O PSdeG precisa pactos antes do 15 de xuño para asegurar o goberno en catro cidades

Inés Rey, Ángel Mato, Lara Méndez e Rafael R. Villarino CC-BY-NC-SA PSdeG / Praza Pública

O vindeiro 15 de xuño constitúense as corporacións municipais elixidas nas eleccións do 26 de maio coa única excepción daquelas que estean pendentes de recursos contra o resultado, que non se conformarán ata xullo. Nas sete principais cidades galegas haberá mudanza segura na alcaldía en tres delas -A Coruña, Santiago e Ferrol- e moi probablemente, nunha cuarta, Ourense. Mentres, nas tres restantes -Vigo, Lugo e Pontevedra- o bastón de mando seguirá nas mesmas mans.

Na Coruña, Ferrol e Lugo os pactos son imprescindibles para que o PSdeG obteña a alcaldía; en Ourense tamén tentan asegurala mediante acordos malia ser primeira forza como en Santiago, onde Bugallo si ten asegurado o bastón de mando 

Atendendo aos resultados do 26M o gran gañador do novo mapa político urbano galego é o PSdeG. Non obstante, para lograr o goberno en tres élle imprescindible pechar pactos, cando menos de investidura, antes da sesión constitutiva das corporacións. É o caso da Coruña, Ferrol e Lugo, onde Inés Rey, Ángel Mato e Lara Méndez precisan o voto a prol da maioría absoluta do pleno porque, en caso de non o obteren, a alcaldía sería para o PP, primeira forza en número de votos.

Esa condición de forza máis votada é a que ostenta o PSdeG en Ourense, onde así e todo Rafael Rodríguez Villarino tamén debe chegar con acordos á investidura para evitar sorpresas ao existir posibilidades numéricas dunha maioría alternativa -PP e Democracia Ourensana, por exemplo suman maioría absoluta-. Con máis tranquilidade pode afrontar o 15 de xuño o compostelán Xosé Sánchez Bugallo, que á súa condición de líder do grupo máis numeroso do Concello engade a inexistencia dunha alianza con maioría absoluta que lle arrebate a alcaldía, toda vez que Compostela Aberta xa advertiu que non facilitaría o poder por ningunha vía ao PP.

A Coruña

O 26M o PSdeG coruñés pasou de 6 a 9 edís, pero a candidatura de Inés Rey foi superada pola da popular Beatriz Mato, tamén con 9 representantes, nuns 400 votos. Isto provoca que para a investidura da socialista sexan imprescindibles os votos da Marea Atlántica, que pasou de 10 a 6 escanos na corporación. Tras os comicios Rey resaltou a súa intención de "dialogar" coas "forzas progresistas", xa que "a esquerda gañou as eleccións" na cidade", evidenciando así o rexeitamento a oferta de gran coalición formulada por Mato. Dende a dirección do PSdeG o seu voceiro, o deputado electo no Congreso Pablo Arangüena, agregou ademais en declaracións a Radio Coruña a súa esperanza de que Marea Atlántica non torpedee o novo goberno, de xeito que os atrancos do pasado mandato non se produzan agora á inversa.

A Marea Atlántica parte da base de que en ningún caso propiciará un goberno do PP e o seu debate céntrase na conveniencia ou non de entrar no goberno de Inés Rey

Tras uns primeiros días marcados pola marcha da corporación do aínda alcalde en funcións, Xulio Ferreiro, a Rede da Marea aborda este xoves a súa postura ante a investidura, partindo da base de que en ningún caso propiciarán unha chegada da dereita ao poder e avanzando que ese eventual torpedeo non se vai producir. A gran cuestión sobre a mesa non é, daquela, se permitir ou non a elección de Rey, senón a postura da formación unha vez que esta se produza sobre procurar ou non un goberno de coalición, algo que suscita debate interno. 

O BNG, pola súa banda, aborda tamén a posición sobre a investidura esta semana. O grupo de Francisco Jorquera igualmente da disposición a votar a prol de Rey malia non ser os seus dous votos imprescindibles e valorando, asemade, a eventual entrada no goberno.

Ferrol

Como a coruñesa Ines Rey, o ferrolán Ángel Mato será alcalde polo PSdeG se logra un acordo pola esquerda dende a propia sesión de investidura porque, de non facelo, o poder volverá ás mans do ex-conselleiro popular José Manuel Rey Varela, que con 12 edís quedou a un escano da maioría absoluta pero sen suma posible pola dereita. Dende a noite electoral o alcalde en funcións, Jorge Suárez, amosou disposición de que os tres edís de Ferrol en Común apoien a investidura de Mato e mesmo poidan entrar no seu goberno. 

