"Desafiamos os poderes fácticos e somos peza a bater, pero estamos en condicións de revalidar o goberno de Compostela"

Martiño Noriega, alcalde de Santiago e candidato á reelección por Compostela Aberta, durante a entrevista con Praza.gal CC-BY-NC-SA Praza Pública

Martiño Noriega concorre por segunda vez á alcaldía de Santiago, a primeira co bastón de mando da capital galega na man. Catro anos despois da carreira electoral que, tras a sucesión de tres alcaldes do PP en catro anos, finalizou con Compostela Aberta como forza máis votada,  está a desenvolver unha axenda "maratoniana", con máis dunha corentena de citas en dúas semanas. Todo nunha campaña na que o debate público semella decantarse cara a un dilema a dúas bandas: a de Noriega revalidando a alcaldía ou a da súa remuda polo ex-alcalde do PSOE Xosé Sánchez Bugallo, que oito anos despois aspira a retornar ao poder. O socialista, asegura Martiño Noriega, elixiu adoptar o "marco da dereita" e duns "poderes fácticos" que, mantén, prefiren a Compostela Aberta lonxe do goberno. Pero, agrega, como en 2015 a súa formación chegará á cita coas urnas con posibilidades de recuncar no goberno, desta volta co aval do traballo destes catro anos, explicando que "fomos quen de acreditar que non é incompatible un discurso transformador e de maiorías sociais coa normalización institucional". Este 21 de maio (21:15, Sala Capitol) celebra o seu acto central da campaña.

Esta é a súa primeira campaña electoral como alcalde de Santiago. Que sensacións está a percibir da veciñanza?

Nós partimos de que a campaña vai ser decisiva no resultado final. Tomámola moi en serio, non como un ornamento; permítenos render contas do feito e iso non é menor, porque o hábitat mediático opacou moito as conquistas do goberno e puxo moito o foco sobre polémicas que acabaron ocupando a centralidade. É importante fixar cales foron as liñas mestras da acción do goberno para pedir un segundo mandato que nos permita completar o traballo feito co convencemento de que a campaña a nós súmanos e a outras forzas se lles pode facer máis longa. Penso que vai haber unha photo finish o 26 de maio e nós queremos estar en condicións de revalidar o goberno.

Ata que punto o condicionan as enquisas? Ou, mellor dito, a enquisa?

Nós manexamos demoscopia durante todo o mandato e eu sempre afirmei que non era crente da nosa señora das enquisas; observamos os inquéritos como tendencias, pero sabendo que moitas veces os resultados se afastan desas tendencias. Para exemplo, nós hai catro anos, cando en ningún momento aparecemos en ningunha enquisa como lista máis votada e acabamos séndoo. Dito isto, nós cremos que os inquéritos que se están a manexar durante a campaña buscan sacarnos do partido e reforzar outras opcións. Pero o que percibimos na rúa é que o resultado vai estar moito máis apertado e que nós temos opción a ser a lista máis votada e seguir liderando unha etapa de futuro que xa existe en Compostela.

"Bugallo gobernou trece anos e volve prometer cousas que xa prometeu e non cumpriu, investimentos que calquera con responsabilidade de goberno sabe que non son viables"

En Compostela dáse unha situación pouco común, que nunca se dera, co alcalde actual a enfrontarse a dúas persoas que tamén o foron, hai tres alcaldes en liza. Como afecta isto á campaña? A alternativa xa foi goberno e viceversa…

A batalla final [ri], se a iso lle sumamos unha vicepresidenta da Deputación, o cartel de Compostela permítenos facer ese pinchacarneiro, poñéndonos épicos, con esa batalla final. Evidentemente, condiciona. Marcamos perfil propio coas nosas accións de goberno, afastado das outras dúas persoas que tiveron esa responsabilidade. É certo que no caso de Agustín Hernández foi durante un ano e dentro dun marco dun mandato moi convulso, que deixou moi marcada a cidade polos casos de corrupción e se cadra non se pode ponderar tanto a súa acción de goberno. No caso de Pepe [Bugallo] foron trece anos e nestes días dá a impresión de que está a facer tabula rasa. Volve prometer cousas que xa prometeu e non cumpriu, emprega o marco clásico de ir a cada lugar e prometer investimentos que todos os que tivemos responsabilidade de goberno sabemos que non son viables… Xogamos coa seriedade de traballo feito e de non xerar falsas expectativas.

Vostede reitera durante a campaña que un dos logros deste mandato foi acalmar, pacificar o Concello despois dese mandato de tres alcaldes. É posible que haxa parte do seu electorado que lle recoñeza esa calma pero bote en falta máis xestos de cambio, darlle máis a volta ao Concello? Pacificaron máis do que cambiaron?

