Unha das imaxes máis comentadas das moitas que deixou, en abril de 2009, a celebración da primeira investidura de Alberto Núñez Feijóo como presidente da Xunta na compostelá praza do Obradoiro foi a presenza do presidente de Iberdrola, Ignacio Sánchez Galán, e a aperta coa que agasallou ao daquela novo presidente galego e líder ascendente do PP. Os grupos que sustentaran o Goberno galego nos anteriores tres anos e medio, PSdeG e BNG, viran naquela aperta unha mostra das, ao seu xuízo, intencións que había por tras da intención de tombar o concurso eólico e outras promesas en materia enerxética que Feijóo lanzara dende a oposición.
Máis dunha década despois, o BNG vén de rescatar aquela imaxe para ilustrar, cunha campaña nas rúas, o que ao seu xuízo é a "complicidade de Feijóo co lobby eléctrico" en plena escalada dos prezos nas poxas eléctricas nas que, posteriormente, se basean as facturas domésticas. A portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón, presentouna no centro da Coruña, na praza de Pontevedra, en compaña dos edís da formación no consistorio herculino.
Hai apertas que venden un país, reza a campaña, que segundo Pontón pretende "explicar por que Feijóo permite o espolio dos recursos do país" ou "atentados ambientais como o baleirado dos encoros para que as eléctricas se sigan forrando". "Explica tamén -considera- o boom eólico depredador" ou "por que vota en contra dunha tarifa eléctrica galega" proposta da formación soberanista cuxa intención, mantén, é "abaratar a factura da luz ás familias é ás empresas", ao xeito do que acontece "noutras zonas produtoras".
Pontón mantén que, con esta campaña, o BNG quere sinalar a "conivencia" do PP co "lobby eléctrico", mais tamén amosar que o Bloque "non deixará de dar a batalla" por medidas como unha tarifa eléctrica galega ou a creación dunha empresa pública que asuma as concesións hidroeléctricas que caduquen
"As eléctricas -láiase Pontón- mandan máis que os gobernos" e "teñen unha normativa feita á súa medida", acusou antes de lembrar que "ex-presidentes e ex-ministros do PP e do PSOE" acabaron en consellos de administración dalgunha das grandes empresas do sector. Mentres, mantén, "o BNG non deixará de dar a batalla" para reclamar medidas como a devandita tarifa galega, pero tamén "a creación dunha empresa pública que asuma as concesións hidroeléctricas a medida que vaian caducando" ou que a instalación de novos parques eólicos "se vincule a proxectos industriais que xeren emprego".
"Basta xa de apertas coas eléctricas, basta xa de vender Galiza", concluíu Pontón, quen indica que a finalidade desta campaña é evidenciar que "a nosa riqueza debe servir ao desenvolvemento do país". Nunha primeira reacción, o PP respondeu á campaña do BNG difundindo nas redes sociais fotomontaxes nas que a imaxe de Feijóo e Sánchez Galán é substituída por fotografías de Pontón e outros membros do BNG con dirixentes do PSOE, ERC ou EH-Bildu.