A sanción da Xunta a Iberdrola e Naturgy por baleirar encoros limitaríase a 100.000 euros, o 0,002% dos seus beneficios anuais

O encoro de Belesar en Portomarín, tras o seu baleirado, nunha imaxe tomada o 30 de agosto de 2021 CC-BY-NC-SA Praza.gal

Nas primeiras semanas de agosto Iberdrola e Naturgy baleiraron catro encoros galegos, Portas, Cenza, Belesar e Salas, reducindo ao mínimo a cantidade de auga almacenada. A decisión, detrás da que pode haber un intento de incrementar o prezo cobrado pola produción de electricidade, motivou a apertura dun expediente por parte do Ministerio para a Transición Ecolóxica que podería rematar nunha sanción. 

Agora é a Xunta quen abre un proceso sancionador ás dúas empresas, despois de que nas últimas semanas centrase as súas críticas na acción do Goberno central, despois de que este venres anunciase tamén un expediente sancionador á Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), obviando a propia responsabilidade do Goberno galego. 

Este venres fíxose público que Iberdrola avisou á Xunta en xuño e xullo de que prevía baleirar os encoros de Cenza e As Portas a través de dous correos electrónicos que foron ignorados polo Goberno galego

Este venres fíxose público, ademais, que Iberdrola avisou á Xunta en xuño e xullo de que prevía baleirar os encoros de Cenza e As Portas a través de dous correos electrónicos que foron ignorados polo Goberno galego. O regulamento de ordenación da pesca fluvial, defende a CHMS, faculta á Xunta á "vixilancia, e, no seu caso, á adopción de medidas que garantan a protección e conservación da fauna acuática" e sempre que "o volume de auga baleirado sexa maior que o 80% do volume máximo da masa de auga", como ocorre nos encoros de Cenza e As Portas.

Encoro de Belesar, a finais de agosto de 2021, despois do baleirado CC-BY-SA Praza.gal

A Xunta apóiase nese Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais, que no seu artigo 83 sinala que "agás circunstancias excepcionais, sempre que un particular ou unha entidade concesionaria dun aproveitamento hidráulico vaia proceder á anulación ou ó baleirado, total ou parcial, dunha masa de auga na que exista poboación ictícola que poida verse afectada pola redución ou desaparición da masa de auga, deberallo comunicar cunha antelación mínima dun mes ao órgano competente. Engadindo que "en todo caso, deberase practicar a devandita comunicación sempre que o volume de auga baleirado sexa maior có 80% do volume máximo da masa de auga".

O Goberno galego defende que lle "corresponde ao organismo competente en aproveitamentos hidráulicos en cada demarcación, neste caso a Confederación, notificarlle á Consellería que se quere efectuar un baleirado nunha presa"

O Goberno galego defende que lle "corresponde ao organismo competente en aproveitamentos hidráulicos en cada demarcación, neste caso a Confederación, notificarlle á Consellería que se quere efectuar un baleirado nunha presa para que esta informe sobre as medidas que se deben adoptar previamente". E, de novo, carga contra a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, acusándoa de "non notificar antes á Consellería de Medio Ambiente", engadindo que tampouco as eléctricas agardaron polo pronunciamento da Xunta, "motivo polo que o departamento autonómico decidiu iniciar o correspondente sancionador tanto contra as empresas como contra o organismo de conca estatal".

Pola súa banda, este venres a CHMS respondía que "varios correos desmontan a manipulación da Xunta sobre a falta de información previa ao baleirado dos encoros ourensáns das Portas e Cenza"

Pola súa banda, este venres a CHMS respondía que "varios correos desmontan a manipulación da Xunta sobre a falta de información previa ao baleirado dos encoros ourensáns das Portas e Cenza", engadindo que "estas comunicacións do descenso superior ao 80% de volume en Cenza e As Portas producíronse o 10 de xuño e o 12 de xullo, respectivamente, cumprindo a normativa autonómica de pesca fluvial". "Esta comunicación, da que varias conselleiras e o propio presidente din que non ter constancia, curiosamente, recibírona por partida dobre, máis concretamente, na Consellería de Medio Ambiente, a través do seu servizo provincial en Ourense, e da Consellería de Presidencia, a través do 112 de Galicia", sinala.

Encoro das Portas, en Vilariño de Conso, o 16 de agosto de 2021 CC-BY-SA Praza Pública / Cedida

En que se podería traducir este expediente sancionador? A Lei 2/2021 de pesca continental de Galicia, aprobada hai uns meses prevé multas de entre 3.000 e 25.000 euros para as consideradas como infraccións graves, entre as que se atopa o "alterar de modo apreciable o nivel das augas ou do caudal do río, cando poidan derivar danos para as especies piscícolas, agás que a actuación resulte conforme e cumpra as exixencias da normativa en materia de augas".

A posible multa de 50.000 euros supón un 0,0014% dos beneficios que o pasado ano obtivo Iberdrola e o 0,006% dos beneficios ordinarios obtidos por Naturgy

Asi pois, no caso de aplicar a sanción máxima (25.000 euros por encoro), tanto Iberdrola como Naturgy serían sancionadas con 50.000 euros en cada caso, cantidades mínimas para dúas compañías con volumes de ingresos e tamén de beneficios anuais de miles de millóns de euros. Así, por exemplo, o pasado ano 2020 Iberdrola obtivo un beneficio neto récord de 3.610,7 millóns de euros, que no ano 2021 prevé mesmo superar. 

Pola súa banda, Naturgy presentou o pasado ano unhas perdas de 347 millóns de euros, fronte a un beneficio de 1.401 millóns de obtido no ano 2019. Con todo, estas perdas foron resultado de reducir o valor dos seus activos en 1.019 millóns, xa que en termos ordinarios, a empresa gañou 872 millóns.

O encoro das Portas está no 14,7% da súa capacidade total e o de Cenza no 12,5%. O de Belesar atópase no 28,2% e o de Salas no 26,4%

A posible multa de 50.000 euros supón un 0,0014% dos beneficios que o pasado ano obtivo Iberdrola e o 0,006% dos beneficios ordinarios obtidos por Naturgy. En conxunto, os 100.000 euros supoñen o 0,002% dos beneficios que en conxunto obteñen as dúas empresas anualmente.

Cómpre lembrar que o baleirado decidido polas dúas empresas provocou un grande impacto nos catro encoros e na súa contorna, de xeito que nestes momentos as dúas presas conservan só un terzo da auga que adoitan ter nestas datas. O encoro das Portas está no 14,7% da súa capacidade total e o de Cenza no 12,5%. O de Belesar atópase no 28,2% e o de Salas no 26,4%.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.