O Goberno galego cita a Ignacio Sánchez Galán para eloxiarse a si mesmo un día despois de coñecerse que o Supremo rexeitou varios recursos da eléctrica contra o imposto galego aos encoros creado polo bipartito
Unha das imaxes máis polémicas que deixou a primeira toma de posesión de Feijóo como presidente da Xunta, hai once anos, foi a do líder popular abrazándose e deixándose abrazar na praza do Obradoiro polo presidente de Iberdrola, Ignacio Sánchez Galán. Durante este tempo Feijóo asistiu a varias inauguracións ou visitas a obras das diversas instalacións eléctricas que a compañía foi ampliando en Galicia con autorizacións do Goberno galego e este xoves, un día despois de coñecerse que o Tribunal Supremo rexeitou diversos recursos de Iberdrola contra o imposto galego aos encoros creado polo bipartito en 2008, a Xunta deu voz nun comunicado oficial a Sánchez Galán para que eloxiase a “visión e impulso” persoal de Feijóo.
Tamén tres semanas antes das eleccións galegas de 2016 Feijóo "presidiu" outro acordo similar entre Iberdrola e Navantia
Non é habitual que nas notas de prensa e comunicados oficiais que a Xunta envía aos medios de comunicación e colga na súa páxina web se dea voz ás entidades distintas da propia administración coa que esta mantén encontros ou cocelebra actos. Os protagonistas adoitan ser o presidente ou os conselleiros, non a contrataparte.
Porén, non foi o que aconteceu co acto este xoves de sinatura do acordo entre Iberdrola e Navantia para que o estaleiro público de Fene constrúa 62 plataformas para un parque eólico mariño que a compañía eléctrica vai instalar na Bretaña. O acto deste xoves, tres semanas antes das eleccións do 12 de xullo, replica outro similar no que, tamén tres semanas antes dos comicios galegos de 2016, Feijóo igualmente "presidiu" outro acordo entre Iberdrola e Navantia.
A Xunta preséntase como a que creou "novas oportunidades laborais" en Ferrol e reprocha ao Goberno central que non concrete o inicio da construción das fragatas que encargou ao estaleiro
Desta volta a Xunta eleva ao presidente de Iberdrola ao subtítulo do seu comunicado e dedícalle no texto tres parágrafos. Segundo a Xunta, "na súa intervención, Ignacio Galán reiterou a aposta de Iberdrola por Galicia destacando o seu "enorme potencial" para transformar os estaleiros en subministradores de plataformas mariñas; "non só para facer barcos, senón tamén para facer outras actividades". E a continuación engade que “sobre este punto, resaltou a implicación do Goberno galego para buscar novos horizontes ás empresas galegas. “A túa visión e o teu impulso -dixo en alusión ao presidente da Xunta- foron vitais para iniciar a frutífera relación entre Navantia e Iberdrola e que hoxe nos leva a materializar este contrato e con el a xerar nova actividade e emprego para este estaleiro e a súa contorna”
Pola súa banda, o comunicado oficial da Xunta sinala a eólica mariña como unha “aposta” da “Comunidade” que “abriu unha nova porta a Navantia Fene e á industria auxiliar da comarca, creando novas oportunidades laborais”. Fronte a ese papel que se atribúe a si mesmo, Feijóo reprochou ao Goberno central que segue sen concretarse o inicio dos traballos de construción das fragatas encargadas ao estaleiro.
Os eloxios da Xunta e Feijóo a si mesmos chegan dez días despois de que a Xunta Electoral ordenase ao Goberno galego non usar a obra do hospital da Coruña para "enaltecer" a súa xestión en precampaña salientándoa como "a maior obra pública que se ten impulsado na área da Coruña en moitos anos".