A Xunta centra as súas críticas no Goberno central polo baleirado brusco e "alarmante" que nas últimas semanas varias eléctricas levaron a cabo en varios encoros galegos. Investigadas polo Ministerio para a Transición Ecolóxica, Iberdrola e Naturgy non son citadas nin obxecto das denuncias do Executivo galego, que insiste en pedir explicacións unicamente á Administración do Estado.
A conselleira de Infraestruturas, logo da súa visita do pasado luns ao encoro de Portodemouros --e despois da que onte fixo a titular de Medio Ambiente, Ánxeles Vázquez ao de Belesar--, reuniuse este mércores co alcalde de Muíños, Plácido Álvarez, e as rexedoras de Bande e Vilariño de Conso, Sandra Quintas e Melisa Macía para abordar a situación das presas da demarcación Miño-Sil nos seus concellos.
A Xunta envía unha carta á ministra para a Transición Ecolóxica na que lle pide que aclare se autorizou o descenso do nivel dos encoros por baixo do 20%
Alí anunciou o envío de senllas cartas ao presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, José Antonio Quiroga, e á ministra Teresa Ribera, nas que amosa a preocupación pola baixada do nivel da auga nos encoros de Cenza, Salas, As Portas e Belesar. Pídelles que aclaren se o Goberno central foi avisado cun mes de antelación da intención das concesionarias de reducir a capacidade das presas por baixo do 20% e se foron "autorizadas a baixar ata os niveis actuais, moi inferiores aos do ano pasado".
Ademais, Vázquez empraza ao Ministerio para a Transición Ecolóxica a "establecer niveis mínimos para evitar novos riscos". A conselleira lembrou que os encoros ourensáns afectados rexistran valores moi por baixo do normal nestas épocas do ano, ao 13 e do 15% da súa capacidade, no caso de Cenza e Portas; tamén baixo no caso de Salas, cun nivel do 27%.
Alén disto, a Xunta instou a ambos departamentos a "poñer, canto antes, os mecanismos de control e vixilancia oportunos para garantir que o aproveitamento enerxéticos destes encoros sexa compatible co abastecemento, co mantemento do caudal ecolóxico que garanta a preservación da biodiversidade, a pesca, regadíos ou as actividades turísticas programadas". Ademais demandou que se informe ao Goberno galego das medidas que se adopten para paliar o "baleirado desmesurado" da auga encorada na conca estatal do Miño-Sil.
Nunha nota de prensa na que non se cita as compañías eléctricas que xestionan os encoros, a Consellería "contrastou" os datos nas presas de responsabilidade estatal cos dos encoros hidroeléctricos de responsabilidade da Xunta, de Galicia Costa, "que superan o 66% da súa capacidade, unha situación de normalidade e tranquilidade".
"O nivel mínimo só se pode traspasar en circunstancias moi puntuais e xustificadas e ten que haber antes autorizacións previas e con antelación suficiente", lembra a Xunta.