PSdeG e Marea Atlántica negociarán sobre o goberno da Coruña tras a investidura de Inés Rey como alcaldesa

Inés Rey e Xulio Ferreiro no primeiro encontro para o traspaso de poderes, este martes © Concello da Coruña

DOCUMENTO | Posicionamento de Marea Atlántica sobre a investidura e modelo de cidade transmitido ao PSdeG

Tras quedar a pelota no tellado dos socialistas, estes elaborarán un documento que integre as propostas de Marea Atlántica e BNG para a partir del decidir o tipo de goberno, asumindo que o tempo corre xa que sen a organización municipal non pode comezar o mandato municipal

O sábado, ás 18.00 horas, o pleno de investidura do novo mandato municipal no Concello da Coruña nomeará alcaldesa á socialista Inés Rey cos votos dos seus nove concelleiros, os seis de Marea Atlántica e os dous de BNG. Pero máis alá diso, nada se sabe aínda de cal é a estrutura de goberno coa que quere contar Rey, as súas prioridades políticas ou a organización de toda a Corporación municipal. A negociación por parte dos socialistas con Marea Atlántica e BNG desas cuestións, das que depende o tipo de goberno que poida haber na Coruña, non se producirá ata a próxima semana, superada a investidura, pero asumindo por parte do PSdeG que a iniciativa debe ser súa e que mentres non se concrete esa organización municipal o mandato non dará comezo de xeito efectivo. 

Este martes Rey e o alcalde saínte, Xulio Ferreiro, mantiveron un primeiro encontro para encarreirar o traspaso de poderes. Pero a negociación entre PSdeG e Marea Atlántica sobre a posible colaboración entre ambas formacións unha vez Rey sexa alcaldesa desenvólvese noutro foro composto por tres representantes de cada partido. Nel, tras o compromiso de investir a Rey sen contrapartidas, e tras colocar sobre a mesa un documento de mínimos e moi xeral que apela á transparencia no goberno ou impulso da área metropolitana, a Marea agarda que agora sexan os socialistas os que concreten a súa proposta de goberno e organización municipal. O BNG xa dixo que non participará no goberno pero está aberto a un acordo estable para todo o mandato máis alá de apoios puntuais.

Inés Rey e Gonzalo Caballero, este mércores nun paseo pola Coruña Dominio Público @PSdeG

A lei establece que nos 30 días seguintes á investidura un pleno debe establecer a organización municipal, sen a cal o mandato non pode dar comezo de xeito efectivo

Segundo fixa a lei, dentro dos 30 días seguintes ao pleno deste sábado debe celebrarse outro no que se establecerán desde as áreas que ostentará cada concelleiro, os soldos ou os representantes de toda a Corporación nos diversos entes municipais nos que debe estar presente algún concelleiro. “Estamos abertos ao que queiran propoñer desde o PSdeG sobre o funcionamento municipal, pero son eles os que deben mover ficha”, din desde Marea Atlántica, que dubidan de que os socialistas teñan clara a súa proposta. 

Desde o PSdeG asumen que agora, unha vez recibidas as ideas programáticas de Marea Atlántica e BNG, a iniciativa correspóndelles a eles e elaborarán un documento no que intentarán integrar as propostas das outras formacións. “A partir dese documento veremos que tipo de goberno se pode facer”, din fontes socialistas, que remiten ese seguinte paso a “unha vez pasada a investidura do sábado”. De momento, este mércores a propia Rey, preguntada polos medios sobre se aposta por un goberno de colaboración ou de cooperación con Marea Atlántica, reproducindo expresións da negociación para o Goberno central entre o PSOE e Podemos, eludiu concretar unha fórmula e limitouse a dicir que desexa “unha maioría de progreso suficiente”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.