"Reducimos a débeda, duplicamos a acción no social e fixemos desaparecer a lista de agarda na axuda no fogar; fixemos compatibles as conquistas sociais con normalizar a vida do Concello"

Eliximos batallas, desafiamos a poderes fácticos e por iso somos a peza a bater nesta campaña. E de xeito complementario, normalizamos a vida do concello. É unha evidencia que en xestión, reducir a débeda bancaria de 45 a 27 millóns de euros e ao tempo duplicar a acción no social cunha renda básica de garantía cidadá, multiplicar as bolsas de comedor ou facer desaparecer a lista de agarda no contrato de axuda no fogar, son cuestións que sinalan que fomos quen de actuar responsablemente e conseguir conquistas sociais. Tamén houbo unha reactivación do dinamismo cultural ou accións de goberno na capital ecoloxista, actuando nas arterias do Sar e o Sarela. Ou políticas valentes na participación, cos orzamentos participativos ou os Encontros Ao Vivo. Eu estes días non canso de dicir que nestes catro anos captamos máis de 20 millóns de euros en fondos europeos, que foi o que nos permitiu pechar o círculo de reforzar áreas e diminuír débeda.

"O obxectivo dos que non pasan por urnas é que non sigamos liderando o cambio; séntense ameazados"

Paralelo a iso, o desafío das grandes contratas do Concello, coa recuperación da ORA e o guindastre e a asesoría xurídica, o feito de que xa estea constituída a comisión para a recuperación do servizo da auga, marcar un sendeiro de independencia a respecto dos grandes poderes fácticos no mediático ou marcar condicións ás grandes promotoras urbanísticas colócanos nunha posición de moita agresión de sectores que se senten ameazados. Aquí a concesionaria da auga sabe que eu non vou de farol cando falo de recuperar o servizo, porque o recuperei en Teo. Estamos a tocar óso en cuestións que foran parte do statu quo do Concello e no que outras forzas, máis alá de cuestións discursivas, eran submisas. Por iso o obxectivo principal dos que non pasan por urnas é que nós non sigamos liderando o cambio, porque se senten ameazados e pretenden condicionar a vida da cidade.

Martiño Noriega, nun intre da entrevista con Praza.gal en maio de 2019 CC-BY-NC-SA Praza Pública

Un dos eixos da súa campaña é esa municipalización do servizo de augas no vindeiro mandato. En que notaría a veciñanza unha melloría se o fan?

A contrata da auga leva na cidade 36 anos, moitos deles con prórrogas que non saíron a concurso e con grandes beneficios industriais. Mesmo forman parte da hemeroteca da cidade vencelladas a casos de presunta corrupción. Unha recuperación do servizo da auga é positiva porque nos permite, para comezar, recuperar o control sobre un recurso natural como están a facer moitas cidades europeas. É máis eficiente porque, por exemplo, despois de 36 anos de contrata e moitos beneficios, moitos puntos de Compostela seguen sen servizo de abastecemento e saneamento. E o mesmo a nivel de criterios de enganche, tarifas, cobrar ou non en función de se tes ou non o servizo… O contrato da auga aínda está en vigor e ten unha orde de continuidade nun ano mentres se realizan os traballos da municipalización. Nós cremos que despois dese período estaremos en condicións de sacala adiante.

"O contrato da auga ten unha orde de continuidade dun ano, mentres se realizan os traballos da municipalización. Despois dese período estaremos en condicións de sacala adiante"

Di o candidato Sánchez Bugallo que, alén de que non concorda coa proposta, dubida de que vostedes sexan quen de xestionala…

Teo ten 20.000 habitantes e, a día de hoxe, o servizo de auga é municipal, recoñecido e valorado polos veciños e ademais non provocou desequilibrio contable, senón todo o contrario. E mellorando a xestión. Eu entendo que Bugallo empatice coa dinámica das grandes contratas; tivo con elas unha relación que é lexítima, pero que eu non podo acompañar. Estes días saíu nos debates; cando Compostela foi capital da cultura a comezos dos 2000, Bugallo xestionou un préstamo de Aquagest para actividades culturais superior aos 2 millóns de euros a un 7% de xuro que aínda rematamos de pagar hai uns meses. Cando entendes que tanto ten contrata como banco ou que as contratas poden financiar cuestións que non teñen que ver cos servizos que prestan, estás a retratarte. Aí Bugallo, ademais de mercar o marco da dereita a respecto de poderes fácticos como contratas ou as promotoras tamén xoga a ser o garante de que os marcos non se van mover. Cadaquén marca as súas prioridades e nese campo, as nosas son antitéticas ás súas.

