As negociacións para configurar un goberno de coalición de PSdeG e BNG no Concello de Lugo avanzan sen grandes sobresaltos e ambas forzas confían mesmo en chegar coa alianza practicamente pechada ao pleno de constitución da nova corporación, no que o vindeiro sábado a socialista Lara Méndez será reelixida como alcaldesa. Tras os dous primeiros encontros das comisións negociadoras tanto Méndez como o voceiro do Bloque, Rubén Arroxo, subliñaron que as conversas "avanzan en positivo" e mesmo xa descenderon ao concreto en dúas das áreas do goberno: Benestar e Cultura.
O PSdeG xestionará a Concellería de Benestar e o Bloque, a de Cultura nun goberno de trece áreas, tantas como edís o sustentarán -8 socialistas e 5, nacionalistas-. Tras un mandato "complexo" e marcado, en boa medida, "pola febleza numérica" do grupo de goberno, tal e como admitira a rexedora durante a campaña, Méndez e Arroxo dispóñense a liderar un gabinete que contará con maioría absoluta no pleno e que implicará "aquilatar as funcións e servizos que conformaba 8 áreas ás 13 futuras", sinala a socialista. "Niso -explica- é no que estivemos profundando".
O PSdeG xestionara a área de Benestar e o BNG, a de Cultura; ambas formacións aseguran estar "priorizando os acordos programáticos"
O terceiro encontro, previsto para este martes, continuará coa redistribución de "servizos" entre as áreas municipais e "ao final destas xuntanzas" será cando cada concellería teñe nome do edil que a xestione. "Esas cuestións son menores", afirma Méndez, quen asegura que "tanto o BNG como o PSdeG estamos priorizando a cidade, os acordos programáticos". Por iso, aínda que a intención é chegar á sesión de investidura co goberno practicamente "pechado", as delegacións de ambas formacións non desbotan perfilar "algunha cuestión" que puidese "quedar" pendente nos días que transcorran ata o seguinte pleno, o de organización da nova corporación.
PSdeG e BNG agardan ter o groso do acordo pechado antes da sesión de constitución da corporación, na que Lara Méndez será reelixida como alcaldesa
Tamén Arroxo ratifica que o "traballo" da terceira xuntanza se centrará no "reparto de tarefas e áreas para os vindeiros catro anos", concretamente, nas concellerías "que aínda non deu tempo a tocar" nos dous primeiros contactos. Entre os interrogantes que fican por dilucidar figura tamén se a nova estrutura terá unha ou varias tenencias de Alcaldía. En anteriores gobernos de coalición entre PSdeG e BNG a persoa á fronte do Bloque -Branca Rodríguez Pazos no período 1999-2003 e Antón Bao de 2011 a 2012- exerceu a primeira tenencia da Alcaldía alén da área de goberno que xestionaba.
"A idea é pechar a negociación antes do sábado", ratifica Arroxo, nun contexto no que, afirma, o Bloque tamén procura "un goberno estable" porque "de nada serviría que o BNG colla unha concellería e o PSOE outra se despois cadaquén colle un camiño distinto". O Bloque prevé ratificar en Asemblea o acordo antes dese pleno. A suma dos trece votos de socialistas e nacionalista na constitución da corporación aseguran a elección de Lara Méndez como alcaldesa, toda vez que os 10 edís do PP sumados aos 2 de Ciudadanos non acadan a maioría absoluta.