O BNG apela aos indecisos e promete "políticas valentes" como unha tarifa eléctrica galega

Pontón, Rego e outros cargos do BNG nunha subestación eléctrica no Mesón do Vento, Ordes, este xoves CC-BY-SA BNG

Pontón e Rego din que o 29N "tamén se elixe entre un Feijóo que abraza ás eléctricas e un BNG que defende que a vida da xente está por riba da rapina das multinacionais"

Unha subestación eléctrica no Mesón do Vento, en Ordes, foi o lugar elixido este xoves polo BNG para lanzar as súas propostas en materia enerxética para o 29N. A portavoz nacional, Ana Pontón, e o cabeza de lista o Congreso pola Coruña, Néstor Rego, apelaron á cidadanía indecisa a "concentrar o voto no BNG como garantía de políticas valentes e para facer valer Galiza". "Se facemos historia o domingo cun gran resultado para o BNG, imos ter máis peso político para defender os intereses dos galegos e das galegas, unhas vidas dignas, e tamén para impulsar políticas valentes e decidas”, asegurou Pontón.

Pontón lembrou que as grandes eléctricas –Iberdrola, Naturgy e Endesa– tiveron en 2025 un beneficio récord de 10.500 millóns de euros, o que supón "1,2 millóns de euros de ganancia cada hora mentres en Galiza hai 440.000 persoas que viven en situación de pobreza enerxética, persoas que viven nun país rico que produce electricidade pero que non poden prender a calefacción porque os prezos son prohibitivos", denunciou.

A líder nacionalista salientou que a taxa da pobreza enerxética se duplicou en Galiza precisamente "despois de que Feijóo lle dese aquel abrazo ao presidente de Iberdrola no Obradoiro nada máis ser elixido presidente da Xunta". E por se non fose dabondo, continuou, "agora o PP en Galiza quere agasallar ás enerxéticas con tres millóns de euros extra polo canon eólico". "É unha auténtica indecencia", dixo.

Ante esta situación Pontón di que "o 29-N temos que concentrar todo o voto galego, todo o voto que quere políticas valentes e que está farto de ver o espolio enerxético deste País ou como se quere pasar por diante da xente para que as eléctricas gañen máis", e destacou algunhas das propostas coas que o BNG concorre a estas eleccións, entre elas a da tarifa eléctrica galega para abaratar a factura da luz.

Pontón, Rego e outros cargos do BNG nunha subestación eléctrica no Mesón do Vento, Ordes, este xoves CC-BY-SA BNG

Pola súa banda, Néstor Rego denunciou "un modelo de produción eólica profundamente negativo para Galiza e un espolio que non podemos permitir como galegos", coa exportación de boa parte da produción eléctrica renovable galega. Por iso, o BNG tamén propón maior control público da enerxía a través dunha empresa pública e "costa galega libre de eólica mariña".

Ademais deste acto sobre enerxía, Pontón e Rego serán protagonistas este xoves dun dos principais mitins do BNG nesta campaña, ás 20 horas na Coruña, en Palexco, similar ao celebrado o martes en Vigo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.