Vinculado con isto, os grupos da oposición coinciden en criticarlles falta de xestión nos asuntos diarios da cidade, poñendo como exemplo asuntos como a concesión de licenzas ou a concesión dos comedores escolares. É así?

Depende de quen veña. Ningún servizo se deixou de prestar e a cidade non entrou na apocalipse. Moitas veces colocouse o foco nos procedementos administrativos sen que chegase á vida real da xente. O Concello ten problemas estruturais, no mandato anterior estivo incurso nunha xudicialización que provocou resquemores e enlentece as tramitacións. Ten ademais un 20% menos de plantel que en 2008, pola taxa de reposición, que ademais está envellecido e ten que facer máis con menos. Hai puntos sensibles como a tramitación urbanística e de obra pública que van a un ritmo que poderían mellorar, iso é verdade, como tamén é que acontecía con anterioridade e que nos últimos anos se agravou pola situación estrutural que todo o mundo coñece. Os problemas que tivo Compostela Aberta na tramitación administrativa teríaos calquera forza política, os que fan esa crítica saben que terían os mesmos problemas. O que non quita que nós esteamos implantando a administración electrónica cun investimento de 2 millóns de euros, que se fixesen cambios en determinados departamentos ou esteamos a contratar persoal temporal xa que non podemos substituír o existente.

Sobre todo no primeiro treito do mandato a oposición municipal, tamén en clave de xestión, puxo moito o foco no estado da rede viaria. Vostede ironiza con que o fixeron “pai” de todas as fochancas da cidade. Cal era a situación que atoparon e cal queda?

"Ao chegar atopamos 8.000 euros para desbrozar 1.000 quilómetros de pistas e os contratos de mantemento esgotados. Atendemos o urxente e a situación é moito mellor, pero cun mandato máis a cidade luciría máis bonita"

Como se lle pode imputar a un goberno, a dúas semanas de chegar, a situación de abandono da cidade despois dun mandato onde pasou o que pasou e a cidade estaba abandonada en cuestións do día a día? Ninguén o cre, pero o traxe que nos fixeron pretendía sinalar iso. Ao chegar atopamos 8.000 euros para desbrozar máis de 1.000 quilómetros de pistas e contratos de mantemento ínfimos e esgotados. O primeiro que fixemos foi mirarnos e dicir: “estes meses van ser moi duros” e poñer en marcha ferramentas que multiplicaron o orzamento de mantemento. E ao tempo, desbloquear grandes infraestruturas como a intermodal. A situación a día de hoxe é moito mellor que en 2015, pero cun mandato máis a cidade luciría moito mellor. Fomos capaces de atender o máis urxente e foi moi complicado; agora queda o paso para que a cidade luza máis bonita.

No seu programa inclúen medidas para o que se dá en chamar a “gobernanza do turismo”. Hai barrios da cidade nas que a presión turística xa afecta con claridade á cuestión da vivenda, mesmo fóra da zona vella. Que poden facer ao respecto? Lanzaron iniciativas nas que competencias clave, como a inspección ou a imposición dunha taxa turística non dependen do Concello…

"Inserimos no debate político a necesidade de regular o turismo; a Xunta non pode provocar que Compostela pague o modelo turístico que eles teñen para todo o país porque a cidade corre o risco de morrer de éxito"

Nós inserimos no debate político da cidade unha cuestión que é sensible, a necesidade de poñer políticas públicas para regular o turismo. Máis alá de que levemos tres anos con cifras récord, o modelo turístico a granel non é o que queremos para a cidade e o que lle pode valer á Xunta, con Compostela como porta de entrada para o conxunto do país, non é o que lle vale á veciñanza. Hai un traballo do grupo Gálabra, da USC, que di que en 2015 o rexeitamento ao modelo turístico actual era do 30% na cidade e en 2018 xa está por riba do 45% e nalgunha zonas, como o casco histórico ou San Pedro, anda polo 60%. Hai unha ruptura da convivencia entre o turismo e as veciñas e veciños. No caso histórico, por exemplo, atopamos que aínda que puxemos en marcha a moratoria para a apertura de hoteis regulados, proliferaron os pisos turísticos aínda en regulación. Aí dende Concello fixemos unha diagnose con 1.000 pisos sen regular que xeran 6 millóns de negocio, colocan en inferioridade os hoteis e encarecen os alugueiros. O que podemos facer despois de diagnosticalo é incidir na regulación conxuntamente coa Xunta, non renunciando ás nosas competencias e facendo un esforzo na inspección. Agora dise: “é que non fostes duros na inspección”... É que temos un traballador para facer ese traballo. E o debate da taxa turística chegou para quedar. Somos conscientes de que o turismo supón o 20% do PIB da cidade e os beneficios deben socializarse. Dise que Santiago non ten a presión das grandes cidades europeas; pode que no cuantitativo non, pero xogamos nesa liga e temos que ter ferramentas para regular o modelo turístico. E a Xunta non pode provocar que Compostela pague o modelo turístico que eles teñen para o conxunto do país, porque a cidade corre o risco de morrer de éxito.

