As eleccións municipais de 2015 levou a seis formacións políticas ao pleno municipal de Lugo e de cara aos comicios deste domingo parecía que esta fragmentación se podería manter ou mesmo incrementar, coa competición de novas listas, como Podemos ou VOX. Porén, as urnas deixan un escenario municipal moito máis simplificado, con apenas catro forzas políticas -PP. PSOE, BNG e Ciudadanos-, non moi distinto do que había, por exemplo, hai 12 ou 16 anos.
O PSdeG-PSOE poderá seguir gobernando a cidade de Lugo, mantendo a representación coa que contaba ata agora (8 concelleiros), a pesar de ter perdido máis de tres puntos. Necesitará do apoio do BNG, que duplica os seus votos e pasa de 2 a 5 edís, aglutinando os postos que perden Lugonovo e ACE, que quedan sen representación. O PP é a forza máis votada, gañando un edil a pesar de perder apoios Ciudadanos crece lixeiramente e mantén os seus dous concelleiros. A fragmentación na esquerda deixa fóra do pleno a tres das forzas (Podemos, Lugonovo e ACE) que competían neste espazo e que non foron quen de chegar ao 5% esixido para obter representación.
PSdeG-PSOE e BNG deberán poñerse de acordo para investir a Lara Méndez, nunha situación que lembra á que se viviu na cidade en 1999 e 2007, dous momentos nos que os votos de PSOE e BNG levaron ao goberno a Xosé Clemente López Orozco, que en 2003 obtivo maioría absoluta.
O candidato popular, Ramón Carballo, cualificou o resultado de "agridoce", ao repetir o triunfo electoral das dúas convocatorias anteriores, pero que unha vez máis deixa o PP ás portas da Alcaldía. O candidato do BNG, Rubén Arroxo, posiblemente o máis satisfeito nesta noite, celebrou o seu resultado e manifestou a súa disposición a chegar a un acordo co PSdeG-PSOE, pero mantivo o discurso crítico coa xestión de Méndez que veu manifestando ao longo da campaña.