O PP foi a forza máis votada en Lugo e mesmo medrou 500 votos e un concelleiro, un crecemento insuficiente para que a dereita acadase a maioría absoluta, mesmo a pesar da enorme fragmentación do electorado de esquerdas. A formación popular fíxose coa vitoria na maior parte das seccións censuais (en 59 das 74), tanto na zona rural coma no centro, agás algúns barrios, pero isto foi finalmente insuficiente para propiciar un cambio na alcaldía.
O PSdeG-PSOE de Lara Méndez triunfou en 14 seccións, entre elas as do Sagrado Corazón ou A Milagrosa, e tamén no sur da cidade, unhas vitorias que ao final puideron ser fundamentais para manter o Goberno municipal. O BNG, que experimentou unha forte suba, practicamente duplicando os resultados de 2015, mesmo foi a forza máis votada nunha das seccións, a que corresponde a parte da Ronda de Fingoi.
O PP roldou e mesmo superou o 40% no interior da Muralla e fíxose forte, igualmente, en boa parte das áreas rurais, sobre todo no norte da cidade. Porén, a súa debilidade nos barrios residenciais que rodean o centro histórico afastouno da maioría absoluta.