En abril de 2017 o alcalde de Santiago, Martiño Noriega, e o seu homólogo de Valladolid, o socialista Óscar Puente, xuntáronse nun acto pouco frecuente. Nun encontro organizado pola forza que sustenta o goberno da capital galega, Compostela Aberta, Noriega e Puente, daquela tamén membro destacado do equipo de Pedro Sánchez nas primarias do PSOE que acabaría gañando con amplitude o actual presidente do Goberno de España, compartiron impresións sobre os atrancos que o Executivo de Mariano Rajoy estaba a poñer aos concellos para recuperaren servizos públicos cuxa xestión fora privatizada.
As mensaxes do socialista Óscar Puente a prol da municipalización da auga son interpretadas por Compostela Aberta como un reforzo do seu plan para recuperar a xestión deste servizo, primeiro eixo das súas propostas nesta campaña
Naquel evento Noriega explicara os pasos que estaba a dar o goberno compostelán para tentar "remunicipalizar" os servizos de ORA e guindastre -o proceso finalizou, non sen turbulencias administrativas e legais, en marzo de 2018- e Puente centrárase na desprivatización de augas da súa cidade, que naquela altura avanzaba entre múltiples atrancos e que aínda agora segue gañando batallas xudiciais. O rexedor galego resaltara a vontade do Concello santiagués de procurar tamén a municipalización deste servizo, ao xeito de Teo, unha vez culminada a da ORA. O alcalde e candidato socialista vallisoletano vén, indirectamente, de contribuír a reavivar o debate da auga tamén na campaña compostelá cara ao 26M.
Este mesmo xoves o dirixente socialista, voceiro da Executiva do PSOE, revelou a través das redes sociais que en plena campaña están a aparecer por Valladolid libros editados polo "lobby da auga" criticando a remunicipalización deste servizo que, coida, procuran a súa "difamación" e evitar que recunque na alcaldía. Esa publicación, subliña, está impulsada por organizacións nas que, lamenta, participan entre outros, "dous ex-ministros do PSOE", un deles o galego Francisco Caamaño.
"Unha mensaxe para os do lobby da auga: tirades os cartos pagando a estes catro, non hai marcha atrás. Imos seguir gobernando" e "a xestión pública da auga xa forma parte do programa marco municipal do PSOE" porque " a remunicipalización é un éxito", concluíu Puente nunha mensaxe que foi especialmente ben recibida en Santiago por parte de Compostela Aberta.
A xuízo dos de Noriega, esa posición dun dirixente próximo a Sánchez reforza a súa aposta por procurar a municipalización da auga en Santiago no vindeiro mandato municipal, primeiro eixo das súas propostas durante a campaña, e debilita a do PSdeG compostelán, que non o ve prioritario malia á aposta do programa xeral do PSOE para o 26M.
Noriega asegura que se Compostela Aberta segue a gobernar, a municipalización da auga "ten que materializarse no primeiro tramo do mandato" e pon o foco no "préstamo de máis de 2 millóns" que a empresa concesionaria fixo ao Concello a finais dos 90
Noriega asegura que se Compostela Aberta segue a gobernar, a municipalización da auga "ten que materializarse no primeiro tramo do mandato" porque "xa temos camiño andado", toda vez que xa foi creada unha comisión para estudar a operación e "xa encargamos auditorías que, estamos convencidos, demostrarán que é maís eficiente a xestión directa". "Tamén demos outros pasos para fiscalizar o servizo", na actualidade prestado pola empresa Viaqua -antiga Aquagest- mediante un contrato que ten a súa orixe en 1992 e "acumula modificacións moi cuestionables que afectaban a condicións fundamentais, que estenderon con prórrogas ata este mes de maio de 2019 e que nalgún caso incluíron irregularidades recoñecidas polo Tribunal de Contas", resaltan.
Noriega e o actual edil de Medio Ambiente e membro da súa candidatura, Xan Duro, poñen o foco especialmente na "última modificación da adxudicación a Aquagest, en 1998", a cal tamén estivo moi presente no debate electoral organizado esta semana pola Facultade de Ciencias Políticas da USC. Daquela, relatan, "a empresa accedeu a facerlle un préstamo de máis de 2 millóns de euros ao Concello para financiar eventos relacionados coa Capitalidade Europea da Cultura", o cal se acordou "devolver a Aquagest a través da propia taxa da auga" cun "tipo de xuro do 7%", moi superior ao dunha entidade bancaria, resalta a formación. Esa situación, censuran, é atribuíble á xestión da etapa na alcaldía do actual candidato do PSOE, Xosé Sánchez Bugallo.
A posición de Bugallo
Durante o mandato municipal que agora remata o BNG compostelán amosouse partidario de explorar a municipalización da auga malia discrepar do xeito en que Compostela Aberta xestionou o proceso, mentres que PP e PSdeG se desmarcaron del. Ese desmarque reafírmao o ex-alcalde e agora candidato, Sánchez Bugallo, que en días pasados foi cuestionado polo plan incluído no programa de Noriega. "A da municipalización" da auga "non é unha aspiración do Grupo Socialista" en Santiago, zanxou Bugallo.
"A da municipalización non é unha aspiración do Grupo Socialista", ratifica Bugallo, que ve a Compostela Aberta "incapaz" de xestionar un proceso coma ese
Así e todo, o aspirante socialista coida que cómpre ter en conta que "nos últimos catro anos" o goberno de Compostela Aberta "demostrou, de forma palmaria, a súa absoluta incapacidade para convocar un concurso como o da auga, como o do transporte ou como o da limpeza viaria". E ademais, acusa, "montou o lío que montou con temas sinxelos como os comedores escolares". "Agora nos di que quere xestionar o servizo de auga e saneamento, toda unha garantía", ironiza para concluír que "os cidadáns de Santiago poden estar tranquilos" porque "os de Noriega non van gañar as eleccións" e esa municipalización non se realizará. "Senón, deberían estar realmente preocupados" mantén.