As eleccións municipais do 26 de maio deixaron en Galicia múltiples resultados con transcendencia política alén do ámbito local. Un deles foi a caída dos gobernos das mareas municipais. Outro, a fin da maioría absoluta do PP na Deputación de Ourense tras tres décadas de poder omnímodo da familia Baltar na institución. Esa perda da absoluta non implica, necesariamente, que os populares vaian pasar á oposición. Para que isto suceda tería que conformarse unha maioría alternativa na que o único escano de Ciudadanos é clave. E a política de pactos aprobada este luns polo partido de Albert Rivera dá aire aos populares, tamén en Ourense.
A dirección do partido de Albert Rivera fixa o PP como socio "preferente" para os pactos postelectorais e só falará co PSOE de xeito "excepcional" con límites que, no caso ourensán, tamén favorecen aos populares
A dirección de Ciudadanos aprobou este luns en Madrid dous documentos cos criterios xerais para guiar as negociacións nas institucións nas que son chave de goberno tras o 26M, un con liñas programáticas e outro, coas preferencias sobre as forzas políticas coas que pactar. Segundo expuxo o seu secretario xeral, José Manuel Villegas, a "unanimidade" deste órgano avalou que o PP sexa "socio preferente" cara á conformación de "gobernos a dous". Só "excepcionalmente", agregou, negociarían co PSOE, sempre e cando non entren en xogo outras forzas como Podemos ou "os nacionalistas" e, ademais, só se na mesa están dirixentes socialistas "contrarios" ás "políticas" de Pedro Sánchez.
Aplicados á Deputación de Ourense estes criterios favorecen esencialmente ao PP. Non só porque a cúpula encabezada por Rivera sinale os populares como socio "preferente". Tamén porque a maioría alternativa, que pasa necesariamente pola participación activa de Ciudadanos cando menos na investidura, implica tamén ao mesmo tempo o escano do BNG. E a cúpula do partido laranxa xa advertiu de que repudiará calquera acordo que implique a formacións soberanistas.
Eses criterios para chegar a pactos postelectorais eran anunciados pola dirección central de Ciudadanos escasas horas despois de que, en declaracións á TVG, a voceira deste partido en Galicia, a edil lucense Olga Louzao, advertise de que as "decisións" sobre estes acordos "corresponderán ao comité de negociación" organizado dende a propia Executiva estatal. Sobre o caso concreto da institución ourensá, Louzao matizou que o PP "presídea dende hai moitos anos" e "ás veces son necesarios cambios de ciclo". Diante de posibles pactos, afirmou, C's defenderá a "rexeneración" das institución e negociará "caso por caso" baixo os criterios xerais da dirección central.
Alén da preferencia polo PP e da negativa a "negociar nada" cos "nacionalistas", o Decálogo de negociación divulgado este luns pola dirección de Ciudadanos está esencialmente orientado á política autonómica e estatal. Así, por exemplo, cita entre os seus criterios a necesidade de apoiar a aplicación do artigo 155 da Constitución a Catalunya ou a suposta necesidade de defender o "dereito a estudar en español en toda España".
O PSdeG retou a Rivera a aclarar se prevé "pactar coa dereita caciquil de Baltar" e o BNG puxo o seu voto á disposición dun cambio para desaloxar o baltarismo do poder
Esta posición de Ciudadanos cara aos pactos postelectorais chega días despois de que o PSdeG apelase directamente a Albert Rivera sobre a postura do seu partido en Ourense. O secretario xeral dos socialistas, Gonzalo Caballero, considerou que Rivera "ten que dicir se cre que pactar coa dereita caciquil de Baltar é a fórmula para rexenerar a vida política". O BNG, pola súa banda, puxo o seu voto na corporación provincial á disposición dun cambio que desaloxe os Baltar do poder e Democracia Ourensana, pola súa banda, asegurou contemplar todas as posibilidades cara á conformación da nova corporación.
Mentres, dende a dirección do PP galego, o seu secretario xeral amosábase nos últimos días confiado en poder manter o control da Deputación Ourensá. Nunha entrevista na Radio Galega Miguel Tellado apelou a "acordos" para non perder o goberno. Ao tempo, o vicepresidente da Xunta e líder do partido en Pontevedra, Alfonso Rueda, admitiu na Cadena SER a existencia de negociacións "cruzadas" para lograr eses pactos.