Por segunda vez José Manuel Rey Varela obtén un triunfo amargo en Ferrol. Hai catro anos o PP foi a forza máis votada e este domingo volveu selo, gañando 5 puntos e máis de dous mil votos. Porén, unha vez máis o PP queda ás portas da Alcaldía, que será comandada polo socialista Ángel Mato. Os populares vencen na maior parte da cidade, en 58 das 67 seccións censuais, todas agás as que corresponden aos barrios de Caranza ou Esteiro, ou á zona da Graña e Brión, nas que domina o PSdeG-PSOE.
O PP rolda e mesmo supera o 50% dos votos en boa parte do centro da cidade, o barrio da Madalena e tamén en parte dos Ensanches anexos á Estrada de Castela. Tamén domina amplamente nas zonas rurais. Pola contra, obtén os seus peores resultados en Caranza, Esteiro, Recimil ou Santa Mariña (ao redor do 30%). Os populares conseguiron conter -ao igual que noutras urbes- a presión de Ciudadanos e VOX, que en conxunto non suman nin sequera o 5% dos votos, mesmo do que obtivera a formación laranxa en 2015, cando si obtivo representación.
O PSdeG-PSOE gaña catro mil votos, con excelentes resultados en Caranza, Telleiras, Esteiro ou A Malata e só fica por debaixo do 20% na Madalena.
Os socialistas aproveitan o gran descenso de Ferrol en Común, que se deixan a metade dos seus votos. A Malata, Canido, Santa Mariña, Caranza e boa parte da zona rural supoñen as mellores prazas para a formación, que rolda alí o 15% dos votos. Pola contra, a candidatura baixa do 10% nalgúns importantes barrios residenciais nos que no 2015 mesmo superaran ao PSdeG-PSOE.
O BNG mantén os seus datos de 2015 e obtén en Santa Mariña, A Graña e Caranza os seus mellores resultados.