Noriega, nun acto de campaña con veciñanza de Carballal CC-BY-SA Compostela Aberta

Refírese á súa relación coa Xunta. O Concello de Santiago sempre ten como unha das súas claves a relación con outras institucións como a Universidade, a Igrexa e a propia Xunta. Que balance fai? No inicio do mandato estivo moi presente a Igrexa, ata o punto de que o deán da Catedral tivo que saír aclarar que non tiñan problemas…

Conseguimos desmitificar as posicións de parte, entendendo que esta é unha cidade construída dende o consenso de diferentes lecturas. Foi perfectamente compatible a laicidade con manter unha relación cordial coa Igrexa, mesmo colaborando con ela na acción social de maneira activa. Tamén foi compatible con recuperar a relación cunha universidade cinco veces centenaria que vivía de costas ao Concello e viceversa. E en canto á Xunta, demos moito máis do que recibimos. Fomos exquisitos na colaboración institucional en proxectos como a intermodal e o certo é que o trato recibido nalgúns casos tivo un nesgo partidario moi agudizado no que destacan algúns conselleiros. Algúns fixeron méritos dentro do Goberno, a ver quen lle pegaba máis forte ao Goberno de Compostela Aberta. A lealdade institucional aséntase na lealdade, non na submisión. Nós somos respectuosos, pero se nesta campaña cando alguén fala de lealdade institucional e recuperar a sintonía, ao mellor está falando de submisión.

Ata que punto cre que pode afectar á visión que a veciñanza ten de Compostela Aberta todas as tensións que houbo nos últimos anos no ámbito de En Marea e das confluencias?

"Nun contexto de fragmentación do construído dende 2012, en Compostela mantívose un espazo unitario que pode disputar hexemonías"

Nun contexto tan complicado de fragmentación do espazo construído dende 2012 o único positivo que podemos sacar é que na cidade se mantén un espazo unitario que pode disputar hexemonías. A veciñanza sabe que se busca un espazo que vaia dende a esquerda do PSOE á esquerda rupturista ou dende un galeguismo comprometido a un soberanismo, teñen un espazo unido e consciente do reto, que pode mirar de igual a igual ao PP e ao PSOE. Pero o negativo todo o mundo o sabe, hai unha sensación a respecto da fragmentación no campo nacional de moita frustración, porque estaba a obter grandes resultados. Eu percibo que non se entende que nun momento tan importante, mesmo con riscos de ascenso da extrema dereita, no defensa dun proxecto de país e social ese espazo non estivese cohesionado. Pero hai problemas e hai solucións, as desgrazas non teñen solución e nós actuamos no noso campo de acción, mesmo tentamos intermediar aínda que non fose posible e mesmo malinterpretado.

No libro A contradición permanente vostede fala en diversos treitos da palabra “derrota” para falar dese proceso. Por que?

Porque no campo da esquerda semella que hai un momento no que se impugna a totalidade e outro no que as partes arman as posicións de parte e desarman a colectiva. E administran unha certa derrota asumindo que o único rol que queda é o de ser subsidiario das forzas tradicionais. Pero eu creo que non hai que facer renuncias e se poden construír espazos amplos que disputen hexemonías e a iso temos que aspirar no país. Aspirar a ser subsidiario do PSOE, ou caxato en deputacións e concellos é un mal menor, pero non estamos obrigados a aceptar o mal menor como único marco.

"Se hai unha vitoria véxome cun compromiso coa cidade no que sería o meu último mandato; se non, Compostela Aberta nunca vai favorecer un goberno coa presenza da dereita"

Onde e como se ve o 15 de xuño, o día da constitución da nova corporación?

Se hai unha vitoria e a posibilidade de liderar a nova etapa na que está a cidade, evidentemente cun compromiso coa cidade no que sería o meu último mandato para completar un traballo que non é menor. E se iso non é así, eu sempre digo que un é propietario das súas vitorias pero non das súas derrotas. E iso habería que substancialo no colectivo, en Compostela Aberta, que nunca vai favorecer por activa nin por pasiva un goberno con presenza da dereita, lonxe do branco e negro ao que algúns a pretenden levar. O meu compromiso coa cidade é claro, é un reto apaixonante.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.