Noriega e o alcalde socialista de Valladolid apelan a mobilizarse contra as restricións de Rajoy aos concellos

Encontro de Martiño Noriega e Óscar Puente sobre as remunicipalizacións CC-BY-SA Compostela Aberta

Dous alcaldes de forzas políticas diferentes -e, nalgúns ámbitos, abertamente enfrontadas- compartindo acto público á marxe do estritamente institucional para lanzaren unha reivindicación común. O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, e o seu homólogo de Valladolid, o socialista Óscar Puente, subiron xuntos este luns ao escenario da santiaguesa sala Capitol para, nun encontro organizado por Compostela Aberta, reivindicar a "marxe de manobra" dos gobernos municipais. O evento fora convocado para abordar os procesos de recuperación de servizos privatizados e as súas dificultades, aínda que tornou nunha chamada á mobilización municipal fronte ás restricións do Goberno de España.

Puente, membro da plataforma de Pedro Sánchez nas primarias á secretaría xeral do PSOE, presentouse ironicamente como "un converso" a respecto das remunicipalizacións de servizos "por pura esencia democrática". A "actitude hostil" que atopou o seu goberno para municipalizar o servizo de augas, que avanza entre recursos xudiciais -un deles, formulado polo Estado-, admite, levouno a ser máis belixerante na reivindicación de que "a xestión dos servizos públicos non a poden decidir as empresas privadas". Cando tomou o bastón de mando tras cinco maiorías absolutas do PP, exemplifica, o goberno local mesmo descoñecía o estado da rede de abastecemento e saneamento da cidade.

"As resistencias ás municipalizacións teñen o obxectivo de que non sigamos"

"Para externalizar son todo facilidades, pero son todo dificultades para recuperar os servizos", acredita Noriega, en cuxo caso a primeira remunicipalización abordada está a ser a dos servizos de ORA e guindastre "despois da sentenza xudicial" que anulou a adxudicación outorgada polo goberno de Gerardo Conde Roa en 2012 co caso Pokémon de fondo. Tras "vinte e seis informes" sobre o proceso, agora encamiñado para a súa aprobación en pleno, detalla, o rexedor compostelán coida que as "resistencias" atopadas en ámbitos como o Ministerio de Facenda teñen un obxectivo último: "que non sigamos" adiante nin con esta municipalización nin con outras. Por iso, asegura, "estou convencido de que nola van recorrer"

"Obrigados a cooperar"

O freo ás municipalizacións, que o Goberno central procura agora atrancar tamén cunha nova disposición incluída nos Orzamentos de 2017, é para Noriega e Puente unha mostra das razóns polas que os concellos "estamos obrigados a cooperar" aínda que teñan gobernos de signo distinto. Se cadra, ironiza Noriega, cómpre "acampar diante do Congreso" para facer ver esta e outras reivindicacións, como a fin da restrición que impide aos gobernos locais gastar en servizos públicos os aforros que xeran. "Unha noite acampados diante do Congreso viría moi ben ao municipalismo", agrega Puente, quen asegura "poder dicir" que "agora" nas Cortes Xerias "non hai ninguén que nos represente como concellos".

"Unha noite acampados diante do Congreso viría moi ben ao municipalismo"

A "incomprensible" normativa do teito de gasto ou a "imposición" da alcumada como lei Montoro provoca, coida Noriega, que os concellos estean "obrigados a pelexar" por recuperar o que noutrora era "un espazo para a política transformadora". A normativa estatal, censura, impide na actualidade accións antes ordinarias como a contratación de "cuadrillas" para o "mantemento da cidade", agora substituídas por contratos de obras con empresas externas. "Despois, os mesmo que impiden contratar, o PP, veñen a queixarse polo deterioro" da rede viaria de Santiago, censura.

"Hai que facer algo" e o momento para abordar a "reforma local pendente" é o actual, asegura o rexedor de Valladolid, aproveitando a "debilidade" parlamentaria dos conservadores. E o primeiro paso, agrega, é frear a restrición ás municipalizacións incluída nos Orzamentos, xa que esa lei, advirte, "aínda non está aprobada". Só así, concordan ambos, será posible abordar decisións políticas como as propias municipalizacións, que no caso santiagués, sinala Martiño Noriega, estarán enfocadas tamén ao servizo de augas contra o final do mandato se as "sentenzas xudiciais" que "estan caendo" sobre o consistorio a respecto de adxudicacións pasadas non xeran "situacións sobrevidas".

Noriega, nun intre do acto CC-BY-SA Compostela Aberta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.