Martiño Noriega queda á fronte de Compostela Aberta no inicio da súa etapa na oposición

Primeira xuntanza para o traspaso de poderes en Santiago, encabezada por Noriega e Bugallo © Concello de Santiago

Compostela Aberta iniciará o seu período como oposición no Concello de Santiago con Martiño Noriega á fronte. A asemblea da confluencia santiaguesa abordou este xoves a análise dos resultados electorais do 26M, nos que a formación pasou de 10 a 5 edís e da primeira á terceira posición na corporación, perdendo o goberno. Como avanzara que sucedería en caso de derrota, o aínda alcalde en funcións puxo a súa continuidade "á disposición" da asemblea, que decidiu "por aclamación" que exerza como voceiro municipal no primeiro treito do mandato.

Na mesma xornada en que o goberno saínte da capital galega sentou á mesma mesa que o equipo do PSdeG compostelán para iniciar os traballos de traspaso de poderes que culminarán, o día 25, coa elección de Xosé Sánchez Bugallo como alcalde, Compostela Aberta optou por unha continuidade temporal de Noriega. "Os resultados -expuxo á asemblea- son moito máis negativos do que agardabamos", admitiu, pero iso non implica, matiza, "esquecer as máis de 10.000 persoas que confiaron en nós".

A intención do ata agora alcalde de Santiago é pilotar un proceso de "transición" e "marcar os tempos" para a remuda co final de 2019 ou comezos de 2020 como horizonte

"O noso maior capital é a xente que confiou en nós e todas as mans que levan traballando e sumando tanto na institución como na rúa" e CA segue "en construción", considerou Noriega antes de recibir a encarga de continuar temporalmente como líder da formación no Concello. A intención, aclara, é pilotar un proceso de "transición" e "marcar os tempos" para a remuda, tamén á fronte dun grupo municipal no que, ademais do ata agora alcalde, foron electos os edís Branca Novoneyra, Rafael Peña, Marta Lois e Jorge Duarte. No caso de renuncia do ata agora alcalde accedería á corporación María Rozas, tenente da alcaldía e responsable de Facenda no último mandato.

Asemblea de Compostela Aberta sobre os resultados electorais do 26M CC-BY-SA CA

No marco da primeira xuntanza para o traspaso de poderes, Sánchez Bugallo resaltou a súa intención de comezar a gobernar en solitario; a xuízo do socialista "a cidadanía non entendería" unha coalición con CA

Fontes de Compostela Aberta sitúan no remate de 2019 ou comezos de 2020 o horizonte dun proceso transitorio no que, con toda probabilidade, a formación exercerá a oposición. Así o avanzaron tanto CA como o PSdeG no marco do primeiro encontro do traspaso de poderes, celebrado tras os primeiros "contactos informais". O equipo de Bugallo recibiu xa unha vintena de "informes técnicos" para informalo da situación de cada área municipal e, segundo Noriega, "todos os concelleiros e concelleiras en funcións puxéronse á disposición dos novos edís" nun clima de "total cordialidade, tal e como debera ser a norma en todas as institucións".

Esa "cordialidade" institucional non implica, así e todo, unha aproximación para un eventual pacto de goberno. Alén de CA non vaia votar en contra da investidura de Bugallo, que ten asegurado o cargo na súa condición de forza máis votada e sen maioría alternativa á contra, ambas formacións dan por feito que non compartirán gabinete. O próximo alcalde valora como máis probable que, cando menos "inicialmente", volverá tomar o bastón de mando da capital galega "en solitario", sen desbotar unha integración do Bloque no futuro. 

O socialista agrega que a súa intención é contar co resto de forzas, tamén co PP, para os principais asuntos do goberno. Si matiza, non obstante, que "a cidadanía non entendería" que, tras unha dura campaña electoral, o seu equipo e o de Noriega compartisen goberno.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.