A Xunta abre expediente á Confederación do MIño-Sil xusto no día que se coñece que foi advertida por Iberdrola de que prevía o baleirado de varios encoros
Xusto no mesmo día no que se coñece que Iberdrola avisou á Xunta xa en xuño e xullo de que prevía baleirar os encoros de Cenza e As Portas e que esta ignorou os correos electrónicos enviados --revelados pola edición galega de eldiario.es e confirmados logo pola propio Executivo central--, o Goberno galego teima en sinalar o Estado polo brusco baleirado de varias presas en Galicia durante este verán, que está a ser investigado polo Executivo central.
Neste venres, a Consellería de Medio Ambiente abriu expediente sancionador á Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS) "pola súa responsabilidade no baleirado dalgúns dos encoros hidroeléctricos máis importantes desta conca". O organismo, dependente do Executivo central, rexeita responsabilidades e acusa a Xunta de "mentir" e "manipular", ademais de lembrarlle as comunicacións recibidas pola Administración galega sobre a previsión de descenso abrupto das presas e a posibilidade que tivo de evitar maiores danos.
No seu comunicado, a Consellería de Medio Ambiente explica que, como organismo competente en materia de protección da riqueza piscícola en Galicia, decidiu abrir expediente "ante a constatación de que a CHMS, máxima autoridade respecto ás actuacións hidráulicas que se executan na conca do Miño-Sil, obviou a súa responsabilidade ao non trasladar á Consellería a petición da autorización necesaria para protexer á poboación ictícola ante un posible baleirado"
En concreto, sostén que este organismo, titular dos encoros e das concesións hidroeléctricas nesta conca, "non notificou formalmente en ningún momento á Xunta, a pesar de estar legalmente obrigada a facelo, a intención das empresas de proceder ao baleirado dalgúns dos encoros que xestionan".
"Actuaron sen esperar polas autorizacións preceptivas e oportunas por parte da Consellería, que nin sequera foi informada pola CHMS", indica o departamento autonómico, que apunta que o regulamento de ordenación da pesca fluvial en Galicia sinala como unha condición esencial para poder proceder ao baleirado dunha masa de auga que a concesionaria "o deberá comunicar cunha antelación mínima dun mes ao órgano competente".
Medio Ambiente denuncia que o baleirado non foi advertido pola CHMS, que advirte que "varios correos desmontan a manipulación da Xunta"
"Carece de sentido que a CHMS pretenda facer unha interpretación interesada do regulamento, co único fin de desviar a atención da súa responsabilidade por incumprir a normativa vixente", engade en resposta ao duro comunicado feito público este venres pola Confederación, no que sostén que "varios correos desmontan a manipulación da Xunta sobre a falta de información previa ao baleirado dos encoros ourensáns das Portas e Cenza"
"Estas comunicacións do descenso superior ao 80% de volume en Cenza e As Portas producíronse o 10 de xuño e o 12 de xullo, respectivamente, cumprindo a normativa autonómica de pesca fluvial", sosteñen desde a CHMS, organismo dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica.
A Confederación aclara que a comunicación do baleirado foi recibida "por partida dobre" na Xunta, á que acusan de "manipular" e "mentir deliberadamente"
"Estamos sorprendidos e indignados de que unha administración, que se presupón seria, minta e manipule sobre a comunicación do baleirado, por baixo do 20%, dos encoros das Portas e Cenza", insisten desde a CHMS, que aclara que "esta comunicación, da que varias conselleiras e o propio presidente din que non ter constancia, curiosamente, recibírona por partida dobre, máis concretamente, na Consellería de Medio Ambiente, a través do seu servizo provincial en Ourense, e da Consellería de Presidencia, a través do 112 de Galicia", explica o seu presidente, José Antonio Quiroga.
"O presidente da Xunta mentiu deliberadamente afirmando a ausencia de comunicación previa a estes baleirados", di a Confederación, que solicita da Xunta "unha rectificación" para "evitar este cúmulo de noticias falsas e manipulación da realidade". "Entendemos que co ánimo de desviar a tención do cidadán e non querer asumir que a administración que podería ter parado o baleirado e evitar problemas nos ecosistemas fluviais sería a Xunta ao abeiro da súa propia lei de pesca e o regulamento xa aludido", insiste.
O Goberno central pide á Xunta que "rectifique para evitar este cúmulo de noticias falsas e manipulación da realidade"
A CHMS lembra que a comunicación efectuada por Iberdrola fíxose "cumprindo a normativa autonómica", Decreto 130/1997, de 14 de maio, polo que se aproba o regulametno de ordenación da pesca fluvial e no que se obriga a comunicar e se faculta á Xunta á "vixilancia, e, no seu caso, á adopción de medias que garantan a protección e conservación da fauna actuática" e sempre que "o volume de auga baleirado sexa maior que o 80% do volume máximo da masa de auga", como ocorre nos encoros de Cenza e As Portas.
"Desde o Goberno pedimos que, de ser real o seu compromiso co medio ambiente, estarían a tempo de intervir e de evitar que as empresas baixen máis o volume de agua encorada, utilizando a lexislación autonómica que aparentan descoñecer", remata o presidente da CHMS.