A pasada fin de semana, a Xunta anunciou que viña de iniciar expedientes sancionadores contra as empresas eléctricas Naturgy e Iberdrola polos baleirados dos seus encoros galegos neste verán. Facíao despois de que unha información de eldiario.es revelase que Iberdrola avisara o Goberno galego en xuño e xullo da súa intención de baleirar os encoros de Cenza e As Portas. Tamén tras varias semanas centrando as súas críticas no Executivo central do PSOE e Unidas Podemos, para o que a Xunta tamén anunciou un expediente focalizado na Confederación Hidrográfica do Miño-Sil.
O gabinete de Alberto Núñez Feijóo, a través dun comunicado, fixo fincapé en que prevé impoñer "a sanción máxima prevista" ás eléctricas por efectuaren baleirados dos encoros "susceptibles de afectar á fauna piscícola", os devanditos de Cenza e As Portas e tamén os de Salas e Belesar. Faino, especifica a Consellería de Medio Ambiente, baseándose no regulamento de pesca fluvial do ano 1997, porque as eléctricas non tiñan a "autorización necesaria" para protexer os peixes "ante un posible baleirado".
Esa "sanción máxima prevista" é na actualidade de 25.000 euros en cada caso, isto é, 100.000 euros en total -equivalente a arredor do 0,002% dos beneficios anuais das compañías-. Trátase dunha multa ata un 90% inferior do que sería hai apenas un ano, como informou a pasada fin de semana Faro de Vigo. A razón é que, neste 2021, a Xunta reduciu fortemente as sancións previstas para este tipo de condutas.
A Xunta basea as sancións nun regulamento de 1997 derrogado parcialmente dende este 2021 pola nova lei de pesca continental. Naquela norma, a infracción da que acusa ás dúas empresas estaba cualificada como moi grave e multada con entre 30.000 e 300.000 euros. Agora, a sanción máxima son 25.000
O regulamento de pesca fluvial de 1997 ao que alude á Xunta foi derrogado parcialmente pola lei de pesca continental que, tras ser anunciada polo Goberno galego en diversas ocasións para a pasada lexislatura, quedou definitivamente aprobada polo Parlamento en decembro de 2020 e entrou en vigor o pasado febreiro. Entre as novidades da nova lei figuran cambios nas contías das sancións, que a Xunta xustificou na necesidade de "garantir o principio de proporcionalidade". Ademais, algunhas infraccións cambiaron a súa cualificación. Entre elas, o baleirado de encoros sen atender á normativa.
Así, no regulamento de 1997, "esgotar ou diminuír notablemente o volume de auga dos encoros e das canles" sen autorización ou incumprindo "as condicións que para estes efectos se fixasen cando deste se deriven danos á riqueza piscícola", suposto do que a Xunta acusa agora a Iberdrola e Naturgy, estaba cualificado como infracción moi grave e multado con entre 5 e 50 millóns de pesetas. Ao cambio (sen ter en conta a inflación), supuña entre 30.000 e 300.000 euros.
No entanto, a lei de pesca continental vixente dende este ano 2021 non mantén esta redacción nin a cualificación do regulamento de 1997. Pasa a incluír como infracción grave -non "moi grave"- "alterar de modo apreciable o nivel das augas ou do caudal do río, cando poidan derivar danos para as especies piscícolas", se a actuación non é "conforme (...) ás esixencias da normativa en materia de augas", o cal sucede neste caso, segundo defende a Xunta. Atendendo á nova lei, a sanción máxima para as infraccións consideradas graves son entre 3.000 e 25.000 euros.
As cantidades que as eléctricas terán que afrontar no caso de teren que chegar a abonar as multas serán 100.000 euros e non os 1,2 millóns que implicaría a aplicación da normativa anterior
Daquela, neste caso concreto pasou de 300.000 a 25.000, un 91% menos. Polo tanto, as cantidades que as eléctricas terán que afrontar no caso de teren que chegar a abonar as multas serán 100.000 euros e non os 1,2 millóns que terían que afrontar coa normativa anterior.
Alén da notable redución da contía das multas, cómpre agardar pola resolución final dos procesos sancionadores (incluíndo os resultados de eventuais litixios xudiciais por parte das eléctricas). Non en van, as posibles multas baséanse en que a Xunta descoñecía as intencións de baleirar os encoros porque -defende a Consellería-, a Confederación Hidrográfica non llo notificou. No entanto, a Confederación vén acusando á Xunta nos últimos días de "manipular" o acontecido xa que, defende o organismo estatal, os correos electrónicos publicados amosan que coñecía o que ía acontecer, cando menos, nos encoros de Iberdrola.