Ángel Mato precisa o apoio de Ferrol en Común e do BNG xa dende a investidura e emprenderá negociacións sobre o programa de ambas forzas

"A posición máis doada sería pasar á oposición e manternos inflexibles", cre Suárez, partidario de negociar con "valentía e xenerosidade" para chegar a "bo porto" no horizonte do propio 15 de xuño. A disposición da confluencia ferrolá é, como a de Mato, a da coalición.

O candidato socialista recibiu formalmente o aval da Executiva local para emprender negociacións que para a propia investidura deben ser a dúas bandas; os 8 edís do PSdeG só sumarán maioría absoluta co apoio dos 3 de FeC, pero tamén dos 2 do BNG. Dende o propio 26M Mato apostou por contar cunha primeira marxe para valorar os programas tanto de Ferrol en Común como do Bloque e, acto seguido, sentar para abordar pactos sobre medidas concretas. O voceiro do BNG, Iván Rivas, xa avanzou que non contempla outro escenario que o dun goberno da esquerda, con independencia de que desa negociación vaia depender se a formación nacionalista opta ou non a gobernar.

Lugo

En Lugo a actual alcaldesa en funcións, a socialista Lara Méndez, ten na man a posibilidade de recuncar no poder e facelo ademais negociando cunha única forza política, o BNG, que tras lograr un ascenso de 2 a 5 edís suma maioría absoluta cos socialistas. O apoio do grupo de Rubén Arroxo é imprescindible na investidura para que a alcaldía non recaia en Ramón Carballo, do PP, que conseguiu 10 edís, e o candidato nacionalista ten xa o visto e prace da Asemblea Local da formación para negociar co PSdeG unha posible coalición de goberno que tería unha correlación de forzas relativamente semellante á da primeira alianza do Bloque co ex-alcalde socialista Xosé López Orozco.

A coalición do PSdeG de Lara Méndez co BNG liderado por Rubén Arroxo é asumida como a vía máis probable por ambas forzas en Lugo

Ambas formacións traballan coa previsión de que esta mesma semana comecen uns contactos nos que Méndez parte da base de que "Lugo segue a ser unha cidade de esquerdas" e do convencemento de que, daquela, "terá un goberno de esquerdas liderado polo PSdeG" con "maior estabilidade" que no anterior mandato, marcado pola fragmentación de forzas á esquerda dos socialistas, toda vez que ademais do Bloque sentaban na corporación Lugonovo e ACE, que quedaron sen representación. PSdeG e BNG teñen xa nomeados equipos negociadores e Arroxo afronta as negociacións asegurando que parte da base de que os resultados "deixaron claro" que "a veciñanza de Lugo apostou por que o BNG estivese presente no goberno".

Ourense

Aínda que na cidade de Ourense os números din que o PSdeG parte con máis vantaxe que en Lugo ou Ferrol por seren a forza máis votada, a composición da corporación ourensá alimenta as cábalas sobre toda caste de combinacións posibles. Os de Rafael Rodríguez Villarino teñen 9 edís, dous máis que o PP e Democracia Ourensana, empatados a 7. Pero non suman maioría absoluta co BNG, que regresa ao Concello con dúas actas, polo que a posición do partido que lidera Gonzalo Pérez Jácome convértese en chave de goberno nunha negociación que, inevitablemente, ter por tras os contactos relativos á Deputación provincial, institución que se interna nun escenario inédito por mor da histórica perda da maioría absoluta dos Baltar.

Villarino iniciou xa o scontactos para procurar "un goberno estable" en Ourense e DO ve, polo momento, abertas todas as posibilidades

Con este pano de fondo o equipo de Villarino iniciou xa este martes "formalmente" os contactos para procurar "un goberno estable para a terceira cidade de Galicia" xa que, din, "ninguén comprendería outro mandato de enfrontamentos, berros e parálise" como o do popular Jesús Vázquez. Así, o BNG é o primeiro interlocutor dos socalistas, que prevén acto seguido xuntarse con DO, Ciudadanos e o propio PP. 

Pérez Jácome di non desbotar ningún escenario e, en declaracións aos medios este luns, asegurou que no encontro cos de Villarino previsto para o mércores falará de medidas programáticas e de posibles asignacións de edís. Esgrimir a condición de primeira forza da corporación pode ser unha arma de dobre fío para os socialistas, advirte o líder de DO, porque xusto ese papel é o que ten o PP na Deputación.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.