anos vai ser espectacular.

Que proxectos son os que máis devece por ver no futuro inmediato na Coruña?

Estes próximos catro anos teñen que servir para canalizar o futuro do porto. Viramos o rumbo da cidade, do sentido común da cidade e agora temos que construír. Despois de catro anos de bloqueo co Goberno de Rajoy e de inacción co de Sánchez, estes próximos catro anos teñen que ser diferentes. Tampouco a Xunta pode pasar catro anos máis bloqueando e estou seguro de que aí imos atopar puntos de encontro porque o interese de Galicia tamén é que A Coruña siga sendo o que é, o principal motor económico do país. E A Coruña necesita que desde o poder autonómico se lle permita ter o seu papel no sistema urbano e territorial de Galicia, algo fundamental. Logo tamén hai unha morea de proxectos e obras que encetamos e que se teñen que ver xa, como tirar o viaduto da Ronda de Nelle, a renovación de tres mercados municipais, a construción de novos equipamentos deportivos, poder ter ese Museo de Arte Contemporánea que siga o ronsel do MAC, consolidar o Noroeste como festival urbano de referencia... Ademais, debemos seguir dando protección á nosa veciñanza, ampliar o servizo de dependencia e de axuda no fogar, mellorar as escolas infantís... Hai moitas cousas encetadas e que van polo bo camiño e a min apetéceme moito gozar de poder velas realizadas.

"A Xunta non pode seguir bloqueando outros catro anos porque o interese de Galicia tamén é que a cidade siga a ser o principal motor económico do país"

Sobre todo nos dous primeiros anos, os acordos co PSOE foron difíciles ou mesmo imposibles nalgún caso, que parte de culpa tivo aí a Marea? Que se fixo mal?

Hai catro anos entendemos que era o momento de gobernar en solitario e o PSOE, tamén, porque non formulou outra opción diferente. Foi a decisión que tomamos todos e creo que o PSOE tería que ter sido coherente con esa decisión e non investir un alcalde para, ao día seguinte, retirarlle na práctica o seu apoio e empezar a votar co PP: de catro orzamentos, tres en contra co PP, a ordenanza de mercados, contra a creación dunha bolsa de alugueiro público, contra a remunicipalización das bibliotecas... Iso foi o que pasou. Dos catro anos, só houbo dez meses cun entendemento normal co PSOE e foron dez meses bos e positivos, onde se aprobou un orzamento e sacamos cousas importantes adiante. Pero claro, cando un escoita cousas como que se teñen que distanciar de nós ou que non nos poden apoiar porque os veciños estarán contentos e non poderán gañar as eleccións... Pois pasa o que pasa.

Aprendéronse leccións, dun e doutro lado, de cara ao futuro?

Estou convencido de que si. Todos aprendemos.

Gañe quen gañe, haberá un goberno de coalición?

Non o sei. É un pouco cedo e hai que ver que din os cidadáns o día 26. Hai que lelo e os grupos municipais deberán actuar en consecuencia co mandato cidadán. Hai catro anos ese mandato foi moi claro: había unha maioría de progreso e a xente estaba farta do PP e encomendóusenos a esa maioría de progreso, liderada pola Marea Atlántica, facer as cousas diferentes. Non se respondeu a ese mandato durante os catro anos máis que no día da investidura en canto aos apoios. A partir de aí, eu sempre souben a onde mirar para apoiarme nos grandes proxectos de cidade e nas cuestións relevantes, que é á maioría progresista que existe nesta cidade e que se demostra elección tras elección e con escasísimas excepcións. Ademais, creo que ao electorado progresista gústalle que nos poñamos de acordo, pero debe ser que despois na esquerda sempre hai certa intención a levarlle a contraria.

Xulio Ferreiro, nunha visita a un mercado municipal © Marea Atlántica

A Marea Atlántica adoita queixarse de certa presión deses poderes fácticos da Coruña...

Mire, aquí os grandes empresarios que cumpren coa legalidade, que non buscan atallos e que tamén pensan no ben común, tiveron unha magnífica relación con este Concello e non houbo problemas. Si houbo certos problemas con aqueles que entenden que os poderes políticos están para servir intereses persoais ou que cren que poden darlles ordes. O que atoparon foi un goberno municipal que non agachou a cabeza, que puxo o interese xeral por riba e que veu rematar cunha forma de facer as cousas, con esa forma de gobernanza entre tres ou catro, de deseñar a cidade nun reservado ou de ver o territorio como un lugar de enriquecemento. Esa foi a historia desta cidade. Cando se atopan con xente libre desas vasalaxes, de hipotecas e sen mochilas, non lles gusta. Houbo voces que se escoitaron moi alto que creo que non son maioritarias nin responden ao sentir da maioría do empresariado coruñés. Aquí, cando houbo que apoiar empresas importantes para que puidesen seguir na cidade, fixémolo, pero polo libro, sempre polo libro. Iso é o importante.

"Os grandes empresarios que cumpren coa legalidade e non buscan atallos tiveron unha magnífica relación co Concello; os problemas foron con quen cre que os poderes públicos están para servilos"

Afastouse da política galega tras o conflito interno de En Marea malia que a Marea Atlántica si pode presumir de que non tivo eses problemas que si hai noutros lugares... Hai algún segredo?

Casualidade non é. É traballo, falar, intentar representar a todo o mundo, que a xente se sentise cómoda. A Marea Atlántica é a organización humana máis bonita na que participei, aínda que digan que poida quedar cursi dicilo. En ningunha organización política ou sindical, onde estiven moi a gusto tamén, me atopo como nos atopamos na Marea Atlántica. Aínda que teñan dobre militancia, as persoas están tamén a gusto aquí e isto fixo moito. O ambiente, as metodoloxías que aquí se crearon, pasando tamén momentos tensos e complicados, logrou crear un bo clima. Foi importante lograr o que noutros lugares non se acadou, que é manter un espazo de unidade e cohesionado.

Cre que en Galicia se poderá acadar ese espazo, esa unidade algunha vez?

É o que a xente nos pide. A xente que ilusionamos en 2015, en 2016 ou agora nas municipais da Coruña en 2019. É o que nos piden e hai que escoitalo.

Que non veña Pablo Iglesias á campaña na Coruña ten algo que ver con esa falta de unidade?

Nós tomamos unha decisión que foi a de formular estas eleccións en clave local, e estamos sendo coherentes con iso, porque debemos falar da Coruña. Aos nosos rivais interésalles falar noutra clave, pero o noso feito diferencial é que somos unha forza da Coruña. Dito isto, sabemos a que espazo político pertencemos e é certo que no momento que ese espazo político se empeza a disgregar, a posición de quen quere manter a unidade dentro do seu espazo municipalista complícase un chisco, pero máis alá diso, non hai ningunha razón máis que o feito de que queríamos unha campaña local. Cremos que somos os únicos que temos un proxecto de cidade e que todo o que sexa elevar o discurso a cuestións estatais só beneficia a quen non ten nada que dicir da Coruña.

Se cre que vai gañar as eleccións, supoño que o 15 de xuño vese co bastón de mando en María Pita?

Si.

E catro anos máis tarde?

Non. Comprometinme por dous mandatos máximo e creo que é moi san que haxa rotación nos cargos públicos, que ninguén se eternice nas administración públicas porque un non é tan diferente dos demais. Se a todo o mundo lle pasa, que se empeza a confundir cando pasan os anos, estou seguro de que a min tamén me pode pasar, así que eu prefiro manter a miña palabra.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.