Nas primeiras semanas de agosto varios encoros galegos foron baleirados de maneira moi importante, reducindo ao mínimo a cantidade de auga almacenada, unha decisión adoptada por Naturgy ou Iberdrola que motivou a apertura dun expediente por parte do Ministerio para a Transición Ecolóxica que podería rematar nunha sanción de confirmarse que houbo "mala praxe" na xestión destes catro encoros: Cenza, As Portas, e Salas, na provincia de Ourense, e o de Belesar, en Lugo, todos eles pertencentes á Confederación Hidrográfica do Miño-Sil. Portas (Vilariño de Conso) e Cenza (Vilariño de Conso) están xestionados por Iberdrola, e Belesar (Chantada) e Salas (Muíños), por Naturgy.
Portas e Cenza (Vilariño de Conso) están xestionados por Iberdrola, e Belesar (Chantada) e Salas (Muíños), por Naturgy
O baleirado provocou a indignación da veciñanza destas zonas e tamén de amplos sectores da sociedade, ao entender que a decisión adoptada por Naturgy ou Iberdrola simplemente buscaba incrementar os beneficios que obteñen pola produción eléctrica, nun momento ademais en que o prezo da luz acadou un récord histórico. Porén, dende a Xunta de Galicia obviouse a responsabilidade das empresas e optouse por centrar as críticas no Goberno central.
O encoro de Belesar atópase ao 28,2% da súa capacidade, fronte ao 57,3% desta mesma semana no 2020. O mesmo sucede co encoro das Portas, no 14,7% de capacidade, fronte ao 72,2% de hai 12 meses
A comparación entre os datos dos catro encoros investigados e o resto das grandes presas galegas amosa as grandes diferenzas entre uns e outros, produto da decisión de baleirar unha parte importante da auga almacenada. Ademais, reflicte a fendas entre a situación actual destas catro presas e os seus datos habituais, nesta mesma semana o pasado ano e nos dez anos anteriores.
Na actualidade (datos do 31 de agosto) o encoro de Belesar atópase ao 28,2% da súa capacidade, fronte ao 57,3% desta mesma semana no 2020 e do 50,7% de media dos últimos dez anos nestas datas. O mesmo sucede co encoro das Portas, no 14,7% de capacidade (fronte ao 72,2% de hai 12 meses e ao 72,6% medio dos últimos dez anos). Así mesmo, o encoro de Salas está ao 26,4%, fronte ao 44,8% do 2020 e aos 44,5% de anos anteriores. Finalmente, o de Cenza está ao 12,5% fronte ao 40% so 2020 e ao 60% de media na última década.
O resto de encoros galegos con actualización semanal da súa información presentan cifras moi semellantes ás de anos anteriores, cun total de 1.260 hectómetros cúbicos, fronte aos 1.383 do pasado ano
En total, os catro encoros teñen unha capacidade total de 1.318 hectómetros cúbicos, dos que neste momento só se conservan 292, un 22% do total. É case unha terceira parte da cantidade de auga que había o pasado ano nestas datas (62%), un dato moi semellante á media dos dez anos anteriores (59%).
O resto de encoros galegos con actualización semanal da súa información presentan unhas cifras moi semellantes ás de anos anteriores, cun total de 1.260 hectómetros cúbicos, fronte aos 1.383 do pasado ano e aos 1.314 da media da década anterior.

Con todo, si hai algúns outros encoros con cifras preocupantemente baixas. É o caso de Albarellos (Boborás), a un 25% da súa capacidade total, fronte ao 40% do pasado ano, ou o de Vao (O Bolo), a un 53% da súa capacidade fronte ao 91% do pasado ano e ao 71% de anos anteriores. O encoro de Albarellos é explotado por Naturgy e o de Vao por Iberdrola.