Feijóo "preside" outro anuncio para Navantia entre críticas do persoal: "Intenta enganar"

Feijóo observa a sinatura do encargo entre Iberdrola e Navantia © Xunta

Ao comité de empresa de Navantia Ferrol xa non lle sorprenden os anuncios de Feijóo cando se achega unha campaña electoral. "Pero molestan", aclaran, tras lembrarlle ao presidente da Xunta que "el non é o presidente da compañía". O xefe do Executivo galego leva días aludindo ao naval ata que este martes visitou os asteleiros para "presidir" a sinatura dun novo contrato entre a empresa e Iberdrola. A un día da pegada de carteis, estivo presente na presentación dun proxecto que supón máis dun ano de carga de traballo no estaleiro de Fene, tras a adxudicación da construción de importantes infraestruturas para un parque eólico mariño de Escocia. Gabou o que considera un "rexurdimento industrial" e fíxoo logo de milleiros de postos de traballo perdidos nos últimos anos no sector.  

"É un descaro porque se arroga o traballo de conseguir os contratos coma se fose o presidente de Navantia; ademais, mente"

"É un descaro porque se arroga o traballo de conseguir os contratos coma se fose o presidente de Navantia", di Javier Galán, presidente do comité de empresa de Navantia Ferrol. "E faino -insiste- aproveitando, como vén sendo habitual, o inicio da campaña, a costa dos traballadores e, aínda por riba, mentindo", di con visible enfado. "Utiliza  contratos cos que nin el nin a Xunta teñen nada que ver", engade. 

Para o comité de empresa, Feijóo intenta facer ver que el é o artífice dos contratos o que, segundo aclara, suporía que o traballo da directiva de Navantia non é importante. Os presidentes do estaleiro e de Iberdrola, así como o propio presidente da Xunta, asistiron este mércores a un acto para presentar o proxecto de eólica mariña East Anglia, en Escocia. Nos estaleiros de Fene realizaranse 34 cimentacións tipo jacket para este parque eólico offshore, mentres que a empressa Windar construirá os pilotes en Avilés. O contrato está valorado en algo máis de 120 millóns e no concurso, xunto á empresa estatal, participaron outras do sector. 

Iberdrola adxudica a Navantia un encargo para a construción de pezas dun parque eólico en Escocia

O encargo supón continuar co xa desenvolvido polas mesmas empresas nun parque eólico mariño en Alemaña e suporá, entre as dúas empresas, unhas 850.000 horas de traballo con entre 600 e 700 empregos entre marzo de 2017 e xuño de 2018. Feijóo, durante a sinatura do acordo, cre que que hai un novo “rexurdimento industrial” en Ferrol, "froito dun inconformismo construtivo que non se limita a laiarse, senón que actúa e negocia, creando as condicións axeitadas para que investir na zona sexa atractivo". 

Feijóo sitúa o novo contrato nun "rexurdimento industrial" en Ferrol "froito dun inconformismo construtivo que non se limita a laiarse"

Ademais, e respecto ás declaracións de Feijóo nas que aseguraba carga de traballo para os vindeiros dez anos nos estaleiros da ría de Ferrol de saír reelixido, Galán aclara que ese anuncio "non supón noticia nova ningunha" porque eses labores xa están previstos. "Quen garante eses anos de traballo son os contratos en vigor asinados con Australia e as cinco fragatas para a Armada española que se prevén construír desde 2018, xa contabamos con iso", aclara o representante dos traballadores. "Intenta enganar o electorado galego", acusa. 

O comité acusa a Feijóo de "intentar enganar" ao prometer "dez anos de carga de traballo" que xa están previstos en Navantia

Javier Galán, no entanto, insiste en que ao comité de empresa "non lle sorprenden" estes anuncios que considera "electoralistas", pero si lle "fastidia" que "calle nalgunha xente" a mensaxe. "O PP, se cadra, tamén consegue algún voto mesmo entre traballadores do naval que cren as súas proclamas", remata, antes de asegurar: "Que alguén repare no que prometeu hai xa oito anos e no que houbo de verdade". 

 

Barreras entrega o flotel, que continuará no estaleiro

E mentres, en Vigo, Barreras anunciou tamén este mércores que asinou con Pemex a entrega do flotel que, no entanto, continuará uns días no estaleiro para completar axustes. Representants de PMI (filial da petroleira mexicana) e da empresa viguesa -da que a azteca posúe o 51%- formalizaron a entrega da embarcación nun acto privado. 

Nun comunicado, Barreras aclarou que no acto estiveron presentes o presidente da compañía, José García Costas, e o de PMI Holdings North America, Fernando Luna. O anuncio desta entrega chega en medio da crise da multinacional mexicana e das informacións que, desde o paíz azteca, advirten dunha posible venda do estaleiro vigués e da imposibilidade de contratar máis buques nos estaleiros galegos. 

Estaleiros de Navantia Fene-Ferrol © Navantia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.